Un Mondoñedo á alza e un San Roque reforzado

O Mondoñedo está no seu mellor momento da tempada en canto a resultados. O Mondoñedo acumula tres vitorias seguidas na casa e afástase dos postos de descenso directo. Mentres tanto, continúan chegando fichaxes á categoría. Se non hai cousa de novo, Vigo, Jul e Yelko recalarán no San Roque procedentes do San Lázaro.

Na zona norte, o Iberia mantense como líder. Conta con catro puntos de vantaxe sobre o Folgueiro e seis con respecto ao Xermade. O equipo de San Miguel de Reinante asinou o seu terceiro empate nos último cinco partidos, os tres como local. Con todo, non perde no que vai de liga.

O Iberia empatou co Alfoz (2-2). O cadro alfocense chegou a ir gañando 0-2 ata o tramo final. Nos últimos minutos refíxose o Iberia tras un regular partido e logrou igualar. O Alfoz continúa na zona media da clasificación con dezasete puntos.

O Folgueiro reencontrouse coa vitoria logo de dúas derrotas seguidas. Os tres puntos permítenlle ao club do Vicedo seguir na única posición de promoción de ascenso. Síguelle o Xermade a dous puntos, o Riotorto a tres, o Casás a catro, o Celta Barreiros e o Sanci a cinco e o Sporting Pontenova a seis.



Os pupilos preparados por Manuel Vicente superaron ao Cabreiros (5-1). Foi o equipo visitante o que marcou primeiro. O Folgueiro remontou antes do descanso e logo foille máis sinxelo redondear o marcador no segundo acto. O Cabreiros é antepenúltimo con seis puntos de marxe sobre o descenso directo.

O Xermade, o Riotorto, o Casás e o Celta Barreiros cólocanse un tras outro na clasificación e son os equipos que pasan polo mellor momento de resultados. Suman tres vitorias seguidas cada un.

O Xermade gañoulle ao Guitiriz (3-2). Foi un primeiro tempo igualado, no que os visitantes se puxeron por diante. Con todo, ao pouco, precisamente o guitiricense Pedro igualou o resultado.



No segundo tempo, os locais lograron consumar a remontada. Anotaron o segundo por medio de Ivi, nunha acción a balón parado. Pedro agrandaría as distancias e asinaría o seu dobrete.

No tramo final, o Xermade quedou cun xogador menos pola expulsión de Anxo. O Guitiriz achegouse no marcador co segundo gol, pero non foi capaz de empatar.

O Riotorto venceu á Candelaria (4-0) no segundo partido de Roberto Ramallal dirixindo ao equipo. Tomaron vantaxe moi rápido con dous tantos. Aínda que o xogo se igualou máis no segundo tempo, os locais controlaron o encontro. Borja Silvosa, que regresou nas últimas semanas a un dos clubs polos que pasou, anotou un dobrete.

O Casás derrotou ao Muimenta (4-0). Os locais dominaron e tiveron moita presenza en área contraria. Na primeira metade un gol en propia e un de Román déronlle vantaxe aos capitalinos.

No segundo acto, Maira asinou o terceiro e Román completou o seu dobrete particular.



A boa traxectoria do Celta Barreiros permítelle empatar a puntos na clasificación co Sanci, o seu rival da pasada fin de semana (2-0). Con todo, foi un partido bronco e de pouco fútbol.

Nos primeiros 25 minutos, os locais gañaban xa co 2-0. No Sanci lamentaron a baixa de Uru, que tivo que marchar do campo en ambulancia. O xogador está pendente de coñecer o diagnóstico final

Na zona baixa, o protagonismo é para a reacción do Mondoñedo. Tres vitorias nos últimos cinco partidos. As tres conseguidas no Viñas da Veiga de xeito consecutivo. Acumula 15 puntos e pon terra de por medio co descenso directo, do que o separan nove puntos.

Derrotou a un Sporting Pontenova (2-1) que marchou enfadado coa actuación arbitral. Cando o partido transcorría 0-0, Costea lanzou un penalti que lle parou Alberto, no rexeite o dianteiro visitante marcou pero o colexiado anulou o tanto.

Un bo Mondoñedo púxose por diante, tras esa acción. Costea si marcaría co permiso do árbitro máis tarde para empatar. Saíron ben os locais no segundo tempo, puxeron o segundo e souberon sufrir no último tramo de partido.

Sumou o segundo punto da temporada o Cospeito. Igualou na Fonte coa Piringalla (1-1).

Na zona sur, o Ferreira segue no máis alto. Suma 29 puntos, logo de vencer a un rival directo. Queda con dous de diferenza sobre o Paradela e o San Roque e catro con respecto ao Becerreá.

O Ferreira logrou un triunfo de peso ante o Becerreá (2-1). O cadro visitante adiantouse no marcador, logo de xerar bastante perigo a balón parado. Jesu marcou de volea, despòis dun rexeite. Aínda así, os locais deron remontado o resultado xa na primeira parte.

O Paradela impuxo a súa lei no Castro Seoane ante o Antas (1-4). Entraron ben os locais, pero víronse penalizados por un erro defensivo á hora de encaixar o primeiro gol. Con esa vantaxe visitante chegouse ao descanso. No segundo tempo, o Paradela marcou o segundo e foi a máis. Félix tentou volver meter aos seus no encontro cun gol, pero rapidamente volveron sentenciar de volta.

O San Roque adiantouse na primeira metade por medio de Emilio. O Palas puido igualar na segunda metade. Ata dispuxo dun penlati a favor, pero Ricoy paroullo a Julián.

O equipo preparado por Piru gaña enteiros esta semana. Prevese que no encontro desta fin de semana, se nada se torce, cheguen ao equipo Vigo, Jul e Yelko, tres dos referentes do ascenso o curso pasado do San Lázaro á Primeira.

Do 5º ao 7º están empatados a 23 puntos: Brollón, Palas e Santa Comba.

O Brollón viviu un duelo intenso a domicilio contra o Lemos B (2-2). O filial foi quen se puxo por diante grazas a un gol en propia porta. Ao pouco, Maza empatou para os visitantes.

O Lemos B entrou ben no segundo tempo e xerou ocasións claras ao contraataque. O gardamallas Dani tivo un bo papel baixo paus. Con todo, quen marcou primeiro o segundo foi o Brollón por medio de Isma. Nos últimos intres, os da casa obtiveron recompensa e anotaron o tanto do empate tras un rexeite.

Calquera puido gañar no Santa Comba – Portomarín. Resolveuse nos últimos intres con gol favorable aos locais. Varo anotou para levar os tres puntos, que tiveron unha dedicatoria especial para Marcos Arias.

O Páramo conseguiu o segundo triunfo seguido ante o Incio (3-1). Tres puntos importante ante un rival directo por evitar caer para a zona baixa. O cadro das Rapadas mantense na zona media e queda con oito puntos de marxe sobre o antepenúltimo.

O Friol superou ao Rubián noutro duelo directo (2-1). Realizou unha boa primeira parte, na que tomou dous goles de vantaxe. Ao inicio do segundo tempo, os visitantes recurtaron diferenzas e pelexaron ata o final polo empate. Resistiron os locais, a pesar de xogar os últimos minutos de partido cun xogador menos por lesión.

O Chantada B logrou unha importantísima vitoria ante o Quiroga (1-2). Encontro igualado e de nervios pola situación clasificatoria de ambos os conxuntos. Os locais puxéronse por diante xusto antes do descanso.

O filial chantadés non se veu abaixo no segundo tempo e remontou. Iker marcou os dous goles dos seus, que lles permiten saír momentaneamente da zona de descenso directo á que cae o Rubián. Non obstante, ambos están empatados a nove puntos.

Un Mondoñedo á alza e un San Roque reforzado

O CD Lugo B dá un festival

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *