#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal

A última final da temporada

O verán chegou oficialmente, aínda que este ano parece que leva con nós desde sempre. Como aquela fichaxe que está máis que cantada pero que non se fai oficial ata finais do mercado. O dito, con esta estación o calor comeza a pedir máis piscina e praia ca campos de fútbol. Aínda así, hai unha especie resistente que non quere marchar. Cando  a maioría dos equipos xa andan a voltas coa vindeira temporada, hai dous no fútbol lucense que están centrados na competición, e non é para menos, xa que hai un título en xogo.

Monterroso e Lugo B enfróntanse este domingo ás 18:30 h en Cantarrana na final da Copa de Primeira e Preferente. Un representante de cada categoría e ambos nunha situación similar. Os dous equipos realizaron unha gran temporada na competición regular e estiveron ata o final loitando polos seus respectivos ascensos. Agora, a Copa pode servir para poñerlle un punto final redondo a esta campaña.

«Sabemos que o rival é favorito» Adrián Vázquez, adestrador do Monterroso

O Monterroso actuará como local en Viveiro e o Lugo B como visitante

«Tomamos a Copa sen presión ningunha. Seguimos cun grupo bastante amplo. Fumos pasando rondas e competindo moi ben. Sabemos que o rival parte como favorito, pero trataremos de ser competitivos» comenta Adrián Vázquez, adestrador do Monterroso quen terá dispoñibles a todo o grupo que participou na Copa. Un torneo que foron solventando, eliminando a rivais difíciles. «Tivemos a fortuna no calendario que xogamos todos os partidos como locais, aínda que nos tocaron rivais moi duros. O Bóveda que fixera unha segunda volta espectacular, o Ribadeo de Preferente e o Riotorto que foi un equipo moi competitivo.»



Para o adestrador monterrosino o favoritismo do Lugo B é claro «Calquera afeccionado que vexa que o Polvorín foi cuarto na Preferente, que é filial do Lugo é normal que sexa favorito. É un equipo con bos xogadores, dinámico e con bo manexo de balón«. Non obstante van ir a gañar «Nos imos tratar de facer o noso partido e temos que ser moi solidarios e moi efectivos«, apunta Vázquez.

Pola súa banda o filial albivermello chega ao choque con baixas seguras importantes como as de Cuadrado, Góngora, Edgar, Javi Rey ou Josito. Sen embargo, o conxunto está en forma a pesar de estarmos a finais de xuño: «non paramos de adestrar, seguimos preparándonos tres ou catro días por semana. Estamos con gañas de que chegue o día, gañar e irnos de vacacións que tamén apetecen a estas alturas» afirma José Durán, técnico do Lugo B.

«Están coas mesmas gañas e ilusión ca nós», José Durán, técnico do Lugo B



O adestrador José Durán fíxose cargo do filial do Lugo despois de adestrar ao primeiro equipo na última parte da pasada temporada
Javi Rey é un dos xogadores do Lugo B que non estará na final deste domingo

O conxunto da capital da provincia estivo todo o ano nos postos altos da Preferente. «Creo que a temporada é moi boa. Por pequenos detalles non consegues ascender e porque hai outros equipos que tamén buscan o mesmo e todos non podemos subir», apunta Durán quen ve ao Monterroso un equipo con «moi bo adestrdor e con xogadores con experiencia en superior categoría. Chegaron moi ben a este final de curso. Seguro que están coas mesmas gañas e ilusión ca nós. Será unha final igualada e disputada e a ver quen é capaz de levala».

Ambos equipos subirán ata a Mariña Lucense, en Viveiro para xogala final. «É o escenario perfecto. É un dos campos con máis tradición da provincia de Lugo. Non podendo ser no Anxo Carro, na Madalena ou na Pinguela o campo do Viveiro é perfecto. O Viveiro pelexou moitos anos por ascender á Segunda B» destaca José Durán. Da mesma opinión é Adrián Vázquez, a quen lle queda un pouco de pena pola afección. «O día do Outeiro metemos na casa arredor de 800 persoas. Se fose nun campo dun ratio de 40 km poderiamos achegarnos a esas cifras. A Viveiro irá xente pero non se van chegar a eses números. Nós falamos coa Federación e as circunstancias son as que son.  Déronse condicionantes de que non había ningún campo de herba para disputala no noso ratio. Pero Cantarrana a nivel instalacións é espectacular«, conclúe Adrián Vázquez

Ao final, entre calor, fútbol e competición aínda descubrimos que se poden mesturar este domingo. Co partido ás 18:30 h e en Viveiro, non priva a ninguén de pasar antes pola praia ou piscina para despois desfrutar da última final da temporada.

 

A última final da temporada

Diario dun mercado. Episodio 18

A última final da temporada

Diario dun mercado. Episodio 19

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *