‘Ninguén dubida da competitividade do Racing‘. Foi un dos titulares que nos deixaba Simón Lamas a comezos de semana. Un mensaxe para descoñecedores do conxunto chairego, xa que, na nosa provincia ninguén o dubidaba. O Racing Vilalbés é líder logo da primeira xornada.
Oviedo Vetusta – Racing Vilalbés (1-3). O debut soñado. O Racing saiu ao campo do Requexón como se fora un veterán na categoría. Con personalidade e coas ideas moi claras. O balón tívoo o filial oviedista, pero sen amosarse cómodo con él. A presión alta dos chairegos dificultaba a circulación dos asturianos e os de Simón Lamas buscaban xerar perigo tras roubo. A primeira ocasión foi para o Vetusta cun lanzamento de Charbel desde a frontal que Santomé desviou moi atinado.
Aos vinte minutos adiantouse o Racing Vilalbés. Jose Varela centrou e Álex Pérez controlou, desfíxose do seu marcador e definiu á perfección. Primeiro gol na nova categoría e un tanto que reforzou a idea do cadro lucense. Os de Jaime Álvarez estiráronse na procura do empate e Marco Esteban rematou con perigo un córner que detivo Santomé. Preto da media hora, nunha contra chegou o segundo tanto, obra de Cristian.
Na segunda metade, o adestrador local realizou catro trocos e o Vetusta gozou dos seus mellores minutos, con moita presencia nas inmediacións da area racinguista, aínda que sen ocasións de gol. Aos sete minutos da reanudación, o colexiado sinalou un penalti moi discutible de Luis Castro sobre un atacante local que transformou Miguelez. O Racing Vilalbés entrou nuns minutos de desconcerto que propiciou varias perdas na saída de balón, que o conxunto astur non aproveitou.
Co paso dos minutos os de Simón Lamas colléronlle de novo o pulso ao encontro e Pablo Rey, no primeiro balón que tocou logo da súa incorporación ao encontro, botou unha falta que se colou na portería de Marco coa colaboración dun defensor. A partir de aí, os trocos déronlle aire a un Racing que xa acusaba o esforzo e apenas sufriu ata o final para manter o resultado.