#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trío de Ases Terceira (Xornada 28) e Preferente (Xornada 29)

Xornada cun só triunfo para os conxuntos lucenses. Foi o da Sarriana no derbi provincial ante o Castro, ao que goleou por sete tantos a cero. O resto dos marcadores da Preferente deixáronnos un empate á desesperada do Viveiro en Cantarrana e outro moi valioso do Foz en Arteixo, mentras que o Ribadeo rachou a súa boa racha no campo do Dubra. Na Terceira empate sen goles do Racing Vilalbés ante o Somozas e derrota do Polvorín, seis xornadas despois, no campo do Arenteiro.

O Polvorín caeu derrotado na súa visita ao Carballiño  (2-1) e rachou a súa boa xeira. Nun Espiñedo ateigado de siareiros, o filial lucense non entrou ben no encontro e no primeiro minuto de xogo, o conxunto local xa mandaba no marcador, ampliando as diferencias á beira da media hora. Aínda que os de José Durán tiveron opcións de marcar non estiveron acertados. Na segunda metade o dominio lucense foi absoluto, aínda que as ocasións non foron excesivas. Só Antón Escobar a falta de un cuarto de hora para o final foi quen de recurtalas diferencias.

O Racing Vilalbés non pasou do empate na Madalena ante o Somozas (0-0). Os chairegos non estiveron acertados ante a porta do lucense Manu Cedrón, que estivo sobresaínte. Juan de Dora e Álex Pérez tiveron as ocasións máis claras na primeira metade. Na segunda os mesmos protagonistas, e mesmo Javi Ballesteros, Javi Varela nun lanzamento de falta ou Xusto rozaron o tanto, pero a puntería non estivo do lado dos de Simón Lamas, que cumpriu o seu primeiro partido de sanción. O Somozas apenas inquedou a meta de Javi Pita, tan só por medio dun disparo do ex rancinguista Gerardo. Ademáis do gardameta Manu Cedrón, o tamén lucense Álex Pérez disputou os noventa minutos no conxunto de ferrolterra.



Empate in extremis do Viveiro en Cantarrana ante o Boimorto (3-3). O conxunto mariñán adiantouse nunha contra despois da pelexa de Rolle por un balón desde o chan. Álex Meitín deixóulla en bandexa a Agus, que definiu ante o porteiro. Cun Viveiro sen control no mediocampo, os visitantes acadaron o empate tan só dous minutos despois. O central Oli atopou un balón morto que empurrou ao fondo das mallas. Ámbolos conxuntos xeraron perigo, pero foi o Boimorto o que fixo o segundo na última acción do primeiro tempo. Nunha falta moi preto da liña da área grande, o disparo de Luismi bateu nas dúas escadras e colouse na meta viveirense. A segunda metade foi de tolos. O cadro visitante marcou o terceiro nunha contra que culminou Figurín a falta de cinco para o final. Cun home menos pola expulsión de Rolle e cun rival que tentaba xogar o mínimo posible, o desconto fíxose interminable. Preto do minuto 97, Álex Meitín reduxo as diferencias e case que dez minutos por enriba do tempo regulamentario, Nathan, cun zurdazo acadou o empate para ledicia de Cantarrana. Primeiro gol do extremo coa camisola celeste. O Viveiro sobreviviu ao mataxigantes da Preferente, un Boimorto que xa gañou no campo do Arzúa e foi o único que derrotou ao intratable As Pontes.

A Sarriana goleou ao Castro nun derbi provincial sen historia (7-0). O conxunto dirixido por Alberto López imprimiu un ritmo infernal ao encontro desde o seu comezo. Rubén Díaz e Omar con sendos dobletes, Mauro, Álvaro e Diego Arias fixeron os tantos dos sarriaos. O Castro apenas inquedou a meta de Ayoub. Logo dos empates de Viveiro e Arzúa e a derrota do Noia, a Sarriana sitúase terceira a tan só catro puntos dos postos de ascenso directo. Debutou non conxunto da Ribela, Simón, ex da Residencia.



O Ribadeo, nove xornadas despois, caeu derrotado no campo do Dubra (3-1). Encontro entre conxuntos en racha, posto que o cadro local acadou a oitava vitoria consecutiva. Primeiro tempo moi igualado que rematou sen goles e sen moitas ocasións. Na segunda, o Dubra achegouse con máis perigo á meta de Hugo e anotou dous tantos. Javicho recurtou diferencias a tres minutos para o final, pero o triunfo local non correu perigo. No desconto sentenciaron os de Adrián Vázquez.

Meritorio punto o acadado polo Foz no campo do Arteixo (2-2). Os de Gayol retornar da Ponte dos Brozos cun sabor agridoce, xa que, tiveron o encontro de cara para acadalos tres puntos. Asier na primeira metade e Gonzalo na segunda puxeron o marcador claramente favorable para os mariñáns. O propio Asier puido facelo terceiro e pechalo partido pero non estivo acertado. No último cuarto de hora dous tantos do ex ribadense Dapo rescataron un punto para o conxunto local. O Foz, logo desta xornada, sería o primeiro conxunto en caer á Primeira Autonómica por arrastres.

Trío de Ases Terceira (Xornada 28) e Preferente (Xornada 29)

Palabra de… Mario Gómez: «Que bonito é

Trío de Ases Terceira (Xornada 28) e Preferente (Xornada 29)

As nosas redes falan

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *