Trío de Ases Terceira (Xornada 26)

Nova semana con resultados positivos para os nosos equipos. Aínda que a Preferente fixo un parón para disfrutalo Entroido, a Terceira disputou a súa vixésimosexta xornada. O Polvorín gañou en Boiro, rival directo pola permanencia, e aupouse á zona media da clasificación e o Racing Vilalbés acadou un punto de mérito ante o Bergantiños, que chegaba á Madalena como líder.

Cuarta vitoria consecutiva do Polvorín, desta volta no sempre complicado campo de Barraña ante o Boiro. Xusto resultado para os pupilos de José Durán, que xa suman 34 puntos e dan un chimpo importantísimo na clasificación. O conxunto lucense controlou o partido na primeira metade, malia que o Boiro chegaba a área de Cacharrón con certo perigo. Nos peores minutos do Polvorín, Porrúa puxo un bo centro desde a esquerda que Brunet rematou ao fondo das mallas. Na reanudación, o Boiro tentou o empate, aínda que Cuadrado puido facelo segundo, pero disparou alto. A sentencia chegaría a falta de pouco máis de vinte minutos para o final. Marcos, un dos homes máis en forma do filial lucense, anotou un gol olímpico. O saque de curruncho sorprendeu ao gardameta Rodri.

O Racing Vilalbés sacou un punto moi valioso ante o Bergantiños, que chegaba á Madalena no primeiro posto da Terceira. Malia non ser o mellor encontro, os de Simón Lamas souberon termar do resultado durante toda a segunda metade. Adiantáronse no marcador os visitantes nunha acción a balón parado, na que foi a primeira ocasión do partido. Rubén Rivera, o pichichi da categoría, cabeceou a gol. Non tardou en igualar o cadro chairego. O lanzamento de Álex Pérez atopouse coa colaboración do gardameta Bugy e rematou co balón na rede. Oitavo gol do dianteiro coruñés nesta temporada. O Racing gozou dalgunha ocasión máis na primeira metade, pero na segunda faltoulle presencia ofensiva. O monterrosino Álex Diéguez entrou na segunda metade nas filas do Bergantiños e gozou dunha boa ocasión , pero o seu disparo saiu alto. Sexto encontro sen perder que suma o Racing Vilalbés, que se mantén fóra dos postos de descenso.

 

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario