#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trío de Ases O Cantón. O Viveiro vence ao Polvorín no derbi provincial

Derrota pola mínima do Racing Vilalbés na Madalena fronte ao Langreo en Segunda RFEF. En Terceira, o Viveiro venceu ao Polvorín no derbi provincial de Cantarrana, mentres que a Sarriana caeu pola mínima na súa visita á UD Ourense. Na Preferente xornada sen vitorias lucenses. A estrea de Juanlu Bernal no banquiño do Lemos saldouse cun empate fronte ao Noia. Un punto tamén acadou a Residencia na Cheda diante do As Pontes. O Ribadeo caeu na súa visita ao Montañeros, mentres que o Lemos fixo o propio no Arturo Pereiro fronte ao Sofán.

Un dos mellores encontros do Racing Vilalbés saldouse co triunfo do Langreo (0-1)

O fútbol non foi xusto co Racing Vilalbés na Madalena. O encontro fronte ao Langreo resultou dos mellores da temporada, pero a falta de acerto condeou aos de Simón Lamas. Cristian, que volvía á titularidade, contou con dúas boas opcións para marcar. O Racing tivo o dominio territorial e a continua sensación de perigo diante dun Langreo que non foi quen de inquedar a Álex Santomé.

A segunda metade comezou dun xeito semellante. Santi Gegunde tivo nas súas botas unha ocasión moi clara que se atopou coa gran resposta do gardameta Adrián Torre. Nunha acción aillada, Joselu aproveitou un rexeite da defensa chairega para anotar o único tanto do encontro. O Racing non se veu abaixo e contou con varias ocasións para igualar a contenda, a máis clara de Rares.



O Viveiro gaña no derbi ante un Polvorín que suma a cuarta derrota consecutiva (2-0)

Comeza a carburar o Viveiro en Cantarrana, onde lle custou arrancar, pero o triunfo ante o Polvorín supón a segunda vitoria consecutiva. O cadro celeste saiu moito mellor ao campo e a presión alta fíxolle recuperar moitos balóns en campo contrario. Rolle errou unha pena máxima cometida sobre Manu, pero os de Alberto López non se viñeron abaixo. Nun saque desde o curruncho provocado nun roubo de balón en campo contrario chega o primeiro tanto. Jesu rematou ao fondo da portería no primeiro pao. O Polvorín igualou o encontro e tivo o dominio do balón. Hugo Díaz e Damián tiveron as opcións de gol máis claras para o filial albivermello.

Na segunda metade o Viveiro pasou a un bloque baixo e nunha falta lateral Gamarra fixo o segundo. O Polvorín tentou recurtar diferencias por medio de disparos de Julio e Taboada aos que Ayoub respostou moi atinado.



A Sarriana caeu pola mínima no campo da UD Ourense (2-1)

Difícil saída para os sarriaos na que estiveron preto de sacar algo positivo. O cadro local levou o peso do partido e foi bastante superior no primeiro tempo, gozando de varias ocasións claras para poñerse por diante, pero sen acerto. A Sarriana só se achegou á área rival por medio de Sane.

No segundo tempo, Varo, o ex do Polvorín, puxo por diante ao conxunto ourensán ao rematar un pase atrás. A Sarriana deu un paso adiante co marcador en contra e un saque rápido e milimétrico de Javi Liz deixou a Diego Rey só fronte a Álex Cobo e o estremo lucense definiu acadando o empate. No último tramo do encontro, a Sarriana acusou o esforzo físico, xa mermados polas lesións de Herrero e Keko. No minuto 85, nun saque desde o curruncho Javi Labrada fixo o segundo para a UD Ourense.

O Castro caeu co Sofán nun encontro ramplón dos chairegos (0-2)

Posiblemente o encontro máis frouxo do Castro no que vai de temporada. Os de Rafa Casanova non saíron ben ao encontro e a primeira media hora resultou de claro dominio visitante. A boa actuación do gardameta Josema impediu que se viran goles na primeira metade e deixou vivo ao Castro para a segunda metade.

Tras o paso por vestiarios o encontro igualouse, pero viuse un fútbol moi trabado e con moitas interrupcións onde primaron os balóns directos. Hugo Buide tivo nas súas botas a ocasión máis clara para o Castro, pero non estivo atinado. Na contra o Sofán logrou marcar por medio de Montero. Con seis minutos por diante, os chairegos seguírono intentando, pero noutra contra Martín Pereira sentenciou para os de Carballo.

Dous tantos en propia porta impiden o triunfo dun bo Lemos diante do Noia (2-2)

Debutou Juanlu Bernal no banquiño da Pinguela e fíxoo nun bo encontro dos monfortinos, que lle plantaron cara a un dos favoritos ao ascenso como é o Noia. O Lemos entrou ben ao partido, cunha presión alta que serviu para roubar en campo contrario, aínda que sen xerar claras ocasións de gol. Sobrepasada a media hora de xogo, o Lemos repregou liñas ante o avance do Noia, pero foron os locais quen marcaron primeiro cun bo tanto de Mauro. Antes do intermedio, nunha acción a balón parado Borja Castro, nunha acción desafortunada, meteu o balón na súa portería.

No segundo tempo o Lemos saíu cunha presión alta e foi mellor nos primeiros minutos, alternando o dominio posteriormente co Noia, que foi quen de adiantarse noutro tanto semellante ao primeiro. Neste caso foi Aissa quen marcou na súa propia portería. O Lemos soubo repoñerse do mazazo e nos últimos dez minutos, os de Juanlu foron superiores. Preto do final, Borja Castro logrou a igualada.

O Ribadeo colleita no feudo do Montañeros a cuarta derrota consecutiva (2-0)

Saiu mellor ao campo o conxunto coruñés, que foi protagonista con balón durante os primeiros minutos, aínda que sen xerar situacións de perigo sobre a portería de Hugo. Aos vinte minutos de xogo Pape, ex do Riotorto a pasada campaña, aproveitou un desaxuste defensivo para adiantar ao Montañeros. O Ribadeo tentou incomodar a zaga rival, aínda que sen moito éxito nun primeiro tempo de dominio local.

No segundo tempo o Ribadeo foi superior e dispuxo de varias ocasións para marcar. Os de Dani Moirón conseguiu neutralizar a posesión de balón e chegar á área rival con claridade. Criss viu como lle anulaban un gol por un fóra de xogo dubidoso e Tichu a piques estivo de marcar cun testarazo que saiu fóra por moi pouco. No minuto 83 o Montañeros sentenciou por medio de Jonathan. O Ribadeo seguiu procurando o gol e Asier, Guntín e Álex Meitín contaron con ocasións para marcar.

A Residencia non pasa do empate co As Pontes na Cheda (3-3)

Comezou ben o encontro para os de Dani Galán. Aos catro minutos de xogo un tiro de Iago rexeitao a defensa e Rasilla superou a Pita cun potente disparo. Pouco despois Pereira contou cunha clara ocasión para incrementar as diferencias, pero foi o cadro visitante quen acadou o empate por medio de Michel, que aproveitou un balón mal despexado. Antes do descanso un lanzamento de falta de Dani Renda foi despexado a córner por Javi Pita nunha extraordinaria parada.

No segundo tempo Txiki tivo nas súas botas o segundo, pero este caeu do lado do As Pontes, obra de Esteban. No minuto 65 chegou o empate. O centro de Iago meteuno en propia porta Martín Traba. Só tres minutos máis tarde, o rexeite de Javi Pita a tiro de Dani Renda aproveitouno Edrosa para batir ao vicedense por baixo. A Residencia contou con varias contras moi claras para sentenciar que non aproveitou. Moi preto do final. Martín acadou o empate cun lanzamento pola escadra.

Trío de Ases O Cantón. O Viveiro vence ao Polvorín no derbi provincial

Romy (Paradela): «Se non axudo con goles,

Trío de Ases O Cantón. O Viveiro vence ao Polvorín no derbi provincial

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 13

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *