A xornada intersemanal de Preferente, a novena do campionato ligueiro, deixounos un só triunfo lucense. Foi o do Ribadeo no Pepe Barrera diante do Cidade de Ribeira nun encontro interrompido uns intres por mor dun apagón no tendido eléctrico. O Lemos sumou o seu sexto empate da temporada diante do Dubra e o Castro tamén igualou no Arturo Pereiro fronte ao Victoria. A Residencia caeu nun encontro no que mereceu máis diante do San Tirso.
O Ribadeo sitúase preto dos postos de ascenso tras derrotar ao Cidade de Ribeira (4-2)
Encontro totalmente condicionado polo forte vento e que propiciou un apagón da iluminación do Pepe Barrera e obrigou á suspensión momentánea do xogo cando este chegaba ao seu fin. Na primeira metade apenas se puideron ver ocasións de gol. O Ribadeo cedeulle o balón ao cadro visitante e cunha liña defensiva bastante adiantada buscou saír á contra con perigo. A imposibilidade de xogar o balón con precisión dificultou que se viran xogadas combinativas. No ecuador do primeiro tempo, unha clara man na área ribeirense foi sinalada como penalti e Xaime non errou desde os once metros. O Cidade de Ribeira apenas xerou perigo ata o minuto 45. O tiro cruzado de Aguado detívoo con acerto Hugo.
No segundo tempo as fortes rachas de vento non deron respiro e o fútbol pouco mudou respecto do primeiro. O Ribadeo aumentou diferencias logo doutro penalti, este máis discutido, cometido sobre Álex Meitín. Xaime foi o encargado de transformalo. Os visitantes non lle perderon a cara ao encontro e recurtaron diferencias pouco despois. O disparo de Aguado estrelouse no pao e Abi, atento ao rexeite, empurrou ao fondo da portería. O terceiro do Ribadeo chegou nunha recuperación de Iván Rodríguez que conectou con Asier, e este en xogada individual, superou a Juan. A falta de dez minutos para o final Adao volveu a recurtar diferencias e cando o encontro encamiñaba os seus últimos compases o Pepe Barrera escureceu. Logo duns intres puido reanudarse o xogo e Xaime completou o seu hat-trick ao aproveitar un erro do gardameta.
Sexto empate en nove xornadas para o Lemos, esta vez diante do Dubra (0-0)
Sabor agridoce deixa no cadro monfortino o resultado fronte ao Dubra. Aínda que mantén a portería a cero por segunda semana consecutiva, o Lemos fixo méritos para acadar os tres puntos. Primeira metade de dominio claro local, sendo quen de xerar varias ocasións claras de gol. Diego Torres, Álex e Sergio Seijas foron os protagonistas, pero non estiveron atinados. Os monfortinos viron como o colexiado lles anulaba un tanto por un fóra de xogo moi dubidoso de Dani Arias. O Dubra só chegou con perigo nunha ocasión á portería de Losada.
Comezou moi ben o Lemos na segunda metade, xerando perigo nas incursións por banda de Dani Arias. Sobrepasado o cuarto de hora de xogo, o encontro foi máis trabado e con máis fútbol directo. Os de Óscar Moure souberon adaptarse ao novo contexto e contaron cunha clara ocasión de Alami ao que respostou providencial Manu Jiménez e outra de Brais Pardo que tamén se atopou coa gran resposta do gardameta visitante.
Fito salva un punto na prolongación para o Castro diante do Victoria (1-1)
Non foi dabondo o tanto no último suspiro para facer xustiza ao visto sobre o terreo de xogo do Arturo Pereiro. O encontro resultou un monólogo do Castro que xogou os noventa minutos en campo contrario, mentres que o Victoria non foi quen de chegar á portería de Josema salvo na xogada do gol, xa no segundo tempo, nun erro defensivo local.
O mal estado do terreo de xogo e o forte vento que zoaba en Castro condicionaron un partido no que os de Rafa Casanova fixeron merecementos para lograr o triunfo. Pero tiveron que conformarse co empate na prolongación cun gol de Fito.
A Residencia é penúltima na clasificación logo da inmerecida derrota diante do San Tirso (0-1)
Bo partido o realizado polo conxunto lucense e no que o San Tirso levou un premio excesivo da Cheda. Os de Dani Galán tiveron o control do partido no primeiro tempo e contaron con dúas boas ocasións de Pereira e Rois para poñerse por diante. Sen embargo, foi o San Tirso quen levou o gato á auga. No minuto 41, os de Abegondo lograron o único tanto do partido nunha boa xogada de Carlos.
No segundo tempo, a Residencia puido darlle a volta ao marcador, pero non foi quen de aproveitar as numerosas ocasións de gol coas que contou, dúas delas nas botas de Edrosa. Yeray, Txiki e Rois tamén contaron con opcións para marcar, pero o balón non quixo entrar.