#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Sober e Sarriana B gañan de sete

A terceira xornada do Tres en Raia En Boas Mans de Terceira Futgal foi unha auténtica toleada de goles no grupo sur. A Sarriana B venceu por sete ao Bóveda e o Sober fixo o propio na Carqueixa fronte ao Río Sil no derbi. Pero Sporting Lucense e Monterroso B meteron catro cada un a domicilio e ambos lideran a clasificación con pleno de puntos.

No grupo norte a xornada resultou máis parella. O Goiriz é líder en solitario con tres vitorias noutros tantos encontros. Sígueo o Matela, que igualou co Castroverde e o Celeiro venceu ao Friol B e suma seis puntos en dous encontros.

grupo norte

O Goiriz remonta diante do Cazás e lidera a clasificación en solitario (2-1). Encontro invernoso o disputado no Ventiño, con moita disputa. O Cazás comezou mellor e Lois aproveitou un mal despexe da defensa para facer o primeiro. O conxunto visitante estivo cómodo durante boa parte da primeira metade, sen apenas sufrir, ata que nos últimos intres do primeiro tempo o Goiriz deu un paso adiante e Xoel igualou o marcador cun bo tanto de falta. No segundo tempo pouco fútbol e moita pelexa física. O cadro local chegou máis enteiro ao final e nos últimos intres Vizoso convertiu un penalti protestado polo Cazás para deixar os tres puntos na casa.

O Matela segue invicto tras igualar na casa co Castroverde (3-3). Seis goles se viron en San Lourenzo de Aguiar nun econtro no que os visitantes foron mellores en moitas fases do choque e adiantáronse cun gol de Gelo tras aproveitar un balón solto despois dunha falta e regatear ao porteiro. Igualou o Matela por medio de Maikel tras un claro penalti por man. O Matela deulle a volta ao marcador. No segundo tempo Pedro deulle a volta ao marcador cun bo gol desde a frontal. O Castroverde deu un paso adiante e Cancela non tardou en igualar e o veterán Richard voltou poñer arriba no marcador aos de Iago Núñez de vaselina. O cadro local acadou o definitivo empate tras unha contra ben levada por Maikel e Simao que culminou Pablo, xusto despois de que o Castroverde errara unha gran ocasión na área rival.



Dous de dous para o Celeiro tras vencer na Reigosa ao Friol B (0-2). Encontro parello no que o Celeiro tivo as mellores ocasións na primeira metade, aínda que sen acerto. A boa defensa dos de Bruno Castro, así como o longueiro evitaron o tanto do cadro mariñán. O Friol B saiu mellor dos vestiarios no segundo tempo e contou con bos achegamentos á área rival. O central celeirense Diego, moi atento, evitou varias ocasións. Cando peor o pasaban os de Jesús Rial, un balón á espalda da defensa aproveitouno o goleador Mora para superar ao gardameta de vaselina. A falta dun cuarto de hora para o final, o Friol B quedou con dez tras ver Brais unha dubidosa tarxeta amarela, que non empañou a boa actuación da colexiada Yawa Gbetsogbe. O Celeiro sentenciou cun gol de Restrepo ao aproveitar un bo centro de Duarte.

O fútbol na lama chegou a Paraños no traballado triunfo do Rioaveso fronte ao Roupar (2-0). Un gol en cada tempo que sitúan ao Rioaveso na zona alta da táboa. O Roupar tentou poñerlle as cousas difíciles aos de Asier Lozano, que se adiantaron no marcador cun gol de Noé, que resolveu un barullo na área. Tupac contou coa ocasión máis clara para os visitantes. Ángel Pena moveu o banquiño no descanso e o cadro xermadino mellorou no segundo tempo e Yosi contou coa mellor opción de gol para empatar. Aleso, nunha contra decidiu o encontro a favor do Rioaveso.

O Abadín comeza a competición con tres puntos diante dun bo Catro Roldas (1-0). Saiu mellor ao campo o conxunto visitante que dominou o xogo no primeiro tramo de encontro. Os de Suso Coto contaron con claras ocasións de gol, que non foron quen de aproveitar. O Abadín igualou o encontro co paso dos minutos e Rico tivo unha boa opción que detivo atinado Torrente. Un resbalón na saída de balón do Catro Roldas aproveitouno Noé para marcar antes do descanso. O segundo tempo resultou parello, con ocasión para os dous equipos, aínda que o marcador non se moveu. A continua choiva fixo que o campo estivera moi brando cara o final do choque, feito que dificultou a movilidade do balón.



grupo sur

O Monterroso B golea no Sangoñedo para manter o liderado (1-4). Aínda que o marcador reflexa unha ampla diferencia, o visto no terreo de xogo amosou máis igualdade. O Chantada Atlético B contou con dúas ocasións para adiantarse, pero foi Yoni cun bo lanzamento de falta o que puxo por diante aos de Pampín. Aos vinte minutos, novamente un Yoni en estado de graza, fixo o segundo. Congui recurtou diferencias cun golazo de falta que lle deu alas ao cadro local, que chegou con certo perigo á área rival. Seguiu a mesma tónica o partido nun segundo tempo moi vistoso para o espectador. As ocasións sucedíanse para ámbolos dous conxuntos. Miguel contou con varias, que remataron no pao. Nos últimos dez minutos, Yoni culminou a súa gran actuación persoal tras remachar un balón dentro da área e Isma fixo o cuarto pouco despois.

Triunfo do Sporting Lucense nun encharcado Catro Ventos (1-4). O Carballedo non puido cun Sporting Lucense que conta os partidos por vitorias. Zoum adiantou os visitantes nos primeiros compases de encontro. Os de Kevin Varela foron mellores e antes do descanso puxeron terra de por medio cun gol de Aarón. Os de Adrián Pateiro tiveron un par de ocasións que non aproveitaron. No segundo tempo, Doval transformou un lanzamento de falta e apretou o marcador. O Sporting Lucense non lle deu marxe ao rival para a reacción e Kevin Cabanas anotou desde os once metros e xa preto do final sentenciou.

O Sober venceu con claridade no derbi (1-8). O comezo non facía presaxiar semellante goleada. Joselu adiantou ao Río Sil nun erro de marcaxe tras un saque desde o curruncho. Pero o Sober reaccionou de contado e Nico comezou o seu festival co tanto do empate. Luaces, Martín e Sergio xa puxeron en clara vantaxe aos de Iban Lagoa no primeiro tempo. Tras o descanso, o Río Sil tentou competir, pero o Sober amosou unha gran imaxe sobre o céspede da Carqueixa e Nico completou un póker de goles.

O Corgo erra un penalti no último minuto e perde diante do Taboada B (1-2). Os de Abel Rochela sairon moi ben ao campo e aos dous minutos lograron adiantarse no marcador cun gol de Kevin ao rematar un córner. O Corgo non aproveitou o desconcerto visitante e errou varias ocasións para ampliar diferencias. O filial do Taboada medrou co paso dos minutos e deulle a volta ao marcador en dez minutos, con tantos de Pita e Adán. No segundo tempo o Taboada B xogou replegado e contou con varias opcións para facer o terceiro á contra. Nos últimos intres o Corgo apretou na procura do empate e desbaratou a opción máis clara, unha pena máxima.

A Sarriana B golea na segunda metade ao Bóveda (7-0). Encontro no que o filial sarriao foi moi superior ao seu rival. Malia todo, o Bóveda competiu ben nunha primeira metade na que puido adiantarse no marcador. Non o fixo e a Sarriana B non perdoou. Saúl Fernández puxo en vantaxe aos de Raúl, que no segundo tempo non terían compaixón dun Bóveda que saiu dormido dos vestiarios. David López, Dani Vázquez, Rubén, Brais e Nico en dúas ocasións completaron a goleada.



Sober e Sarriana B gañan de sete

Madariaga, outro porteiro goleador e os 3

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *