A cita do fin de festa da tempada 2021/2022 cada vez está máis preto no calendario. O equipo de Futbolinlugo, en colaboración co Concello de Carballedo e o Carballedo CF, está traballando intensamente na organización do II All Star Futbolinlugo.
O sábado 25 de xuño máis de setenta xogadores e xogadoras da provincia daranse cita no campo Catro Ventos da Barrela. Futbolinlugo prepara un partido de fútbol feminino e outro masculino con alguns d@s futbolistas máis destacados da tempada.
Unha selección de xogadoras dos arredores de Lugo e da zona norte da provincia conforman un dos combinados. Xogará contra un cadro formado por futbolistas do sur do territorio lucense.
Pola súa parte, xogadores que competiron este ano en Preferente e Terceira Rexional formarán un conxunto para competir ante futbolistas que militaron este curso na Primeira e na Segunda Rexional.
En total seis adestradores de excepción comandarán os respectivos equipos. Ademais dos técnicos habituais, coñecedores do día a día do fútbol da nosa provincia, o II All Star contará coa presenza de Pili Neira, Roberto Fernández e Paco Corredoira.
Pili Neira dirixirá dende o banco a selección feminina norte. A coruñesa repite experiencia logo de ser xa preparadora no I All Star. A ex xogadora do Karbo é unha das históricas do futfem do país sendo tamén no seu día seleccionadora do combinado galego (como naquela data que lembramos no noso twitter: 27-12-2007). Ademais, Pili conta con experiencia noutros deportes como no fútbol sala ou no balonmán.
A Selección Sur estará adestrada por Ibán Crespo, o actual técnico de Carballedo CF. Ao igual que acontecera en Burela con Jesús Rial, tócalle agora a Crespo facer de anfitrión. Dende o 2018 dirixe ao Carballedo na Segunda Galega conseguindo consolidar un grupo que se formou da nada.
Paco Corredoira e Javi Chinchón serán os encargados de estar á fronte dos xogadores de Preferente e Terceira Rexional.
Paco engrasará a súa carpeta de preparador para sacala de novo de paseo e estar no II All Star. O ex xogador lucense conta cun grandísimo currículum como xogador que o levou ata a Segunda División en equipos como a SD Compostela, o Eibar, o Numancia e o Racing de Ferrol. Foi profesor na Escola de Adestradores e estivo na dirección deportiva de equipos como o Racing Villalbés.
Pola súa banda, Javi Chinchón estivo este ano sen adestrar a equipos sénior logo da súa estadía no club da súa vila, o CD Foz. En 2019 colgou as botas no All Star e agora regresa cos papeis baixo o brazo. Un referente do fútbol da Mariña que baixará ao sur para axudarnos nun gran día.
Roberto Fernández e Óscar Méndez poñense ao cargo do combinado da Primeira e da Segunda Rexional.
Roberto Fernández repite experiencia logo de xa estar na edición de Burela en 2019. Agora que baixamos a súa comarca non podía faltar a súa presenza. Experiencia como xogador en Primeira División no Sporting, Osasuna ou Granada. Retirouse como gardamallas no CD Lugo do que tamén foi adestrador de porteiros. Logo pasou polas I Xornadas Futbolinlugo e agora agarda máis oportunidades para seguir amosando os seus coñecementos.
Recuperamos tamén a Óscar Méndez do seu retiro momentáneo para volvelo sentar nos bancos. Xuventude e experiencia fanse unha ante un adestrador curtido xa en varias batallas. Especialmente a SD Chantada pero tamén outros equipos como a SD Monterroso saben do que é capaz o bo de Óscar. Aínda que chegou a dicir que «non lle gustaba o fútbol», non todos coleccionan entradas no Marca.