SD Antas, como aproveitarse do contexto para facer a mellor tempada da historia

Foto de portada: SD Antas

En tres meses de competición, o Antas conseguiu un fito na súa traxectoria deportiva. O cadro feminino chegou ás semifinais dunha fase de ascenso á categoría estatal. As circunstancias beneficiaron, pero as adversidades tampouco foron poucas.

A Primeira Galega repartiuse en tres grupos no seu breve formato de primavera. O cadro da Ulloa comezou a tempada encadrado no grupo cos clubs da zona de Santiago e do Barbanza. Xogou co Villestro (equipo que conseguiu o ascenso á Primeira Nacional), co Victoria B de Santiago, co EFM Concello de Boiro e coa SD Xuventú Aguiño.

En oito encontros, o Antas logrou trece puntos que o colocaron na terceira posición. Só perdeu un partido; o da estrea ante o filial do Victoria a domicilio. Foi quen de vencer nos dous duelos ante o Aguiño e tamén ao Boiro no Castro Seoane. Salientan ademais os dous empates conseguidos ante o Villestro, o equipo a bater do grupo e da categoría.

Jesús Melendo: “O formato beneficiounos”

Melendo volveu coller este curso ao equipo logo deixalo un ano antes.

O formato hai que recoñecer que nos beneficiou. Nese primeiro grupo xogamos con rivais da nosa liga e despois había un filial que non podía xogar o play off. Xogamos unhas semifinais de fase de ascenso a unha liga estatal cun equipo como o CD Lugo que non nos gañou fácil. Estamos contentas por como foi a temporada”, comenta Jesús Melendo, adestrador do Antas na súa segunda etapa no cargo.

O balance de goles sae positivo tamén para o conxunto preparado por Melendo. Conseguiron marcar dezasete tantos nesa primeira fase polos trece que encaixaron. Na faceta goleadora volveu destacar Nuria Louzao. A capitá anotou sete goles e estivo no grupo das quintas máximas goleadoras da categoría no primeiro tramo de competición. Aínda así, o preparador prefire non quedarse cun só nome: “Sobre todo, ao que lle hai que dar valor é a que o grupo vén sendo máis ou menos o mesmo que ascendeu de Segunda a Primeira. As xogadoras foron mellorando, houbo tamén algún cambio, pero o loable é a melloría das futbolistas e a forma de facer as cousas”.

Á segunda fase accederon seis equipos que foron divididos en dous grupos. De novo o Villestro e tamén o Alertanavia foron os rivais. Xogaron só enfrontamentos a un partido. O cadro de Santiago volveu ser o dominador. Gañou os dous partidos. Desta volta, si foi quen de superar ao Antas. Venceron no campo da Barrosa por 2-0. Non obstante, a vitoria pola mínima do Antas ante o Alertanavia posibilitou a participación no play off de ascenso. O gol de Yaiza no Castro Seoane meteu ao conxunto nunha clasificación histórica.

Había unha praza de ascenso á Primeira Nacional. Polo momento, a terceira categoría do futfem estatal. A fase final xogárona catro equipos: SD Villestro, CD Lugo, Atlántida Matamá e SD Antas. O equipo da Ulloa colou o seu nome entre as mellores do fútbol feminino galego.

No duelo lucense das semifinais, o CD Lugo levou a vitoria. Malia todo, o Antas caeu coa cabeza alta pola mínima (2-1). Mesmo chegou a adiantarse no marcador co gol inicial de Nuria Louzao de penalti. A capitá rematou o curso con oito goles; case cunha media de un por encontro.

Jesús Melendo: “O proxecto feminino da SD Antas vai seguir”

Nuria Louzao é a capitá do Antas. Está no equipo dende que naceu en 2013.

O Antas xogou en total once partidos esta tempada. O escaso número de xogadoras presentes nas convocatorias foi a tónica habitual ao longo dos tres meses. “É algo que nos pasou a todos os equipos. Aínda os que tiñan un cadro de xogadoras máis amplo, moitas non podían ir por diversos motivos. Houbo bastantes lesións tamén. Tivemos que ir a maioría das convocatorias con doce ou trece xogadoras. Son cousas que hai que aceptalas”, comprende Melendo.

Logo dunha tempada curta, intensa e histórica a incógnita sempre está na continuidade. Melendo adiántanos que seguirá a fronte do equipo. “Interésanos que cada ano siga habendo equipo feminino. E polo momento vai seguir. Estamos traballando en aumentar as fichas, pero sabemos da súa dificultade”, finaliza.

Rebeca Quiñoy: “Chegamos a un sitio ao que non pensabamos chegar”

Rebeca Quiñoy chegou á SD Antas procedente da UD Santiso.

A mellor socia de Nuria Louzao no ataque foi Rebeca Quiñoy (07-06-1999, Melide). A dianteira sumou catro tantos; un deles dos máis destacados da temporada. E todo logo de recuperarse dunha grave lesión sufrida xusto antes de deterse a competición.

Futbolinlugo: Como vivistes dende o vestiario a campaña?

Rebeca Quiñoy: Foi unha temporada dura pola covid ao non saber como ía ser. Pero penso que foi un curso bo a nivel persoal e grupal. Chegamos a un sitio ao que non pensabamos chegar. O Antas é un equipo que non ten moitos anos, é dunha vila pequena, non ten moito trasfondo, etc. Chegar á unha fase de ascenso a unha división estatal foi un logro.

Fil: Como lembras que foi o partido de semifinais ante o CD Lugo?

RQ: Foi un partido duro e con moita calor. Saímos cun sistema máis defensivo porque non sabiamos como ía saír o Lugo. Tivemos que defender moito. Pero tivemos algunha ocasión e, a saída dun córner, unha man na área provocou un penalti ao noso favor. Marchamos ao descanso gañando 0-1. No segundo tempo, elas mantiñan a pelota pero soubemos defendelas e salvamos a presión. Non obstante, pouco a pouco puidonos o físico xa que fomos con doce xogadoras na convocatoria. Marcáronnos o empate moi rápido e despois viñémonos abaixo. A pesar de todo, aínda puidemos empatar pero anuláronlle un gol a Nuria no minuto 90. Cabreounos un pouco esa decisión, pero así é o fútbol.

“A nivel mental é duro xogar sen cambios”

Rebeca Quiñoy anotou catro goles este curso. Foto: SD Antas

Fil: As convocatorias habitualmente son escasas, como se leva dende dentro saber que é probable que se te mancas non teñas unha compañeira que te releve?

RQ: A nivel mental é moi duro. Esta tempada tamén tivemos tres lesións, algunha compañeira que non competiu por mor da covid, etc. Pasounos nunha ocasión esta campaña que tivemos que seguir o encontro con dez. Intentamos saír adiante como puidemos.

Fil: Ti viñas dunha lesión grave, podemos dicir que a covid non che afectou para non xogar?

RQ: Rompín o seis de marzo de 2020 no adestramento do venres. Perdinme ese partido do domingo e logo xa se parou a competición. Por un lado, case foi mellor así porque estar dende fóra sen poder xogar pola lesión, ía ser máis duro (risas).

Fil: Non sei se fisicamente recuperaches ben, pero a confianza tela toda. Como se che ocorre marcar ese auténtico golazo de chilena?

RQ: Foi unha locura. Non o esperaba. Si que intentara algunha vez unha chilena, pero das que se desvían sen éxito. Vin subindo a pelota, estaba de costas a portería e pasouseme pola cabeza facer a chilena. Tiven a sorte de que me saíu. Foi unha locura meter ese gol. Non todos os días se marca un tanto así.

Fil: Que significa para ti xogar no Antas? Continuarás no equipo?

RQ: É un orgullo estar coas compañeiras. Dende que cheguei ata o de agora. Non quero que se desfaga o Antas. En prinicpio, seguirei a próxima temporada, aínda que depende un pouco dos estudos.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario