A xornada de Terceira deixounos dous empates. O Racing Vilalbés empatou diante do Alondras nun encontro no que gañou ata o último suspiro e o Viveiro igualou en Cantarrana fronte ao Rápido de Bouzas. Na Preferente os dous derbis provinciais tiveron cor local. A Sarriana derrotou na Ribela ao Lemos e a Residencia fixo o propio na Cheda diante do Ribadeo. O Portomarín fixo un bo partido no campo do Mugardos, pero non foi quen de sumar.
Un tanto no minuto 94 prívalle ao Racing Vilalbés de sumar os tres puntos (1-1)
Encontro no que o Alondras comezou replegado e cedendo a iniciativa aos chairegos. O equipo adestrado polo sarriao David Páez, con pasado no Racing e a última temporada á fronte do Viveiro, suma cinco encontro sen perder, viu como o conxunto local se adiantou aos dez minutos cun lanzamento de Javi Varela, que tocou nun defensor e despistou ao gardameta. O Racing chegou con certo perigo á área rival, mentres que o Alondras, co marcador en contra, subiu liñas e gozou dun man a man que solventou Álex Santomé.
Na segunda metade o Racing Vilalbés estivo cómodo fronte a un Alondras que trocou de sistema na procura de chegar con máis perigo a área rival. Os do Morrazo contaron con tres ocasións claras que non concretaron, mentres que o Racing Vilalbés buscou saír á contra e xerou varias opcións claras de gol, nas botas de Make, Santi Gegunde e Álex Pérez. Cando o encontro esmorecía un tiro cruzado de Javi Pereira colouse na portería chairega e igualou o marcador.
O Viveiro sumou un punto diante dun Rápido de Bouzas que non perde desde novembro (0-0)
Encontro moi difícil o disputado polo Viveiro diante dun rival que prolonga a súa boa xeira de resultados desde o pasado mes de novembro, ademáis de ser o mellor visitante da categoría. A primeira metade resultou moi igualada, sen apenas ocasións de gol e na que as liñas defensivas controlaron á perfección o xogo directo dos dous equipos. Sané por parte local e Torralbo pola visitante, foron os únicos que inquedaron aos gardametas.
Na segunda metade ámbolos adestradores modificaron os seus esquemas e víronse máis ocasións de gol. O vigués Pardavila tivo unha clara ocasión á que respostou Casillas providencial. O Viveiro rematou controlando o balón e gozou da ocasións máis clara do encontro. Unha gran xogada indiviudal de Lucas Fanego que conectou con Rolle que estrelou o balón no longueiro.
A Sarriana vence ao Lemos no derbi e mantén o liderado (2-0)
Triunfo local co que os de Brais Prados seguen na primeira praza cun punto de vantaxe sobre o Noia e oito sobre o Betanzos. O Lemos, fóra de descenso directo, precisa escapar dos postos de perigo por mor dos arrastres. Encontro moi igualado, con moita intensidade e contacto. A Sarriana tivo o dominio do balón, pero non foi quen de xerar ocasións de gol ante un Lemos ben plantado en defensa. Antes do intermedio un balón en profundade de Herrero a Diego Rey remata coa vaselina deste coa que supera a Arturo, titular hoxe no canto do sancionado Losada.
Na segunda metade a Sarriana foi quen de xerar máis ocasións de gol, chegando a estrelar tres balóns no pao. A sentencia non chegou ata moi preto do final. Diego Rey regateou a Arturo que cometeu penalti sobre o atacante, que él mesmo transformou. A decisión arbitral foi protestada polos monfortinos.
A Residencia colle folgos na clasifación logo de vencer a un Ribadeo que se complica (1-0)
Encontro entre dous conxuntos que pretenden fuxir dos arrastres e do que saiu vencendor o cadro local. A Residencia é oitava na clasificación mentres que o Ribadeo, que sumou a sexta derrota consecutiva, segue con só tres puntos de marxe sobre o descenso directo. A primeira metade resultou igualada. Os mariñáns, que afrontaban o encontro con numerosas baixas, estiveron moi preto do gol. Aitor rematou e Adrián sacou o balón cando este rebasaba a liña. Os ribadenses reclamaron a validez do tanto, pero o colexiado invalidouno por falta previa. A Residencia avisou cun remate de Txiki no segundo pao antes de acadar o único tanto do encontro, obra de Yeray. Xaime puido marcar antes do descanso cun lanzamento de falta que detivo ben Diego.
Na segunda metade a Residencia saiu mellor e chegou con perigo a área rival, aínda que sen chegar a concretar a súa superioridade. O Ribadeo tentou o empate e Roi, cun balón que se estrelou no pao, e Xaime, de novo cun bo lanzamento de falta, tiveron as mellores ocasións. Os de Dani Galán puideron sentenciar cun lanzamento de Dani Renda.
O Portomarín rozou o empate na súa visita ao Mugardos (2-0)
A primeira metade resultou insulsa e con poucas ocasións de gol. A única que se presenciou foi para o Portomarín, nun saque de esquina de Javicho que sacou o gardameta sobre a liña. O Mugardos apenas inquedou a área rival nos primeiros corenta e cinco minutos.
Non comezou ben a segunda parte para o Portomarín coa lesión de Pardo e co segundo cartón amarelo a Raúl, moi discutido. Non se viñeron abaixo os miñotos a pesar do baixón físico e aguantaron sen excesivos apuros ata o minuto 89. Unha indecisión da zaga e do gardameta facilitaron a labor ao vilalbés David para facer o primeiro. No desconto Borja Pita sentenciou no man a man diante de Lisboa.
Foto de portada: Mariluz Fagín.