A xornada en Terceira RFEF, primeira da segunda volta, déixanos a segunda derrota na temporada para o Racing Vilalbés na súa visita ao Estradense. O Viveiro sumou o seu cuarto empate consecutivo diante do Choco en Cantarrana. En Preferente xornada con dous derbis provinciais que remataron con triunfo visitante. A Sarriana gañou na Cheda á Residencia e o Lemos fixo o propio no Chao da Poza fronte ao Portomarín. O Ribadeo sumou a terceira vitoria consecutiva, desta volta diante do San Tirso.
O Racing Vilalbés perdeu no campo do Estradense, logo de quince xornadas sen coñecer a derrota (3-1)
Desde o 18 de setembro de 2022 estaba invicto o Racing Vilalbés. Era a segunda xornada de liga no campo do Viso en Arzúa. Tiveron que pasar quince para que os de Simón Lamas voltaran caer, desta volta no campo do Estradense.
O comezo convidaba ao optimismo. Moi boa posta en escea do cadro chairego que chegou con perigo a área rival con ocasións de Pablo Rey e Javi Rey. O Estradense co paso dos minutos desfíxose do dominio rival e preto da media hora de xogo Raúl anotou o primeiro nunha xogada desafortunada. O Racing non se atopou cómodo co marcador en contra e nun erro defensivo, preto do descanso, chegou o segundo do conxunto local, tamén obra de Raúl.
No segundo tempo repetiuse a tónica da primeira metade cun bo comezo do Racing Vilalbés, xerando perigo por medio de Javi Rey. Nun saque desde o curruncho anotaron os chairegos, ao introducir o balón un zagueiro na súa portería. O Estradense noutro córner ampliou diferencias cun remate de Ander Bellido. Con media hora por diante o encontro entrou nunha dinámica de imprecisións e nerviosismo que non beneficiou ao Racing.
O Viveiro non pasa do empate diante do colista, pero suma a sétima xornada sen perder (1-1)
A primeira metade resultou moi igualada nun céspede de Cantarrana case que impracticable. O Choco dominou o centro do campo con Juanma e Félix mellor posicionados e o Viveiro, con rápidas transicións levadas por Sane, xerou perigo con disparos de Rolle e Barroso.
Na segunda metade chegaron os mellores minutos do Viveiro. Iker Hurtado, Rolle e Sane superaron claramente a zaga dos redondeláns e o gardameta Cortegoso convertiuse no mellor xogador visitante. No minuto 51 chegou o gol local nunha combinación de Iker Hurtado e Sane que rematou co disparo deste último á escadra. Co paso dos minutos o baixón físico do Viveiro aproveitouno o Choco que empatou por medio de Adrián e contou con claras ocasións para darlle a volta ao marcador, pero o gardameta Ayoub, que volvía á titularidade, amosouse moi seguro baixo paos. O dianteiro Josemi, nova fichaxe viveirense, dispuxo dos seus primeiros minutos.
A Sarriana vence na Cheda á Residencia e colócase a un punto do líder (0-2)
Os de Brais Prados venceron no derbi provincial e aproveitaron o pinchazo do Noia para situarse a un só punto do liderado. A primiera parte foi de claro dominio sarriao con varias ocasións de gol. No minuto doce chegou o primeiro tanto nun claro penalti que transformou Santín e pouco máis tarde Diego Rey, cun golazo desde fóra da área fixo o segundo. A parte negativa para os da Ribela foi a lesión de Marino antes do descanso.
Na segunda metade a Residencia igualou a contenda e gozou de dúas ocasións nas botas de Buján e Rois, pero non estiveron atinados na definición e a Sarriana controlou o tempo do encontro.
O Ribadeo vence pola mínima ao San Tirso e suma a terceira vitoria consecutiva (1-0)
Importante vitoria do cadro ribadense que se sitúa na zona cómoda da clasificación. Os de Dani Moirón foron superiores na primeira metade, na que realizaron un bo fútbol, aínda que sen xerar excesivas ocasións de gol. O cadro visitante, coas liñas bastante xuntas, defendíase sen excesivos problemas. A ocasión máis clara dos primeiros corenta e cinco minutos tívoa Xaime cun bo lanzamento de falta que despexou a córner o gardameta. O San Tirso apenas inquedou a Carrera no primeiro tempo, salvo nun disparo de Lucas que detivo ben o porteiro. Preto do descanso o focense Asier tivo que abandoar o campo cunha lesión no costado e foi sustituído por Aitor, que fixo o debut na súa segunda etapa no club.
Saiu ben o Ribadeo de vestiarios e aos catro minutos de xogo Álex Meitín marcou o único tanto do encontro. Un bo centro de Isma desde a esquerda rematouno o xovense no primeiro pao. O cadro mariñán cedeu o dominio ao rival, aínda que nos seguintes minutos en varias contras levadas por Aitor xerou perigo ante a portería rival. O San Tirso gozou do seu mellor momento no ecuador do segundo acto e contou con claras ocasións de gol, a maior parte delas nas botas de Denis, o seu xogador máis perigoso, ás que Carrera respostou de xeito espectacular. En dúas contras Santi e Aitor contaron con dúas ocasións para sentenciar, pero non estiveron atinados.
O derbi do Chao da Poza caeu do lado do Lemos (1-2)
O conxunto monfortino foi lixeiramente superior na primeira metade e, malia non xerar excesivo perigo diante da portería de Chumi, si estivo ben posicionado e aproveitou un erro defensivo do Portomarín a balón parado para adiantarse cun tanto de Nacho que rematou sen oposición. O conxunto local non tivo unha boa circulación de balón e faltáronlle ideas preto da área visitante.
Na segunda metade o Portomarín saiu na procura do empate, con máis corazón que cabeza, pero noutro erro defensivo Mauro puxo terra de por medio definindo á perfección no man a man. Aínda que os de Óscar Moure tiñan o balón controlado, nunha concesión defensiva, Pardo recurtou diferencias cun gol de oportunista.