Este Nadal coñecemos a curiosa marcha dun dos últimos talentos da provincia. Samu Ainvar Quintela Abuín (20-10-1998, Lugo) deixaba o Viveiro ao remate do 2023 contra todo prognóstico. O novo centrocampista lucense (ex do Lemos e Castro, entre outros) poñía fin á súa primeira experiencia na Terceira galega a pesares da boa cantidade de minutos da que estaba a dispoñer.
FUTBOLINLUGO: Boas Samu! Quedámonos un pouco sorprendidos coa túa marcha de Viveiro. A primeira oportunidade na Terceira, tendo moitos minutos e decides marchar… Que pasou?
SAMU: «Estaba moi contento con Alberto López, cos compañeiros e con todo o club. Pero estou preparando unhas oposicións. Puxen todo nunha balanza e quitábame moito tempo de estudo. Estaba encantado pero tiña que decidir e non me daba tempo a todo».
FIL: Cóntanos como foron estes meses en Cantarrana. Cambia tanto a Terceira RFEF con respecto á Preferente?
SAM: «A nivel de técnica cambia moito. Ves xogadores que non hai noutras categorías. Pero tamén muda o físico, sobre todo. Ves a moita xente que se prepara no día a día, adestra todos os días e non hai naide mal fisicamente. Tamén hai un cambio importante na preparación de partidos, cada semana é distinta e ves partidos dos rivais para analizalos».
FIL: Agora que estiveches dentro… Cal consideras que é o motivo polo que cambia tanto o cadro de xogadores nas últimas tempadas?
SAM: «Viveiro é un sitio no que unha vez estás alí é moi cómodo. Estaba contento como che dixen. Pero non é un sitio que quede doado para viaxar. Saíndo da propia costa é moi complicado para xogar alí. En Viveiro hai moi bos xogadores pero non chega para facer un equipo que salve a categoría en Terceira con iso só. Entón toca que cada ano veñan xogadores novos de fóra».
FIL: E crees que o Viveiro actual ten equipo para seguir un ano máis na Terceira RFEF?
SAM: «Hai un grupo xove e moi unido, cun nivel que estou seguro que vai salvar a categoría. Ti ves os resultados, e salvo algún partido solto, sempre perdiamos pola mínima ou nos empataban nos últimos segundos. Eramos xoves como che dicía, tiñamos que conocernos e esa era a peaxe a pagar».
FIL: Hai unhas semanas saía á luz a delicada situación do club e o adiantamento das cotas da tempada que vén para que o Viveiro puidese seguir competindo con garantías. Esta circunstancia afectábavos no día a día?
SAM: «A min non me afectaba nin me afecta persoalmente. Luis del Río é unha persoa moi cercana e foi de cara desde un primeiro momento. Eu entendo que hai rapaces de Madrid ou Palencia aos que lle poida afectar. Pero no día a día non influía no noso traballo. Somos xogadores novos que queremos competir ao máximo e moitos deles subir de categoría. De todas formas, non creo que haxa problemas para que todo quede listo a finais de tempada».
FIL: E agora que? Veremos a Samu noutro equipo distinto esta tempada?
SAM: «Algunha oferta teño xa, chamaron varios equipos pero dígoche o que lle dixen a todos: quero desconectar e necesito descansar mentalmente. Estaba bastante saturado. Toca desfrutar do Breogán dos meus primos (Erik e Sergi Quintela), sacarse as oposicións e nun futuro xa deciderei. De momento non quero xogar, como algún se pensa en Viveiro, pero ao fútbol hei volver!«