As ideas lanzadas ao aire ás veces cúmprense. Na última Sesión Plenario, o noso xuiz Plenario Veiga bromeaba coa posibilidade de que o campión do mundo Rodrigo de Paul recibise a chamada do equipo polense.
No momento foron unhas risas cos participantes Koeman e Diego Chao (pódese ver a Sesión Plenario aquí ó completo). Non obstante, segundo puidemos saber nas últimas horas, esa chamada produciuse. O mediocentro arxentino do Atlético de Madrid podería chegar nas próximas horas en voo chárter ao aeródromo de Rozas.
O futbolista que vén de ser campión do mundo con Arxentina ten un apelido curioso. Escríbese de Paul pero pronúnciase como se fose un veciño máis do concello gobernado por Lino. Feito que puido ser determinante para a súa aterraxe no Manuel Luna.

Cabe a posibilidade que no contrato apareza asinado que Rodrigo de Paul sexa o pregoeiro da Festa do Emigrante. Ademais, colle forza o rumor de que a súa parella Tini, con éxitos como ‘Miénteme’ o ‘La Niña de la escuela’, actúe nesta coñecida festa celebrada en Mosteiro no mes de agosto.


Hai un grupo de arxentinos comandados por Guido Álvarez que están encantadísimos con esta fichaxe. De feito, o experto guía turístico da provincia, xa deseñou un par de rutas polo concello de Pol para presentarllo ao seu ídolo Rodrigo de Paul.