Xornada con moita tensión a última da Preferente. Na fase de ascenso o peixe xa estaba vendido. A Sarriana despediu a temporada cun triunfo diante da súa xente fronte ao Paiosaco mentres que na Pinguela o encontro entre o Lemos e o Sigüeiro tivo que suspenderse por mor da intensa choiva que caeu en Monforte. Na loita pola permanencia estaba toda a emoción. A Residencia cumpliu o trámite e goleou ao Estudiantil na Cheda. Máis tivo que sufrir o Ribadeo, que solventou na segunda metade o seu encontro diante do Pino. Os dous seguirán en Preferente unha temporada máis. Peor sorte correu o Foz, que caeu no Martínez Otero co Victoria, e ademáis o Laracha gañou o seu encontro, o que imposibilitaba a salvación dos mariñáns.
Tarde de festa na Cheda coa goleada que certifica a permanencia da Residencia (4-0).
O que se presaxiaba un encontro plácido no que a Residencia certificara a súa permanencia en Preferente cumpliu á perfección as expectativas. Un Estudiantil en cadro non foi rival para os de Dani Galán. O primeiro gol chegou aos sete minutos de xogo cun bo remate de Sergio á saída dun córner. Antes de cumplirse a media hora, un balón ao espazo aproveitouno Tkiki para batir por baixo ao porteiro e poñer terra de por medio. Antes do descanso, un balón en profundidade de Xabi a Rois, rematou co disparo deste desde a frontal. O balón colouse pola escadra.
Na segunda metade, a Residencia baixou o ritmo de xogo e o último tanto chegou a falta dun cuarto de hora para o final cun remate de Adrián na área pequena.



Dous goles na segunda metade garanten a continuidade do Ribadeo en Preferente (2-0).
Cortábase cun coitelo a tensión no Pepe Barrera, a pesar do ambiente festivo que se viviu nas ateigadas gradas do feudo ribadense. O cadro celeste dominou o encontro desde o comezo diante dun rival con numerosas baixas. No primeiro minuto David Rodríguez tivo nas súas botas o gol, pero o porteiro estivo atinado. Os de Dani Moirón tiñan o balón, aínda que as imprecisións e o nerviosismo fixeron que non se viran máis ocasións ata o último tramo do primeiro acto. Núñez e David Rodríguez estrelaron dous balóns no pao. O Pino en ataque apenas xerou perigo, salvo nunha internada por banda esquerda que rematou cun tiro de Jorge que salvou ben Dos Santos.
A segunda metade comezou da mellor maneira. Unha boa xogada de Núñez rematou co pase deste dentro da área e o balón foi introducido na súa propia portería por un defensor do Pino. O tanto deu tranquilidade ao Ribadeo e a unha grada á que lle urxía unha ledicia. Poucos minutos máis tarde, Matelo atopouse coa boa intervención de Borja no que puido ser o tanto da tranquilidade. O encontro entrou nunha fase de letargo do que espertou o Ribadeo de súpeto. Nunha comprometida cesión a Dos Santos, este estirouse para evitar o córner, pero non puido atrapar o balón. O atacante recolleu o esférico e disparou a portería e Roi salvou o tanto na mesma liña.

Superado o susto, o conxunto celeste, animado cos trocos, foi a polo segundo gol. Este chegou nunha recuperación de Antón en campo contrario. Santi viu a chegada de Xairo e este rematou lonxe do alcance do porteiro. Triunfo vital dun Ribadeo que xogará a vindeira temporada en Preferente.
O Foz caeu diante do Victoria e pecha un ciclo de catro campañas na Preferente (0-1).
Ambientazo nun Martínez Otero que non puido festexar a permanencia dos seus. A empresa era complexa. Pero os de Gayol tentárono ata o final diante dun rival que tamén se xogaba a permanencia. O encontro foi pechado, con dous equipos conscientes do que estaba en xogo. Ningún dos dous querían perder o encontro na primeira metade. Pero o Victoria foi quen de marcar antes da media hora logo dun saque de esquina. Varios rexeites na área e o zagueiro Plaza rematou ao fondo da portería de Rubén.
O Foz lanzouse ao ataque na procura da remontada e contou con claras ocasións de gol. Dani Chao atopouse coa boa intervención de Álex López a lanzamento desde dentro da área e Gonzalo estrelou o balón na cruceta.
A segunda metade foi un monólogo do cadro local. O Foz colgou numerosos balóns á área, aínda que sen claras ocasións. O Victoria buscou a contra cando os mariñáns envorcados ante a área rival, e tivo algunha ocasión para sentenciar.


O Santaballés sucumbiu ante o maior empuxe dun Xallas que se xogaba a permanencia (5-0).
O encontro apenas tivo historia. O Xallas xogábase a vida no seu campo e o Santaballés, que mantivo numerosas baixas ata o derradeiro encontro, xa descendido non puido facer frente ao empuxe local.
O Xallas non tardou en adiantarse no marcador logo dunha boa xogada colectiva. Aos vinte minutos, cando mellor estaba o conxunto chairego chegou o segundo. O Santaballés foi quen de achegarse con certo perigo á área rival, aínda que sen acerto. Antes do descanso, Álex Blanco fixo o terceiro para os de Santa Comba, e o segundo na súa conta particular cun bo lanzamento de falta. Na segunda metade o encontro seguiu a mesma tónica e chegaron dous tantos máis para completar a goleada.
Malia o marcador, o Xallas perde a categoría, como peor terceiro dos tres grupos.
A Sarriana repúxose do golpe recibido a semana pasada e gañou ao ascendido Paiosaco (3-2).
Encontro moi completo da Sarriana, que foi quen de esquecer o mazazo da pasada semana sufrido en Arteixo e venceu ao Paiosaco, que chegaba á Ribela coa intención de rematar como campión. Nada máis comezar Gerardo abriu o marcador e os de Edu Rodríguez foron os dominadores do balón. O propio Gerardo fixo o segundo logo dun penalti cometido sobre Diego Rey.
Na segunda metade a Sarriana gozou de opcións para sentenciar, pero foi o Paiosaco quen marcou cun penalti transformado por Cristian. A falta de sete minutos para o final, e xa coa Sarriana cun home menos pola expulsión de Gerardo por dobre amonetación, os visitantes igualaron o partido cun tanto de Miguel Dias. No minuto 87, un balón ao espazo aproveitouno Diego Reuy para facer o terceiro.
A vindeira fin de semana, a Sarriana xogará a fase previa da Copa do Rei fronte ao Barbadás, terceiro clasificado do grupo sur.