Dous triunfos e unha derrota neste Trío de Ases correspondente á sétima xornada da Terceira División. As boas novas chegaron a cargo do Racing Vilalbés e do Polvorín. Os chairegos acadaron unha espectacular remontada diante do Fisterra, mentres que o filial albivermello gañou un importantísimo encontro na Cheda diante do Paiosaco. O Viveiro, en cambio, realizou un mal encontro no Viso e saiu goleado polo Arzúa.
Tolemia final na Madalena para a segunda vitoria seguida do Racing Vilalbés (3-2).
O Racing Vilalbés remontou o partido ante o Fisterra no minuto noventa. Marino foi o encargado de poñer o 3-2 no marcador, no que foi o primeiro tanto do meirego coa camisola do conxunto chairego. O ex do Viveiro culminou unha contra xusto despois de que o Fisterra reclamase un penalti a favor na área local.
Javi Varela e Dani Pedrosa foron baixa e López acompañou a Vérez no centro da defensa e Jose Varela ocupou o lateral dereito. O ribadense Aitor foi titular por primeira vez na temporada. No Fisterra o gardameta soberino Ramón voltou ao once titular. Os de Simón Lamas non entraron ben no partido e o Fisterra púxose con dous goles de vantaxe. O primeiro chegou logo dun saque desde o currruncho. Cespón enganchou o balón no vértice da área e o seu disparo entrou preto da escadra. O propio Cespón foi protagonista no segundo tanto ao asistir a Álex Ramos. O ex xogador do C.D. Lugo disparou desde fóra da área a media altura pegado ao pao esquerdo da portería de Javi Rumbo.
No segundo tempo reaccionou o Racing Vilalbés. A entrada no campo do xuvenil Rares foi unha das claves. Cuadrado recurtou diferencias nun bo remate pegado ao pao e Santi Gegunde igualou cun testarazo lonxe do alcance de Ramón. Primeira vez na temporada que os chairegos enlazan dous triunfos consecutivos e encaran desde a terceira praza unha semana con tres encontros.
Un irrecoñecible Viveiro saiu goleado do campo do Arzúa (4-0).
Encontro moi frouxo do Viveiro na súa visita ao Viso. Tanto que no minuto 22 xa encaixaran tres tantos e o cadro local xa tiña o encontro sentenciado. Os mariñáns suman catro encontros sen coñecela vitoria.
Antes do minuto dez de partido, un córner lanzado por Manu Casal colouse na portería de Manu Cedrón, e tan só un minuto despois un bo pase de Lodeiro foi aproveitado por Borja Míguez, que marcou de tiro cruzado. O Viveiro non soubo xestionar os dous tantos encaixados dun xeito tan prematuro e amosouse moi desdibuxado, tanto en defensa como en ataque, onde as imprecisións impedíronlle chegar con perigo á portería de Marqueta.
Non tardou en chegar a sentencia. Foron os mesmos protagonistas que no segundo gol, pero cos papeles invertidos. Borja Míguez asistiu desde o perfil dereito do ataque e Lodeiro cruzou o balón lonxe do alcance de Manu Cedrón. Na primeira metade, o Viveiro tan só inquietou a portería rival cun lanzamento de falta de Xaime que saiu lixeiramente alto. Na segunda, Chusky moveu o banquiño e deu entrada a Asier, Gerardo e Dani Montes no lugar de Iván, Rolle e Agus. Os trocos non deron o froito agardado. O conxunto viveirense tivo máis o balón, pero o dominio foi infructuoso. Incluso en dúas contras, Borja Míguez tivo outras tantas ocasións claras de gol. Nunha delas estrelou o balón no longueiro.
A falta de pouco máis de vinte minutos para o final, un testarazo de Queiruga significou o cuarto e definitivo tanto. Nos últimos compases de encontro, Gerardo cun remate co cancaño e Xaime noutro lanzamento de falta, tiveron as únicas ocasións dos mariñáns.
Antón Escobar outórgalle o triunfo ao Polvorín no desconto diante do Paiosaco (1-0).
Segundo triunfo da temporada para o Polvorín que suma seis puntos con catro encontros xogados e tres aínda por disputar para poñerse ao día na clasificación. O conxunto visitante, que aínda non conseguiu gañar nesta campaña, plantexou un encontro moi físico na Cheda e cun bo sistema defensiva que impediu que chegasen as ocasións para o filial albivermello.
Na segunda metade mellorou o Polvorín e gañou fluidez no xogo, pero seguiu sen gozar de ocasións claras de gol. O único tanto do encontro non chegou ata o desconto. Antón Escobar, moi atento, aproveitou un rexeite logo dun tiro de Cristian e deulle tres puntos moi importantes aos de Álex Ortiz.