Unha vez resolta a temporada 19-20, xa se empeza a ver a luz ao final do túnel. De feito na reunión telemática do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, cos medios; esbozáronse as primeiras liñas mestras de cara á vindeira campaña.
Antes de nada, todos os clubs teñen dez días para reclamar a resolución do presente curso. Unha vez sabido isto, todo aquel que vise no último encontro un quinto cartón amarelo ou unha vermella; terá que agardar unha semana máis que o resto para comezar a competición. Cumplirán as súas sancións.
Con estas premisas claras, o secretario Diego Batalla aclarou que «ningunha competición vai quedar coxa e estanse mirando diferentes modelos coma o de Alemania». O que está claro é que vai ser unha temporada máis reducida, con menos partidos e subgrupos en tódalas categorías. En todas elas haberá un protocolo a seguir (elaborarase en equipo coa Secretaría Xeral para o Deporte).


No relativo a eses subgrupos, pódese dar que nunha categoría un deles teña un número par de equipos e outro impar (por exemplo 12 e 13). O que si, nunca se xerará ningunha vacante extra para igualalos. Non se ascenderá a ninguén por esta circunstancia.
Por último, a opción de ter que xogar a porta pechada é a última que se valora. Aínda que está aí. Ademais, a participación do Viveiro na próxima Copa do Rei terá que agardar un pouco máis. A evolución da pandemia e os criterios da Real Federación Española decidirán, primeiro de todo, se se pode disputar ese encontro entre primeiros clasificados para dirimir esa praza de acceso: Ribadumia e o propio Viveiro. E segundo, no caso de non poder xogarse, que criterios se seguirían para ver quen é finalmente o agraciado dese billete á competición nacional.
