
Día 1 de xaneiro. Toca presentar toda a actividade social desta casa para o novo 2026. Futbolinlugo segue unha liña continuista no inicio da súa segunda década de existencia. Volverá un ano máis o All Star así como o seu Campus Mixto. E traeremos outras catro Xornadas de Tecnificación.
Dúas delas repiten sede despois do éxito colleitado no 2025. E outras dúas estrénanse, aínda que unha delas xa acolleu no seu momento un evento de Futbolinlugo. Os campos das Gándaras, Municipais Rodríguez Lugo 1 e 2, acollerán a estrea da actividade social de Futbolinlugo neste 2026. A cita será o mércores de Entroido (18 de febreiro). Veremos se somos capaces de superar os 120 inscritos da Xornada de Tecnificación do curso pasado na capital luguesa.

A seguinte Xornada de Tecnificación terá lugar na Mariña. Futbolinlugo vivirá a súa primeira experiencia en Xove, un dos pobos con máis tradición futbolística da provincia. O 30 de marzo, luns de Semana Santa, estaremos polo Municipal e o seu Anexo. Unha semana máis tarde, o seguinte luns 6 de abril, repetimos na Pastoriza. O campo do Acebreiro voltará ser a nosa casa por un día. Un lugar moi especial e ao que volveremos máis adiante durante o 2026. Pero iso xa é outra cousa!
A última das Xornadas de Tecnificación disfrutarémola na Barrela, no Concello de Carballedo. O campo do Catro Ventos, sede do II All Star Futbolinlugo, vivirá o venres 5 de xuño (en sesión de tarde) a derradeira destas iniciativas que van rotando ano a ano por diferentes puntos da nosa xeografía.


Onde non rotamos é no Campus Mixto Futbolinlugo. Burela acollerá un xullo máis a IV edición dunha actividade que comezou con 60 rapaces e rapazas no seu debut. E que superou as 100 inscricións no verán pasado. Gardade as datas! Do 13 ao 17 de xullo estaremos na Marosa e o seu Anexo!
E non nos olvidamos do gran prato forte da tempada. O 27 de xuño viviremos o VI All Star Futbolinlugo no Campo do Acebreiro. A Pastoriza acollerá aos xogadores máis destacados da provincia, na mellor fin de festa de tempada do fútbol lucense. Avisamos que andamos argallando algunha novidade pero que se manterá o formato habitual. O importante é que O Acebreiro será o punto de unión de toda a familia que formamos Futbolinlugo ao tempo que poñemos en valor o gran traballo dos mellores e as mellores futbolistas e adestrador@s da tempada. Que comece o espectáculo!

