O Trío de Ases Panadería O Cantón deste fin de semana de Entroido tráenos un pleno de empates para os conxuntos lucenses. Sen encontros ligueiros de Preferente, si da Copa Deputación, na Segunda RFEF ao Racing Vilalbés resísteselle a vitoria neste 2024. Os chairegos igualaron na Madalena diante da Arandina. Na Terceira RFEF, a Sarriana igualou co Barbadás na Ribela, mentres que Polvorín e Viveiro fixeron o propio a domicilio, nos campos de Betanzos e UD Ourense respectivamente.
O Racing Vilalbés cae a postos de play out tras empatar na Madalena sen goles coa Arandina (0-0)
Resísteselle a vitoria a un Racing Vilalbés ao que lle costa atopar o camiño cara o gol. No primeiro tempo foi superior o conxunto chairego. Álex Pérez tivo a ocasión máis clara tras rematar fóra un centro de Torrado xa co porteiro batido. A Arandina non inquedou a portería de Álex Santomé, salvo con algún disparo lonxano que non entrañaron perigo algún.
Ata o ecuador do segundo tempo, o encontro seguiu a mesma tónica que no primeiro. O Racing Vilalbés foi superior e contou cunha boa ocasión de Isaac e varios achegamentos perigosos protagonizados por Álex Pérez que non foi capaz de concretar. No último tramo, o encontro convertiuse nun ida e volta con opcións para que calquera dos dous contendentes acadara os tres puntos.
Terceiro empate consecutivo para a Sarriana, desta volta fronte ao Barbadás na Ribela (1-1)
A un punto do play off de ascenso queda a Sarriana tras o empate acadado, terceiro consecutivo, diante do Barbadás. Primeira metade na que aos de Jorge Cuesta lles faltou ritmo con balón, o que fixo que apenas foran quen de xerar ocasións, salvo nun bo servizo de German que Diego Rey rematou de primeiras e o balón marchou fóra cando na grada xa se celebraba o gol. O Barbadás, malia que non chegou con gran perigo á portería de Javi Liz, foi quen de adiantarse no marcador cun golazo de cabeza de Joao.
No segundo tempo o técnico local deulle entrada a Cuadrado e Iñaki e a Sarriana saiu cunha marcha máis. Boedo, German e Cuadrado, ata en dúas ocasións, contaron con ocasións moi claras para situar o empate no marcador. Este non chegou ata o minuto 77, cando o debutante David Mellado, nova fichaxe dos sarriaos procedente do Olivenza da Terceira Extremeña, colocou un bo balón a Sané e este conectou con Cuadrado que non errou diante da saída de Borja.
O Polvorín mantén as distancias cos postos de descenso tras igualar no campo do Betanzos (0-0)
Con tres puntos de marxe sobre o descenso segue o filial albivermello tras sumar un punto na súa visita a un García Hermanos que non se atopaba nas mellores condicións para a práctica do fútbol. O Polvorín trocou a súa forma de xogo e optou por un fútbol máis práctico con balóns máis largos. O Betanzos só xerou perigo mediante saques de banda que eran quen de meter na área.
O Polvorín inquedou a portería do ex racinguista Marcos Souto nalgunha xogada a balón parado, nun segundo tempo no que apenas se viron ocasións de gol.
O Viveiro amosa unha gran imaxe defensiva e suma un valioso a domicilio fronte a UD Ourense (0-0)
Importante punto colleitado polo Viveiro na súa visita a Oira para medirse á UD Ourense, un dos conxuntos punteiros da Terceira RFEF. Os de Alberto López amosaron unha gran solidez defensiva fronte a un conxunto ourensán que levou a iniciativa, pero que non foi quen de xerarlle perigo aos celestes. Rolle, no minuto 30, e Gamarra xa moi preto do descanso tiveron boas ocasións para adiantar ao Viveiro en sendas contras. Nesta última o gardameta Álex Cobo resultou decisivo para evitar o tanto viveirense.
O guión foi o mesmo tras o paso por vestiarios. A UD Ourense buscou xerar máis fútbol por banda e contou con dúas boas ocasións a remates de cabeza de Rojo e do ex do Arenteiro Álex Fernández. O Viveiro non renunciou á vitoria e nos últimos intres Cora e Morais tiveron nas súas botas o tanto da vitoria.