Se algo nos gusta en Futbolinlugo son as tradicións, e o All Star vai camiño de converterse nunha delas, coa celebración da súa terceira edición este sábado en Mondoñedo. Alí estará unha parte importante do fútbol provincial para celebrar con todos nós unha xornada festiva e con sorpresas aínda por anunciar.
Tamén estará alí Pili Neira, como tamén estivo na Barrela fai doce meses e na Marosa no 2019. A laureada adestradora dirixirá á selección feminina sur. Como parte activa desta tradición establecida por Futbolinlugo, someteu a análise o III All Star a menos de 48 horas para o seu comezo.
A coruñesa, unha das líderes do fútbol feminino a nivel autonómico, recoñeceu que «faime moita ilusión voltar ao All Star. De feito, son as festas no meu barrio e xa deleguei noutra persoa para a xornada do sábado. Estou encantada de asistir de novo ao voso evento, sempre me ofrecestes un trato excelente e, ademais, gústame ver as mellores xogadoras de Lugo nun partido que é entretido de ver».
Ademais, Pili estivo fai pouco nun Campus na localidade mindoniense e recoñeceu que «a resposta dos nenos da comarca foi moi positiva, polo menos do Campus, e oxalá que o sábado pase o mesmo. É unha oportunidade ideal para que a xente da zona vexa ás mulleres en acción, pois non hai conxunto feminino na localidade.»
A que fora seleccionadora galega admitiu que «botei unha ollada ás convocatorias e xa teño unha idea do fútbol ao que imos xogar. Agora preguntarei a Carlos Castro, todo un experto nisto, para completar a información sobre elas.» A propia Pili, porén, sinalou que «o importante é que as rapazas pasen un gran día e se sintan como o que son: as mellores xogadoras de Lugo, tanto as do Norte como as de Sur. O principal é que disfruten.»
Con respecto ao seu pasado como futbolista, a preparadora recoñeceu que «o nivel de profesionalidad actual do fútbol, tanto masculino como feminino, é envidiable: preparadores físicos, analistas tácticos, adestradores moi formados…». Aínda así, considera que «o Karbo no que eu xogaba tiña futbolistas moi talentosas que poderían competir polo título de Liga Iberdrola se tivesen os medios que hai agora no fútbol. Non por min, senón por grandes compañeiras que eran realmente diferenciais daquela e seguirían séndoo hoxe.»