#Fútbol afeccionado

Diario dun mercado. Episodio 350

A piques de rematar o mes de xuño chegamos ás 350 edicións do noso Diario, e cada vez con máis novas no fútbol provincial.

Comezamos coas novidades no Racing Vilalbés. Os xemelgos Varela, Javi e Jose xogarán a súa undécima temporada no cadro chairego onde xa son unha institución. Tamén xogará na Madalena o vindeiro ano en Segunda RFEF o defensa central Quico. O de Vilalba retorna á casa logo de dez anos acumulando experiencias por Segunda B e Terceira fóra de Galicia (Mar Menor, Formentera, Badajoz…) e tamén na nosa terra (Rápido de Bouzas ou Somozas). O gardameta Marcos Souto e os zagueiro Joel e Damián Noya finalizan o seu periplo no Racing.

Roberto Trashorras non continuará como adestrador do Polvorín. O técnico, que estivera en moitas quinielas para convertirse en máximo responsable do CD Lugo, rematou a súa vinculación coa entidade albivermella. Un emblema do conxunto lucense, Carlos Pita, asinou como novo adestrador do equipo xuvenil de liga galega da Residencia.

Na Preferente, o asturiano Xurde non renovará o seu contrato no Ribadeo, a onde chegara no mercado invernal para convertirse nunha peza importante. Moitas novidades no Lemos, que recupera a Armesto logo do seu paso pola Sarriana e o Escairón. Tal e como adiantou ‘Non Vale Furar‘, dous xogadores importantes na última temporada no Lemos estarían preto de asinar polo Viveiro: Samu e Mauro. A estas horas podemos confirmar que Samu xogará ás ordes de Alberto López. Mauro tamén cobra forza para rematar en Cantarrana, pero a súa fichaxe está pendente de algún fleco por asuntos laborais.



O defensa vilalbés Dani Montes remata a súa etapa de dúas temporadas no As Pontes e todo apunta a que retornará á provincia. Fai uns días anunciabamos que a Sarriana contaría cun equipo filial, e hoxe temos que lamentar que outro conxunto da Preferente, o Castro, queda sen o seu. O Castro B non sairá a competir a próxima campaña.

Un chanzo máis abaixo, o Monterroso vén de asinar a Josito Jul como novo adestrador. Omar continuará como segundo. No Guntín causa baixa Alen Rojo, mentres que o Meira anunciou a renovación de Pirata. O lateral dereito cumprirá a súa cuarta temporada na Lomba.

No grupo norte de Segunda Autonómica os adestradores protagonizas as novas. No Alfoz renova unha temporada máis Nico Veiga, mentres que o Sporting Pontenova presentou a José Ángel Castro como máximo responsable técnico. A última campaña adestrou ao Castro B. Marcos, Brais Seoane e Mateo López renovaron un ano máis no Cabreiros.



O Monte Forte anunciou a súa primeira renovación. Roble continuará unha temporada máis no conxunto monfortino.

E rematamos con boas novas para os colexiados lucenses. Pedro Castro e Gabriel Polo ascenden a Terceira RFEF, mentres que David Méndez fai o propio a Preferente.

Diario dun mercado. Episodio 350

Pili Neira analiza o III All Star

Diario dun mercado. Episodio 350

Diario dun mercado. Episodio 351

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *