#Terceira RFEF #Entrevistas #Fútbol afeccionado

Álex Ortiz: «Pase o que pase estaremos contentos polo camiño feito»

O vindeiro domingo será un día chave para o futuro futbolístico da provincia. Ademais da pelexa do Racing Villalbés por entrar en play off no Couto, hai derbi lucense. O Polvorín medirase en Pol ao Viveiro na derradeira xornada da Terceira RFEF. O filial albivermello ascenderá á Segunda RFEF se supera aos mariñáns que, pola sua banda, queren certificar a permanencia na categoría un ano máis.

Este martes, o noso compañero Diego Díaz, xunto a Sara Meijide, conversou en Ser Deportivos co adestrador do Polvorín, Álex Ortiz, para saber como se afronta o choque desde dentro do vestiario lucense.

O preparador andaluz sinalou de entrada que «o equipo ten moitas ganas, pero está tranquilo dentro da situación. Afrontamos a semana coa maior normalidade posible, sen saír das rutinas habituais«

O adestrador recoñece que os últimos días foron un cruce de emocións: «Pasamos de depender de nós mesmos a non facelo ao empatar no derbi; para finalmente volver depender do que fagamos na última xornada. Todo isto lévanos máis ca nunca a ir ao día a día«, remarca Ortiz.



Álex Ortiz séntase no banco do filial por segundo ano consecutivo. Logo de realizar un bo curso, tanto no verán como no inverno o cadro de xogadores sufriu baixas. «Os cambios sempre xeran dúbidas. Pero dende a dirección do club e dende o corpo téncico entendemos os movementos e estivemos tranquilos porque na base do equipo hai futbolistas moi interesantes«, comentou ao respecto o preparador.

O míster explicou con claridade a súa filosofía de traballo: «O obxectivo principal é formar xogadores. Loitar por un ascenso pode ser a consecuencia do que fomos facendo ao longo da tempada: intentar non perder o foco da formación e estar a disposición do primeiro equipo. Con ese crecemento e tamén cunha pouca de sorte, que sempre fai falta, competimos ante grandes rivais. Fomos moi regulares; co obxectivo da formación foi intrínseca a competitividade«

Álex Ortiz quixo remarcar o bo papel dos diversos conxuntos do CD Lugo, dende o primeiro equipo ata a base: «A nivel de club creo que é unha temporada para estar orgullosos, independentemente de se conseguimos o ascenso ou non. Logramos os obxectivos que nos marcaramos nun principio. Se subimos, será un éxito rotundo, pero se non o facemos seguiremos igualmente contentos polo camiño percorrido«, concluíu o técnico malacitano.



Podedes escoitar a entrevista completa na seguinte ligazón, a partir do minuto 33′ 20»: https://cadenaser.com/audio/1650377500618/

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *