#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O partido da xornada . . . Viveiro C.F. – C.D. As Pontes: distintos obxectivos, mesmas necesidades

Cantarrana, o lugar por onde pasan boa parte das opcións de permanencia do Viveiro C.F. recibe a visita do equipo máis en forma da categoría: o C.D. As Pontes. Será o domingo ás 17:30 horas. O cadro adestrado por Marcos Roca chega a este encontro logo de golear ao ata de agora líder, o Paiosaco e suma oito triunfos nos últimos nove partidos, atopándose a tan só dous puntos dos postos de ascenso directo.

Malia que o rival é de envergadura, o Viveiro atópase forte no seu campo. O cadro mariñán venceu nos seus tres últimos enfrontamentos como local ante Escairón, Arzúa e Sofán, non podendo refrendar esta boa xeira como visitante ante rivais directos, caendo no campo do Dumbría e empatando a última xornada ante o San Tirso. Con catro puntos de ventaxa sobre o descenso directo, a alongada sombra dos arrastres, con dous descensos fixos de equipos galegos desde a Segunda B, convirte en obrigado o triunfo en cando menos dous dos tres últimos encontros de liga para non verse inmerso nos equipos que perdan a categoría.

Xaime confía en manter a boa xeira de resultados en Cantarrana

Xaime, a brúxula do Viveiro C.F. ten claro que «a salvación pasa por lograr como mínimo seis puntos nas tres últimas xornadas. Gañar os dous encontros da casa debería abondar, pero sería perfecto puntuar na saída a Santa Comba. Ademáis a permanencia pasa por mellorar defensivamente, xa que a nivel ofensivo estamos a facer as cousas excelentemente. Se o conseguimos teremos o cóctel perfecto para mantela categoría «. Para o ex do Castro, o encontro ante o As Pontes «afrontámolo moi reforzados tras esta última boa racha de resultados na que estamos, e que nos serviu para coller moita confianza a nivel colectivo«.

Para Xaime, o rival do domingo «é un equipazo, encántame o fútbol combinativo que fan xornada tras xornada. A nivel individual teñen xogadores espectaculares para a categoría na que estamos. Cun xogador exquisito como Bossa, a balón parado convírtense nun equipo super perigoso, xa que é capaz de poñer o balón onde él queira. Ademáis a nivel anímico chegan eufóricos tras golear ao Paiosaco, o que lles da un plus de motivación para afrontar o últimos sprint no seu obxectivo de volver a Terceira División«.



Boa parte da columna vertebral do C.D. As Pontes fórmana ex xogadores do Viveiro. Rego, Dani Fernández, Fidi, Bossa, Kiko e Rubén Pardo teñen pasado no cadro da cidade do Landro, polo que será un encontro entre vellos coñecidos. Fidi, logo de pasar pola canteira do Celta de Vigo, Rápido de Bouzas, acadalo ascenso co Boiro a Segunda B, retornou á casa a pasada campaña, pero o seu periplo no cadro viveirense foi breve, e afronta a súa segunda etapa como xogador do As Pontes. Para o mediapunta «será un encontro especial para os que somos de Viveiro, e para os que xogamos alí. Gustaríame que o encontro fose doutro xeito, xa que non é agradable enfrontarme ao equipo do meu pobo nesta situación, loitando por non descender, pero déronse así as circunstancias, que nos teñamos que enfrontar xogándonos a vida»

O C.D. As Pontes chega ao último tramo de competición no seu mellor momento da temporada, logo dun primeiro tercio de competición moi irregular, sobre todo lonxe do Poboado, por mor da profunda renovación sufrida na plantilla. Logo da goleada ante o Paiosaco, un triunfo en Cantarrana case lle garante ao cadro pontés xogar a promoción de ascenso como terceiro, malia a ter que recibir a vindeira xornada ao Ribadeo. «A estas alturas non serve outra cousa que sumar de tres en tres e agardar un pinchazo dos dous de arriba. Aínda que sexa un tópico, nós só pensamos no encontro co Viveiro, que será moi difícil vencer en Cantarrana. Si nesta xornada non cumples de nada vale mirar cara o encontro ante o Ribadeo» comenta Fidi. Para o 10 do C.D. As Pontes, o conxunto viveirense «é un equipo moi duro na súa casa, que corren ben as transiccións defensa-ataque e con xogadores perigosos a balón parado e ademáis con xente rápida e perigosa arriba como Arturo, Álex Paz e chavales que teñen moi bo nivel. Seguramente ninguén agardaba que estivera abaixo na clasificación«.

Fidi, no encontro da pasada xornada ante o Paiosaco. Foto: www.cdaspontes.es
[themoneytizer id=»15360-4″]

ESTA FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER…



Terceira División

Racing Vilalbés – Laracha C.F. (Domingo ás 18 horas na Magdalena): o cadro chairego, xa clasificado para a fase de ascenso, buscará asegurala terceira posición ante un Laracha que precisa os tres puntos para non verse involucrado nos arrastres por mor dos descensos de Segunda B.

Preferente Norte

Polvorín S.D. – Boimorto C.F. (Domingo ás 19 horas no Ceao): o filial do Clube Deportivo Lugo, se acada os tres puntos, deixará o ascenso a Terceira a tiro de pedra. O rival aínda non está salvado.

O Polvorín afronta un encontro clave ante o Boimorto

S.D. Residencia – Atlético Arteixo (Domingo ás 18 horas na Cheda): final pola permanencia para os de Meilán. Acadar os tres puntos é básico para afrontar as dúas últimas xornadas con opcións reais de permanencia. O Arteixo non pon nada en xogo.



A «Resi» non se pode permitir que escapen os puntos da Cheda

Ribadeo F.C. – San Tirso S.D. (Domingo ás 18 horas no Pepe Barrera): tres puntos vitais para os mariñáns na súa carreira pola terceira praza. O cadro de Mabegondo chega necesitado de puntos, e unha derrota en Ribadeo daríalle aire aos conxuntos lucenses na pelexa pola salvación.

Primeira Autonómica

C.D. San Ciprián – A.D. Bóveda (Domingo ás 17 horas na Veiga): partido moi importante para os locales, ante un rival xa descendido. Os tres puntos case que certificarían a permanencia dos de Tomás Costa.

C.F. Riotorto – Sporting Pontenova (Domingo ás 17:30 horas na Veiga): os locales, sen máis obxectivo que agradala súa afección, recibe a visita dun Sporting Pontenova que chega tras golear ao Lemos na Mina. Puntos vitais para os de Dani Moirón, na súa pelexa por fuxir do perigo.

O Riotorto será un dos xuices da permanencia en Primeira, enfrontándose ao Sporting Pontenova na Veiga

Copa Diputación

S.D. Cervo – S.D. Candelaria (Domingo ás 17 horas na Veiga): derbi para abrir a Copa. Os de Iván Pernas, chegan logo de acadalo ascenso a Segunda.

U.D. Folgueiro – Gutiriz S.D. (Sábado ás 18:30 horas en Boa Vista): encontro en rivais directos polo ascenso na competición ligueira, que ben seguro quererán facer un bo papel nesta copa 2018.

O enfrontamento entre o Folgueiro e o Guitiriz é dos máis sobranceiros desta primeira rolda

S.D. Burela – Mondoñedo (Sábado ás 12 horas na Marosa): os burelaos, recén ascendidos chegarán con ganas ante un rival que non lle lo porá doado.

S.D. Pol – Meira C.F. (Sábado ás 18:30 no Manuel Luna): outro derbi que nos depara a competición copeira. Os de Roberto Rielo chegan co ascenso no peto.

S.C.D. Milagrosa – S.D.C. San Lázaro (Sábado ás 20 horas no Manuel Gorgoso): derbi na capital da provincia entre dous conxuntos que quererán despedila temporada con mellor sabor de boca que a remataron.

Segunda Feminina

Antas S.D. – Touro S.D. (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): as rapazas de Melendo, no caso de acadala victoria, quedarían a tan só un paso de certificalo ascenso de categoría.

Como afronta a nosa base as fases

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *