Na presente tempada o fútbol provincial chegou a un dos recunchos cos que tiña unha débeda pendente, A Fonsagrada. Así, partindo cunha modélica instalación de herba artificial de última xeración, o concello fonsagradino xunto coa xunta directiva da AD. Montaña Oriental, puxéronse en contacto con varios adestradores, pero tomaron a decisión de que eu fora o elexido. Desta forma, nunha primeira fase comezou a crearse a estructura do clube na Terceira Autonómica , anotándose na categoría e comezando a invitar ós rapaces fonsagradinos a probar e ver o concepto do fútbol, moi alonxado do fútbol sala do que procedían a maioría deles.
A primeira pedra de toque, foi a inauguración do campo cun partido entre o noso equipo e o Sporting Pontenova, un clube amigo que ten como alma máter a Dani Moirón, como teloneiros de todo un C.D.Lugo-Compostela, nun encontro no que se deron cita máis dun milleiro de persoas. A festa do fútbol chegara a Fonsagrada. A partires de aí, a pretempada con tres sesións semanais e un proceso acelerado de adquisición dos conceptos do fútbol, para intentar competir o mellor posible na categoría e no grupo no que nos encadraron. Dende logo o grado de sacrificio e compromiso que require o fútbol na nosa provincia en xeral e na xeografía da comarca da montaña en particular, ía a ser unha proba de fogo para ver o camiño que tocaba percorrer.
Unha vez comezada a competición, vivimos o que é o fútbol da Terceira Autonómica, no compoñente do oficio, dos terreos de xogo, dos afeccionados, dos colexiados que como é lóxico están a comezar o seu periplo e algúns nomes interesantes como o de Iván Prado, Iván Mourín, Brais Valín ou Francisco Ibáñez, que a bo seguro irán subindo peldaños nas vindeiras tempadas.


O inicio foi un tanto dubitativo, perdendo tres partidos nas catro primeiras xornadas, todos eles pola mínima, pero véndose unha progresiva melloría xornada tras xornada, polo que os resultados chegarían. Así, tras unha dura derrota en Roupar, enlazamos cinco xornadas consecutivas con outros tantos triunfos o que nos fixo crecer como equipo e mellorar as nosas prestacións. Xa na segunda volta da competición, tivemos altibaixos, pero finalmente logramos entrar no play off polo ascenso, algo que creo que é meritorio para un equipo debutante na categoría. Así agora toca disfrutar da fase e de competila. A primeira pedra está posta, que é a do inicio dun proxecto nunha vila na que o fútbol non tivera a oportunidade de facer disfrutar á xente, pero o camiño deberá marcarse nas vindeiras tempadas, a través da continuidade e o crecemento.
En canto ó análise da categoría, creo que o Ourol foi o merecido campión, ó dispoñer do plantel máis completo e equilibrado no que podemos salientar a varios xogadores con experiencia en categorías superiores, nunha entidade que ten como referente a Arís, directivo todoterreo, bo amigo e gran coñecedor do fútbol provincial. A segunda posición na táboa foi para o Roupar, que conta coa maior parte do plantel de As Pontes e co goleador Esteban como xogador diferencial. No referente ós postos de fase de ascenso, xunto o noso equipo, estarán o Goiriz dirixido por Cora, cun plantel veterán e que levan moitos anos xuntos, que a bo seguro o farán un dos rivais a batir. O Matela, equipo que ten no seu feudo un gran aliado e onde é díficil de batir, mentres que a outra plaza é para o Cervo, que se reforzou nesta segunda volta con varios xogadores que lle deron un salto de calidade importante.

Os outros conxuntos que competiron na Terceira Galicia grupo norte son o Celta Barreiros, ó cal non lle acompañaron os resultados, pero a partires do primeiro tercio da competición viu fortalecido o seu bloque, o Rioaveso que estivo preto de pelexar pola fase de ascenso, pero que se quedou sen opcións nas últimas xornadas, nas que estivo moi mermado en canto a efectivos. Na Mariña, están o Celeiro que intentará xogar a vindeira tempada na súa propia parroquia e está facendo xestións para elo e o San Román, escaso de efectivos e o que as sancións ó longo da competición lle mermaron as súas condicións para competir. Ademais a SD Cazás, que cun xogador diferencial coma Héctor pelexou durante toda a tempada para xogar a promoción e resultados adversos en momentos puntuais lles fixeron quedar fóra da mesma, pero equipo que o tiña máis que merecido debido a súa traxectoria ascendente ó longo dos seus dez anos de existencia, pero que por unhas cousas ou outras non tivo a sorte de entrar en play off.
Finalmente, gustaríame destacar o traballo desinteresado de moitas persoas que fan que os equipos sigan sobrevivindo, dende buscar patrocinadores, facer socios, limpar as instalacións ou pintar os campos, o que os fan os verdadeiros protagonistas do FUTBOLINLUGO, pero que en moitas ocasións non se ven . Gracias.
Suso Vázquez. Técnico do Europizarras Fonsagrada. Adestrador Nivel 3 UEFA PRO pola RFEF.
