Palabra de Denis: “Todos queremos un Messi”

Análise do papel do entorno e os malos vicios externos na base
Ademais de xogar no fútbol afeccionado rexional, levo case 10 anos adestrando nas categorías inferiores. Tendo a sorte de pasar por practicamente todos os niveis, dende benxamín ata xuvenil.
Hoxe non falarei de xogadores nin adestradores, adicarei a miña reflexión a unha terceira parte, que cada vez esta a ter máis influencia na nosa base: o pai/nai/familiar de cada cativo.
Simplemente con achegarse un fin de semana a un campo é suficiente para apreciar moitos detalles dende unha grada. Podemos descubrir algún ou varios adestradores ‘camuflados’, que están a dar ordes individuais ao seu neno. Ás veces incluso contrarias e por riba das do adestrador.
O seu neno sempre merece saír de inicio, tirar as faltas, penaltis, non pode ser cambiado. Por suposto, sempre é o mellor. Pódense observar actitudes nas que non só se menosprecia ao adestrador, colexiado ou rival. Senón incluso aos compañeiros. Os nenos actúan e son reflexos do que ven e escoitan, polo que eses comportamentos eles mesmos acaban por trasladalos ao campo ou vestiario.
Vexo un fútbol base egoísta no que parece que cada vez se lle da máis importancia ao aspecto individual, no que queremos que sexa o mellor sen importarnos os demais. Cremos ter futuras estrelas do fútbol incluso antes de ter decidido o seu camiño académico.
Pero a realidade a maioría das veces é outra, e moitos terminan por abandoar incluso antes de chegar ao fútbol afeccionado. Quizais esa ‘terceira parte’ debería de axudar a xestionar a frustración nos malos momento. Deixando a un lado o interés individual e fomentando o sentimento de equipo.
Esquecemos que no fútbol deberían primar os valores colectivos: solidariedade, compromiso, amizade… Certo é que debemos escapar da xeralización, xa que por sorte segue habendo moitos pais que non adoptan estas actitudes.
Lanzo unha proposta, deixemos de querer ter un Messi. Fagamos disfrutar e formemos aos nosos cativos nos valores positivos que nos ofrece este marabilloso deporte: o fútbol.
Denis López Filomena. Xogador do Lemos e formador de persoas e futbolistas.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario