Palabra de… Brais Vázquez: “Salvemos o noso fútbol”

Somos culpables da profesionalización mal entendida do amateur

Despois de máis de 15 anos participando deste mundo, xogando e adestrando, e na miña primeira campaña sen estar na base, confésome culpable. Todos somos culpables. 

A Ribela. S9 FOTOGRAFÍA

Moitos faladoiros se completan co “eu faría”, co “el fixo”, con leccións sobre deportividade e antideportividade, con críticas ó adestrador, ó árbitro, á directiva e ós xogadores (por esta orde). 

Pois eu non me vou esconder, e considérome culpable. Culpable de alimentar todo iso en certos momentos. Culpable de enganar ó árbitro e ó rival aproveitándome dunha acción antideportiva; culpable de protestar de forma vehemente algunha acción ó árbitro co fin de condicionalo, aínda sabendo que acababa de acertar. Culpable de criticar algunha decisión do meu adestrador; culpable de ser inxusto con algún xogador por priorizar unha clasificación ou un resultado ó seu xogo…

A nosa lama. MARILUZ FAGÍN

Fíxeno, espero que as menos veces posibles e molestando o menos posible ós que me acompañaron neste tempo, pero caín nesa espiral que actualmente nos sacude cada vez máis. Serviume de algo? Obviamente non; gañei, perdín e empatei as mesmas veces que non facéndoo. Como un robot alimentei ese resultadismo, clasificacionismo e revanchismo no que se está a converter o noso fútbol. Ese fútbol que necesitamos que nos faga escapar do negocio billeteiro do deporte profesional e que estamos derramando.

Non podemos ser culpables de que o fútbol modesto se profesionalice tanto como para chegar a odialo, como podemos facelo coa elite en determinados momentos.

Pero como vou pretender que non critiquen a miña labor no banco se eu tamén o fixen en certos momentos, ou se nos faladoiros son o primeiro que critiquei a Escribá e a Luís César. Como vou pretender que os infantís non simulen ou non trampeen se os do primeiro equipo o faciamos e ademais presumiamos de “veteranillos” ou “pillos” por facelo. Nalgún momento chegarei a ser tamén pai e verei o último prisma que me falta nesta dimensión, e pregúntome: Alimentarei tamén como pai que o bucle siga medrando?

Sona utópico e irreal, pode que nunca se consiga, pero eu asumo a miña culpabilidade para, desde a penitencia, comezar a edificar todo o contrario. Cambiar ese chip no que estamos metidos e aplaudir o xogar por xogar, aplaudir ó grupo por encima de todo, aplaudir o terceiro tempo, aplaudir a afinidade entre adestrador-xogador, xogador-xogador, árbitro-xogador… Aplaudir ó equipo do pobo, sen máis ambición que participar como pobo; aplaudir os derbis, aplaudir ó cantineiro, aplaudir ós nenos e nenas que xogan no descanso, aplaudir unha foto de prebenxamíns sen posar, aplaudir un despexe que deixa o coiro nunha árbore cos berros vacilantes de “olé” dende a grada, aplaudir ver a veciños que solo ves cada 15 días na túa grada, aplaudir ver ó da carpintería co 4 ás costas, aplaudir ó adestrador que se quenta…

As clasificacións e os resultados son necesarios e imprescindibles pero deberiamos convivir e aceptalos de outra maneira e, sobre todo, aceptar que estamos onde estamos e que a Primeira e a Segunda División chámanse fútbol, pero para min seguen sendo outra cousa. Se os xogadores, adestradores, árbitros e directivos de Rexional somos capaces de diferenciarnos, seremos capaces de amosarlle a benxamíns, alevíns e ás súas familias que o fútbol afeccionado non está morto e segue sendo o maior dinamizador do rural e o acto social que pode reunir a máis xente de 0 a 100 anos arredor dunha valla nesta provincia de interior (despois dos funerais) e non un foco de envexas, mala fe e competitividade mal entendida.

Salvemos a base! A nosa xeración xa está perdida, somos culpables, pero o que ven detrás pode manter vivo este deporte, depende de nós.

Brais Vázquez Lamazares. Técnico do Páramo, formador

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 753

Deja un comentario