Palabra de… Adrián Álvarez: O respecto, as excusas e os reproches

Teño observado o fútbol dende todos os puntos de vista. Primeiro e na actualidade como xogador. Seis temporadas coma árbitro, e dende que teño uso de razón como espectador. Todos temos o noso punto de vista, iso está claro. Pero todos cometemos os mesmos erros xerais no mundo do fútbol. A pesar de intentalo unha e outra vez, non se dan sacado esas malas costumes.

O respeto polo máximo responsable nun terreo de xogo: o árbitro; nunca é o desexado. Dende antes de comenzar o encontro, nisto do fútbol afeccionado, xa nos coñecemos todos. Dende o punto de vista do árbitro comeza cun: “Neste equipo este e este son moi protestóns, non lles vou pasar unha… Coidado co adestrador que é moi falso e á miníma xógache unha mala pasada”. “O outro equipo vai líder, ten que ser un partido sinxelo.. Buf os dous últimos, vaia chea de patadas e expulsados…verás”…. e coma estas ‘premonicións’ moitas máis que se nos pasan pola cabeza momentos previos a acudir ao campo.

Dende o punto de vista de adestrador/xogador: O respecto rixe no menosprezo a certos aspectos do xogo do outro equipo, e ao igual que o árbitro neste caso, a puntualizar en certos xogadores problemáticos. “A ver se non vén xogar este que só sabe dar patadas”. “Estes so saben dar patadas e xogar ao patadón”. “O adestrador só sabe protestar…non dura nin cinco minutos, son unha banda”, etc. E dende o punto de vista de espectador soe ser o peor de todos. Comentarios como: “Por qué pon a este titular, non ten nin idea”. “No partido da semana pasada deron pena, a ver que fan esta semana”. “Se non lle ganan a estes, non lle gañan a ninguén”.

Cando chega o momento do encontro os comentarios soen empeorar. Dende o punto de vista arbitral: “Aí veñen estes con once, vaia ganas de xogar teñen…”. “Faltan 30 minutos e aquí non aparece ninguén, isto é seriedade e o demais, tonterías”. “Ese ainda vén sin durmir, seguro que lía algunha”. O adestrador/xogador barrunta cousas como: “Pítanos este,que non ten puta idea”. “A este non lle digades nada que é un protagonista, e fastidianos o partido”. “Quen mandou a este pitar aquí, sempre non fastidia,tennos manía”. “Aí veñen estes, vaia tropa, mitad veñen cheos de onte aínda”. Dende o punto de vista de afeccionado: “Tocounos o parvo este que non sabe nin donde garda as tarxetas, é medio cego e na vida viu un balón”…

Unha vez comezado o encontro e desde tódolos puntos de vista, xa sabemos o que ocorre. O árbitro non pode en ningún momento faltar o respeto a ninguén. Os xogadores e adestradores teñen ‘libertade de expresión’,con isto refírome a que eles cunha tarxeta vermella non cortan o seu afán por insultar, menosprezar ou non respectar en xeral. E dende o punto de vista do espectador, isto non ten nin que decir (por desgraza refírome á maíoria do vivido nos campos de fútbol).

Dentro do mundo futbolístico tamén está a orden do día o das excusas, coma na vida mesma. O árbitro excúsase en que nadie lle puxo as cousas fáciles, en que é un só contra 22 xogadores, suplentes, adestradores, afección… Este colectivo é o que máis perdón ten nesto do fútbol, dígovolo agora como xogador e direino sempre despois de vivilo dende dentro. Pitar é moi difícil, e a dificultade aumenta a medida que pasan os minutos e avanza a competición. Este colectivo non é visto como persoas, senón como obxectos que non teñen dereito o erro.

Todos neste deporte somos persoas, e poño a man no fogo polo 99% do colectivo arbitral, coma nas mellores familias sempre hai algunha ovella negra. Pero deste 99% nunca unha persoa irá a facelo mal a propósito a ningún encontro. E eles son os que sofren raiazos nos coches, ameazas, agresións, menosprezos… E están sós en máis do 50% dos encontros. Ogallá todo xogador/adestrador que é expulsado algunha vez por motivos de menosprezo ao árbitro puidese ver dende dentro o difícil que é. Igualmente no caso do afeccionado, sobretodo no afeccionado de bar, que é o máis entendido de fútbol vendo corenta repeticións dende corenta ángulos distintos.

Para os xogadores/adestradores todo é posible se o partido lles sae mal. Campo, árbitro, balón, compañeiros, adestrador, equipo rival… Frases como: “O campo está fatal, os balóns eran unha merda”. “Este ponme de lateral cando eu son interior e así é imposible”. “Xogando dez minutos que vou facer”. “Este tío só nos pita faltas a nós”. “Estes tiveron moita sorte, entroulles todo”. E dende o punto de vista da afección; neste caso concorda na maioría cos xogadores, salvo algún que coma antes, criticou a alineación, a participación, o empeño, ganas, o saír de festa o día anterior e todo o que se lle ocorre para xustificar algo inxustificable.

Por último e non menos importante, os reproches. Dende o mesmo colectivo, reprocharlle a un compañeiro accións do xogo, actitudes e aptitudes… Vai na orden do día. “Como non expulsaches a aquel, que se pasou todo o partido protestando”. “Como non viches aquel fora de xogo, si era clarísimo”. “Que pasa neses banquiños que non me avisas e hai unha feira aí montada”. Logo, para os adestradores/xogadores, aquí ven unha das peores cousas, xa que os reproches nunca soen chegar a bon porto nestes dous colectivos. Frases como: “E que non pasas unha”. “E que vas andando, e pensas que os mais corremos para ti”. “Vedes moita tele…”. Soen ferir os sentimentos de estas persoas e acabar peor do esperado. Todo isto por utilizalas nun momento de tensión elevada. No caso da afección os reproches son coma o neno que non saca boas notas na escola: “non fas nada, non estudas, nunca tes deberes e agora mira”. Traducido ao fútbol: “Non fas nada co balón, non vas adestrar o adecuado, nunca tes a culpa do que che sae mal”.

Dende a miña humilde opinión, cada persoa que pertence a un dos colectivos deste deporte, debe intentar ver, escoitar, e sobretodo respectar. Todo. Decidir si estar no bando ‘escuro’ do fútbol, os que manchan este deporte; ou no bando que fai que o deporte que todos amamos sexa o mellor deporte do mundo. Con isto acabo: Non inventedes,que no fútbol esta todo inventado. Respetade, réspetenvos ou non, nunca vos rebaixedes a deixar de facelo ben en todos os aspectos. Despídome con tres citas:

  • “Ninguén esta obligado a gustar a ninguén,pero hai unha cousa que se chama respecto” (Neymar Jr).
  • “Non intentes ser o mellor do equipo, intenta que o teu equipo sexa o mellor” (Nico García)
  • “O talento depende da inspiración pero o esforzo depende de cada un”. (Pep Guardiola).

Unha forte aperta.

Adrián Álvarez. Xogador do Cervo e antigo colexiado do noso fútbol

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 755

Deja un comentario