Nove puntos son os que quedan en xogo na Terceira Galicia e dous equipos xa confirmaron o cambio de categoría para a vindeira temporada. O Corgo e o Incio xogarán na Segunda Rexional e deixan só tres prazas na fase polo ascenso. Posicións que sufriron cambios na pasada xornada coa inclusión do Sober entre o Goiriz e a Comercial. No Trofeo Delegación de Lugo o Muimenta asegurou o primeiro posto e xa espera rival procedente dun igualado grupo sur que agora lidera o Guntín.
Chégannos fotos do ascenso do @ClubDeportCorgo pic.twitter.com/NGFyjOiZe8
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) March 25, 2018
![]()
Na fase polo ascenso, o Corgo non fallou e xa é equipo da Segunda ao vencer na casa ao Catro Roldas e conseguir a sétima vitoria desta fase. Debasa cos dous últimos goles e Jesús con dous pases foron do máis sobranceiro no equipo corgués. Tamén subiu o Incio, aínda que o fixo un día despois de gañar ao Goiriz no Ventiño pola mínima. O gol de Farid acabaría sendo chave na fin de semana, xunto coas boas intervencións na portería de Emilio Castro. O empate do Cervo e o gol average favorecen ao equipo amarelo. Para as tres últimas xornadas da competición quedan tres prazas en xogo. O Goiriz é agora terceiro con sete puntos sobre o sexto polo que depende de si mesmo na seguinte xornada para certificar tamén o ascenso. Na cuarta posición sitúase un Sober que vai de menos a máis e derrotou con claridade á Fonsagrada para sumar dous triunfos seguidos por primeira vez nesta fase. Brais cun dobrete foi do máis destacado do enfrontamento. Quinta queda a Comercial ao empatar ante un Cervo que é sexto con dous puntos menos.
Somos de segundaaaa. Grande equipo !!! #forzaoincio pic.twitter.com/1ymJKmg09R
— O Incio Terra Brava (@OincioCF) March 25, 2018
No Trofeo Delegación Lugo, no grupo norte o Muimenta é o campión despois de gañar ao Rábade e manter o pleno de vitorias nesta segunda fase. O encontro tivo un gran protagonista, Julio marcou todos os goles do encontro, tres. No intento quedou o filial do Friol que sumou unha nova vitoria ao derrotar ao Rioaveso e sumar 17 puntos. No duelo da Mariña o Celeiro derrotou ao Celta Barreiros nun gran partido de todo o equipo no que destacaron Hugo e o golazo pola escadra de David. Nesta xornada descansou o Cazás.
No grupo sur hai cambio de líder. O Guntín venceu no choque directo ante o Río Sil e aproveitou o empate do Paradela para facerse coa cabeza da clasificación. Agora ten un punto de vantaxe sobre o Paradela que empatou na súa visita a un FC Becerreá no que Borja marcou dende o medio do campo. A dous puntos do primeiro, pero cun partido de máis colócase o Río Sil. Xa sen apenas opción quedan o Quiroga a pesar de colleitar tres puntos na súa visita ao Laxosa nun bo partido de Marcos na defensa e de Choco que culminou a súa actuación cun bo gol. O Relámpago Taboada descansou na pasada fin de semana.