#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Os sobranceiros da Terceira na primeira xornada da 2ª fase

 

O balón xa roda polos campos da Terceira na segunda parte do campionato na que se coñecerán os seis equipos que ascenderán de categoría. Tamén foi a primeira fin de semana deses desprazamentos longos que lles esperan aos equipos da fase polo ascenso que acabarán merecendo a pena se finalmente conseguen subir de categoría. O Incio, o Catro Roldas e o Goiriz foron os primeiros en colleitar o mellor resultado posible na estrea. Na loita polo trofeo Delegación de Lugo no grupo norte, o Muimenta e o Friol B gañaron as súas primeiras citas; mentras que no sur, Río Sil, Guntín e Laxosa sumaron vitorias. Nesta xornada descansaron o Celta Barreiros e o Paradela. Coñecemos aos destacados e aos máis sobranceiros que dende hoxe levan premio.

O primeiro líder da fase polo ascenso é o Incio que conseguiu unha vitoria de prestixio a domicilio ante o campión do grupo norte, o Cervo. Duelo directo que o levou o que estivo máis acertado de cara a porta con goles de Manu e Vila e unha gran actuación do central Chivas, despois de estar enfermo durante a semana. Segundo é o Catro Roldas que venceu por 3-2 a Fonsagrada; decidiu un gol de Esteban Boo pero o de bella factura deixouno antes Diego Bello. Tamén venceu o Goiriz nun gran partido a nivel colectivo diante do Sober que non lle chegou co bo partido de Roxo e Diego Sierra. No duelo de máis proximidade da xornada, Corgo e Comercial firmaron táboas. Nos locais destacou a actuación do porteiro Dani, ademais do gol de Jesús e a actuación de Borjita; no lado contrario o mediocentro Maci fixo un bo encontro para a Comercial.

 



No grupo norte o primeiro en colocarse á cabeza é o Muimenta que venceu ao Celeiro e debutou na temporada Adrián Paz «Tucho» cunha gran actuación, aínda que sería expulsado na segunda metade. Tamén fixo un gran partido Jairo Gegunde. No bando local Marco foi un dos pulmóns do Celeiro no centro do campo. O outro dos equipos que gañou foi o filial do Friol con Adri e Boado como uns dos máis destacados que xunto cos seus compañeiros superaron a un Cazás que tivo no gardamallas Fernando e no lateral Cao aos seus homes máis sobranceiros. Non pasaron do empate a un gol no choque de Paraños entre Rioaveso e Rábade. O porteiro Brian e Lingas foron do mellor nos locais que lograron empatar o tanto inicial dun Rábade no que destacaron Sergio e Junior. 

O Rábade tamén se renova despois de desputar a súa primeira xornada do trofeo Delegación Lugo, xa que Manuel Veiga deixa de ser o segundo adestrador por motivos persoais. Esta función pasa a ocupala Iago Rubio (ex xogador do Polvorín ou Santa Comba) xunto con Álex, un dos capitáns do equipo, que tamén entra no corpo técnico. O primeiro adestrador continúa sendo Óscar Jaime. Ademais Cristian foise para o Matela co que xa debutou, e o club comunica tamén a baixa de Fran Regueiro, que despois de facerlle ficha e xogar só un partido decidiu non voltar, e tamén a de Adrián.

No grupo sur o Río Sil é o primeiro líder ao derrotar por 4-2 ao Relámpago Taboada nun encontro no que os locais dispuxeron de varias oportunidades pero entraron catro, un deles o 3-1 de Sergio Campos nunha gran xogada indiviudal. Os visitantes tamén deron a cara e Iván, Yoni e Andrés foron uns dos seus xogadores sobranceiros. Segundo é o Laxosa que venceu nun partido tamén de goles ao FC Becerreá con tres goles de Saúl, dous deles de penalti. O Guntín tamén se estreou con vitoria diante do Quiroga nunha gran actuación de Abdul e Peri no bando local. Nos visitantes sobresaíron Marcos e o xuvenil Macuas que colocou unha gran asistencia a Pelayo no gol do Quiroga.



 

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *