O Incio convértese no segundo equipo en clasificarse para a fase polo ascenso que comezará en xaneiro, xunto co Cervo que segue líder no grupo norte despois de perder ante o Catro Roldas. No centro, o Fonsagrada segue á fronte da clasificación a falta de dúas xornadas, aínda que ao conxunto da montaña só lles queda unha por disputar. Nesta descansaron o Guntín e o Sober.
No norte, o líder caeu ante o terceiro clasificado e sumou a segunda derrota da temporada (levaba oito partidos sen perder). O Catro Roldas achégase, así, ao liderato nun encontro cunha gran actuación do lateral dereito Rubén e no que destacou o bo gol de Marcos, cunha vaselina dende fóra da área. Tamén se achega ao primeiro posto o Goiriz, que derrotou ao Rioaveso no derbi vilalbés da xornada grazas a un gol de Mateo. O conxunto visitante vese mermado polas baixas; á xa coñecida de Cleno que ten que operar un ombreiro, sumóuselle a de Amido que tivo que retirarse do campo ao pouco de comezalo partido e viuse obrigado a pasar polo quirófano. O Muimenta aínda mantén a esperanza de meterse na fase polo ascenso despois de vencer con moita claridade ao Celeiro. As contas do conxunto do Pichón pasan por gañar os dous partidos que lle quedan e que: o Catro Roldas perda os dous que ten; ou que o Goiriz non pase do empate esta fin de semana, para despois xogarse todo nos noventa minutos da última xornada entre ambos (o Muimenta venceu ao Goiriz no Catro Ventos na primeira volta).
💪🍀 Moito ánimo a Amido, xogador da #SDRioaveso (de pé esquerda), que foi operado por diversas fracturas na cara, logo de recibir un golpe no último partido. Xa está na casa😊 pic.twitter.com/3XQepcQPo5
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) November 30, 2017
![]()
Pola súa banda, o Celta Barreiros xa quedou sen ningún tipo de opción a clasificarse para a liga polo ascenso, a pesar de vencer no campo do Cazás nunha vitoria guiada polo porteiro Fraga e os xogadores de campo Djibri e Iñaki. Julián abriu o marcador despois dunha gran xogada trenzada. O Cazás segue como pechacancelas pero realizou un bo partido no que segue sen estar acertado de cara a portería. Palito, Yago e Chuchi foron os sobranceiros do equipo xermadino.
No centro, o Fonsagrada mantén a cabeza da clasificación despois da súa vitoria ante o filial do Friol con dous dobretes, un de Víctor Argul e outro de Javier Fernández. O Friol B xa quedou sen ninguna opción de clasificarse para a liga polo ascenso, pero deu a cara no campo do líder con dous goles e unha boa actuación de Boado e Isaac. Segundo é o Corgo que depende de si mesmo para facerse co primeiro posto, ao igual que o Fonsagrada (ambos enfrontaranse na última xornada). Derrotou ao Rábade nun encontro guiado polos goles de Debasa (pichichi da categoría con 11 dianas) e polas boas intervencións do gardamallas Dani que demostran que o Rábade tivo as súas opcións. Liderado por Junior, Iván e Yeray o conxunto rabadense aínda tería unha mínima esperanza de acceder a esa fase. A calculadora pasa por gañarlle o partido a Comercial e tamén o gol average (na primeira volta venceron os da capital por 5-3) e despois vencer no último partido e que a Comercial tamén perda. Unha Comercial que segue terceira, logo de vencer ao Laxosa (aínda non gañou ningún partido) nun encontro cunha gran actuación de Javi Saavedra, marcou dous goles e deu un pase de gol.
📹⚽ A estratexia manda na #SGComercial. Chéganos este gol de #JaviSaavedra no último encontro ante o @CDLaxosa. A Comercial mantén as esperanzas de clasificarse na liga polo ascenso pic.twitter.com/bAwZRfOQaC
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) November 30, 2017
O Guntín descansou esta xornada pero aínda ten algunha esperanza para clasificarse. Tería que gañar os dous encontros e que a Comercial perda un, contando sempre que o terceiro clasificado do grupo sur non o supere en puntuación. Non obstante, aínda tería opcións tamén de ser segundo, gañando o Corgo (xogan contra eles) e gañando na última e que perda tamén o Corgo.
No grupo sur, o Incio aproveitou a xornada de descanso do Sober e volveu recuperalo liderado da categoría ademais de facerse xa cunha praza na liga polo ascenso. Venceu con claridade a un Quiroga que puxo resistencia na segunda metade onde se luciu Marcos, cun bo gol a balón parado. O Quiroga está xa descartado de loitar pola liga do ascenso porque podería ser terceiro do seu grupo, pero nunca ía superar en puntuación a ningún terceiro nin do norte nin do centro. Tamén se lle diminúen as opcións ao Río Sil (que segue terceiro) despois de perder co Paradela nun encontro que deixou moi cabreados aos visitantes a actuación arbitral con varias xogadas para a polémica segundo o equipo soberino. O Relámpago tamén mantén algunha esperanza de clasificarse (a cinco puntos do ascenso directo e empatado co terceiro posto) despois de derrotar ao FC Becerreá nunha gran actuación de Jacobo, Yoni e Rubén Pardo.