Os sobranceiros da Terceira na décimo cuarta xornada

A piques de rematar o ano, rematou tamén a primeira fase da competición na Terceira Galicia. Oito equipos clasificáronse para a fase polo ascenso e xogarán unha liga a dobre volta como se decidiu antes do comezo da temporada. Os dezaseis equipos restantes (se ningún deles decide abandonala competición) dividiranse en dous grupos, o primeiro clasificado de cada grupo loitará polo Trofeo Delegación de Lugo. O gañador tamén ascenderá á Segunda Galicia.

No grupo norte, o Cervo, o Goiriz e o Catro Roldas tentarán subir de categoría. O Cervo confirmou o seu primeiro posto, despois de vencer ao Cazás nun gran partido de Samuelito que fixo fronte a gran actuación de Palito e Fernando no equipo local. O Goiriz rematou como segundo ao empatar no Pichón ante un Muimenta que tivo en Jairo un dos xogadores máis destacados. Aproveitouse o conxunto adestrado por Cora da derrota do Catro Roldas que fixo probaturas na súa visita ao Rioaveso e caeu pola mínima nunha boa actuación de Iván Arias. No duelo mariñán o Celta Barreiros, que tivo en Guti,  Djibi e Ayoub aos seus futbolistas máis activos, venceu a un Celeiro no que rematou a etapa de Óscar como adestrador e Martín Rodríguez volverá dirixir ó equipo.

No grupo centro, a Fonsagrada, o Corgo e a Comercial tamén estarán na fase polo ascenso. Na última xornada decidíase o campión do grupo no encontro entre o Fonsagrada e o Corgo que o árbitro suspendeu nos últimos minutos. Non obstante, ese partido íao gañando o Fonsagrada por 2-o e os minutos que restan, nun principio, non se van disputar por acordo entre os clubes. Polo tanto o Fonsagrada é o primeiro e o Corgo é o segundo. Terceira foi a Comercial que venceu con claridade ao Friol B (queda con dez puntos na súa primeira temporada) cunha destacada actuación do central Kafú. O Guntín venceu a un Rábade que fixo 16 puntos na súa primeira competición oficial. O Laxosa descansou e finaliza o campionato sen poder conseguir ningunha vitoria.

No grupo sur, o Incio e o Sober serán os dous equipos que buscarán estar o ano que vén na Segunda Galicia. O Incio xa tiña sentenciado o primeiro posto e empatou na última xornada diante do Río Sil. Segundo foi o Sober que derrotou con claridade ao FC Becerreá nun encontro que xa sentenciou na primeira metade. No outro partido do grupo, o Paradela venceu a domicilio ao Relámpago Taboada. O Quiroga foi o equipo que lle tocou descansar na derradeira fin de semana do ano con fútbol de Terceira no 2017.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario