A tarde de Reis agasallounos cun derbi provincial entre o Racing Vilalbés e o Polvorín na Madalena. O encontro serviu para poñer ao día a competición, agora xa sen partidos adiados e rematou con triunfo local por cinco goles a dous. Os preto de douscentos siareiros chairegos puideron ver unha goleada do seu equipo que segue a amosarse moi sólido no seu campo acadando así o seu cuarto triunfo consecutivo. Foi o primeiro triunfo do conxunto adestrado por Simón Lamas en Terceira División ante un Polvorín que racha a súa xeira de sete encontros sen coñecer a derrota.
O filial do C.D. Lugo contou coas baixas de Quindimil e Antón Escobar, convocados co primeiro equipo para o enfrontamento copeiro ante o Girona e alineou a Fidalgo no centro da zaga xunto a Jesús. Ademáis o recén fichado Torrado foi titular na banda esquerda, por diante de Martín. No Racing Vilalbés cabe destacar o retorno á titularidade de Buyo e Pedrosa.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Os primeiros minutos foron de control do Polvorín, aínda que sen xerar ocasións claras de gol. No primeiro achegamento dos de Álex Ortiz chegou o primeiro tanto. Foi co primeiro cuarto de hora cumplido, logo dun saque desde o curruncho. O balón quedou na área e recolleuno Marcos, que foi derribado por un defensor local. O colexiado Jesús López Fernández sinalou penalti e Morais non errou desde os once metros. Nesa xogada o capitán do Polvorín quedou lesionado e foi sustituído por Gabarre.
Co marcador en contra o Racing Vilalbés tivo as ideas máis claras e chegou con perigo á portería de Ángel Fraga, que volveu á portería no canto de Julen. Jose Varela e Make xa contaron con ocasións para poder empatar o encontro. Pero o tanto non chegou ata o minuto 31. Unha boa combinación entre Santi Gegunde e Cuadrado rematou co tanto deste último. Cinco minutos máis tarde unha xogada entre Cuadrado e Jose Varela serviu para que o xemelgo se prantase ante Ángel Fraga ao que recurtou para poñer aos seus por diante. Co Racing volcado chegou o terceiro, obra de Muíña logo dun saque desde o curruncho. Segunda xornada consecutiva que o central anota para o cadro chairego.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Os tres goles encaixados en apenas dez minutos foron un duro pao para o Polvorín, que non xerou máis situacións de perigo nos restantes minutos do primeiro tempo. Logo do paso por vestiarios, o filial albivermello puido recurtar distancias cun lanzamento de Gabarre que detivo Javi Rumbo. No minuto 54, Martín viu o segundo cartón amarelo logo dunha entrada por detrás sobre Santi Gegunde e deixou aos seus con dez. Non tardou o Racing Vilalbés en aproveitar a superioridade, e en menos de cinco minutos chegou o cuarto. De novo Cuadrado, logo dun centro de Buyo desde a esquerda, anotou ante o seu ex equipo.
Os de Simón Lamas atopáronse moi cómodos, cedéronlle o balón ao rival e buscaron saír á contra. O Polvorín non ofreceu moitas novas en ataque. Tan só un lanzamento de Cristian desde o borde da área pequena que saiu lixeiramente desviado. Xa moi preto do final Make pechou a conta goleadora cun lanzamento a pase do omnipresente Cuadrado. O dianteiro lucense participou en tódolos tantos dos chairegos.