#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da última xornada na Segunda

Rematou a tempada na Segunda Rexional e houbo que esperar a que se desputasen as trinta xornadas da competición para coñecer o groso de equipos que o vindeiro ano competirán na Primeira. Ó xa coñecido ascenso do Friol, sumáronselle esta fin de semana o do Burela, Pol e Chantada Atlético. Por abaixo, os equipos están pendentes dos arrastres para ver en que categoría competirán a vindeira temporada, despois de consumarse o descenso de Alfoz, Ourol, Milagrosa e Rubián.

No grupo norte, a igualdade estivo servida ata o derradeiro partido cun duelo a tres bandas entre Burela, Pol e Folgueiro. Non obstante, non houbo opción á sorpresa porque os tres solventaron os seus choques con claridade. O equipo burelao conseguiu o ascenso na Marosa despois de vencer a un Ourol que competiu moi dignamente e se marchou con empate a cero goles ao tempo de lecer. O Pol foi o primeiro en disipar dúbidas e deixou a novena vitoria consecutiva encarrilada xa no primeiro tempo ante o Iberia. O Folgueiro era consciente de que tiña que darse un fallo dos seus rivais e tamén solucionou o seu encontro diante do Meira. Enfrontamento no que Aurelio volveu facer un dobrete para pechar o curso regular con 30 goles e máximo goleador da categoría. No conxunto meirego mención a parte merece Xuster que nunca faltou a un adestramento e tivo a súa oportunidade no último partido da temporada como un máis dentro dos seus compañeiros.

Cabreiros e Guitiriz tamén completaron as súas grandes campañas con cadansúa vitoria ante Cospeito e Alfoz respectivamente. Ao igual que o Lourenzá que foi superior e venceu a domicilio no derbi co Mondoñedo ante uns 400 espectadores e co debut dos cadetes Xoel, Miguel Hermida e Adnan. Na sétima posición finaliza o Roupar logo de derrotar ao Matela no seu campo. A Candelaria rematou a súa gran segunda volta cun empate ante o Abadín que a deixa nunha meritoria décima posición. A situación clasificatoria pola zona baixa

No grupo sur, o Chantada Atlético saíu vencedor da pelexa polo ascenso que mantivo ata a última xornada co San Lázaro. O conxunto adestrado por Fran Regal venceu na casa ao Castroverde, aínda que a tardanza para sentenciar o partido alimentou as esperanzas do San Lázaro que solucionou pola vía rápida o seu duelo diante do Oural. O equipo chantadino acompañará na Primeira a un Friol que rematou a fase regular coa súa vixésimo terceira vitoria da temporada ante o Monterroso B e con Dani Roca como máximo goleador do grupo con 25 goles. O filial monterrosino seguiu na liña da temporada e puxo en valor a súa canteira con nove xuvenís na concocatoria entres os que estaban os debutantes  Saúl e Adrián Buján.



O Chantada B, xa sen opcións de ascenso, empatou ante a SD Becerreá. En táboas tamén finalizou o duelo entre o Santa Comba e un Sporting Lucense que conseguiu a permanencia. Sétimo finaliza o Palas que pechou a temporada cunha vitoria a domicilio ante o Brollón. No encontro das necesidades, o empate entre Portomarín e Milagrosa deixa o equipo adestrado por Manu pendente dos arrastres e o cadro capitalino no descenso directo.

Os onces da última xornada na Segunda

A pequena gran familia volve ao seu

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *