Na segunda xornada xa hai as primeiras diferenzas entre rivais na categoría. Só cinco equipos nos dous grupos contan os dous partidos por vitorias: Guitriz e Xermade no norte; Portomarín, Ferreira e Palas no sur. Repasamos os protagonistas da segunda fin de semana de fútbol.
No grupo norte, o ritmo márcase dende a Terra Chá. O Guitiriz encabeza a clasificación despois de vencer con claridade no marcador ao Meira. No cadro guitiricense o gardamallas Jesús, Borja e Jose rendiron a un bo nivel, diante dun conxunto meirego que, a pesar de encaixar catro goles, tivo ao seu porteiro Alberto Balsa como un dos destacados xunto con Marcos Salgado. O Xermade non fallou no seu primeiro encontro a domicilio ante o Abadín ao que derrotou por un axustado 2-3. O equipo adestrado por Óscar Pol non se deixou vencer tan facilmente e pelexou liderado por xogadores como Carro, Regueira ou Gesto. O Iberia e a Candelaria non desfixeron a súa condición de invictos e igualaron a dous goles con protagonismo para Eric que fixo un dobrete. Tamén empatou o Cabreiros, no derbi ante o Roupar, a diferenza do que acontecerá hai unhas semanas na Copa Xermade co triunfo do cadro adestrado por José Manuel.
Folgueiro, Comercial e Goiriz conseguiron o primeiro triunfo da temporada. O cadro de Vicedo superou ao Valadouro, despois de adiantarse no marcador e sentenciar cando o seu rival xa xogaba cun menos por expulsión. A Comercial venceu ao Lourenzá no seu primeiro partido na casa. Pola súa banda, o Goiriz derrotou pola mínima ao Mondoñedo grazas a un gol de Lucho. Por outro lado, o Cospeito e o Cervo estrearon a súa puntuación ao empatar a un gol no campo da Fonte.
No grupo sur, o Portomarín lidera a táboa clasificatoria despois de vencer fóra da casa ao Bóveda. Séguenlle de preto cos mesmos puntos o Ferreira e o Palas. O cadro de Pantón derrotou ao filial do Monterroso liderado por Enríquez, Carlos e Juan. No conxunto monterrosino destacaron Adrián Buján e o dianteiro Javi, pero tan só foron quen de facerlle fronte ao primeiro gol do seu rival. Pola súa banda, o Palas venceu ao filial do Chantada cunha nova gran actuación de Pol e de Alvarito.


Catro equipos máis lograron a primeira vitoria da campaña. O Santa Comba venceu ao Incio cun destacado xogo dos dianteiros Seco e Jul; que foron quen de superar o bo facer por parte de Orlando, Noe e Pombo no club local. O San Roque derrotou pola mínima ao Oural cunha salientable actuación do centrocampista Bruno. Tamén pola mínima conseguiron o primeiro triunfo o Brollón ante a SD Becerreá e o San Lázaro que derrotou ao Guntín. Todos estes equipos empataran na primeira xornada polo que se sitúan con catro puntos. Quen estreou puntuación con tres puntos foi o Corgo que que derrotou ao Sporting Lucense no Anexo do Corgo.