Os onces da 1ª rolda da Copa 2019 (2ª e 3ª Rexional)

A primeira rolda da Copa 2019 da Segunda e da Terceira Autonómica deixou un partido suspendido. Tres equipos accederon aos dezaseisavos de final na quenda de penaltis. Nos duelos entre conxuntos de distintas categorías, saíron vitoriosos os de Segunda. O Cazás agarda rival en oitavos.

Na zona norte, a maior emoción estivo na Fonte e no Municipal de San Lourenzo de Aguiar. O Cospeito e o Roupar igualaron a un gol. Nos penaltis acertou máis o conxunto xermadino. Non realizou un gran encontro pero o gol de Jaco Ares deulles o pase. Agora protagonizará unha das grandes eliminatorias dos oitavos. Recibirá na casa ao Guitiriz (terceiro e cuarto no grupo norte da Segunda Rexional). Tamén se decidiu nos penaltis o duelo entre o Matela e o Mondoñedo. Empataron sen goles. Manu Pardo sacou un man a man preto da recta final e detivo un penalti decisivo na quenda. Pola súa banda, a Comercial avanzou de rolda na mesma finde na que coñeceu que descendía á Terceira. Xa se coñecía o arrastre do Castro na Preferente. Esa situación afecta xa matematicamente ao descenso do Sanci na Primeira que cae para o grupo norte da Segunda. Polo que a Comercial baixa de categoría un ano despois do seu ascenso. Aínda así, continúa na Copa. Superou no Cascabeiro ao recén ascendido Celta Barreiros. O encontro foi o último partido de Álvaro coa camisola celeste. Cando menos polo momento. Motivos laborais impídenlle continuar a unha das pezas centrais do proxecto do equipo de San Cosme. A Candelaria xa agarda na Granda pola Comercial nos oitavos.

Hai xogadores que non perden o olfato coa chegada da Copa. Seijo marcou os tres goles do Abadín no seu triunfo ante o Cervo. O Municipal xa agarda polos oitavos ante o Cabreiros. O Catro Roldas levou a súa segunda decpeción seguida en sete días. Fíxolle fronte ao Meira pero os visitantes venceron pola mínima na Canteira. O cadro meirego volve ter unha saída complicada. A seguinte rolda vaina xogar no Suso Cruz ante o Lourenzá.

Na zona sur, o partido entre o Castroverde e o Santa Comba suspendeuse na segunda metade cando o resultado era de 2-5. Co mesmo resultado deuse por decidida a eliminatoria na valoración do Comité. Segundo a acta, o Castroverde non chamou á Garda Civil cando así o requeriu o colexiado por unha situación que se estaba dando no campo. Considerou que había risco para a súa integridade física e parou o xogo. O Santa Comba xogará os oitavos co Oural. Pola súa banda, a maior emoción futbolística da zona estivo na Carqueixa. O Río Sil e o San Lázaro marcaron tres goles cada un. A quenda de penaltis clasificou ao cadro adestrado por Diego Rey. Iso que Quevedo foi quen de deter tres penaltis.

O Guntín continúa coa inercia positiva, aínda que a piques estivo de relaxarse en exceso ante o Sporting Lucense. Venceu cun gol de Jony. O Ladairo acollerá encontro dos seus por terceira semana seguida. O rival será o Ferreira. Tamén pasou de rolda o Palas. Derrotou ao Monterroso B no derbi da Ulloa. Desprazarase a Sober para xogar os oitavos.

A rolda dos dezaseisavos de final será a que maior número de equipos xunte nesta Copa 2019 da 2ª e da 3ª. Varios equipos pasaron exentos a esta fase. Algúns procedentes da fase previa que se xogou na Terceira Rexional. Só un saltará esta eliminatoria. O Cazás xa está en oitavos pola renuncia á competición do Valadouro. O seu rival sairá do duelo entre a Candelaria e Comercial.

Nota: As aparicións nesta entrega dos “Onces Futbolinlugo” xa non contan para as puntuacións do “All Star Futbolinlugo”. En breves días publicaremos os xogadores con máis aparicións e a súa consecuente convocatoria para desfrutar xogando da festa do fútbol lucense.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario