Os Máxicos seguen en cadansúa loita

Salvatierra Abogados patrocina unha nova xornada dos Máxicos, na que os clubs da provincia mantiveron as esperanzas para acadar os obxectivos.

A Residencia non falla diante do Taboada (3-1). Os locais conseguiron o 1-0 moi cedo, por medio de Rasilla, e dominaron o balón e o xogo. Porén, os axustes visitantes no descanso melloraron ao Taboada, que empatou nun saque de esquina e xerou perigo con roubos en zonas perigosas. Cando mellor estaba o cadro de Martín Murado, Chiqui —un dos Máxicos da xornada— aproveitou un balón ás costas para definir no man a man e poñer o 2-1. Finalmente, os da Cheda sentenciaron nun contragolpe xa cos seus rivais volcados, 3-1.

O Racing Villalbés supera a unha boa versión do San Lázaro (2-1). Os primeiros minutos foron para os chairegos, que non obtiveron premio ata gol de Edu no 44′. Porén, o San Lázaro medrou a medida que pasaba o tempo e conseguiu pechar ao Racing no seu campo ao longo da segunda metade. Álex empatou o resultado, pero unha boa transición local supuxo o definitivo 2-1 a prol dos Máxicos de Iván Lamas.

O Outeiro de Rei e o Foz igualan (1-1). Os Máxicos locais conseguiron adiantarse nunha boa acción colectiva na que Navia bateu a Trullo logo dun pase filtrado. O Foz mellorou tras encaixar o gol e empatou cun bo disparo cruzado logo doutro balón entre liñas. Na segunda metade, a urxencia por puntuar do Outeiro fíxose notar e as máis claras foron para eles, pero o electrónico non se moveu máis,.



Os Máxicos do Xove gañaron no sempre complicado Sangoñedo.

O Pastoricense cae ante unha boa SD Chantada (2-5). Os primeiros minutos foron dominados polos visitantes, que se adiantaron nun remate de David logo dun pase de Kadete. Porén, o Pastoricense deu un paso adiante, logrou o empate nun desaxuste defensivo da SD e dominou ata a recta final do primeiro tempo. No engadido, Pablo conseguiu poñer o 1-2 e, xusto ao sacar de centro, unha mala cesión que aprovreitou Pulpix supuxo o 1-3 e un duro golpe para os locais.

Na segunda metade os Máxicos de Juanma asumiron riscos, pero encaixaron o 1-4 nun balón parado e, aínda que arriesgaron e conseguiron o 2-4, Xende sentenciou o duelo nunha transición nos intres finais do choque.

O Monterroso non deixa gañar ao Guntín (2-2). Ata dúas veces empatou o partido o Monterroso. O gol de Samu no primeiro tempo obtivo contestación no 54′ por medio de Yoni, mentres que o 2-1 do xogador «All Star» Gandoy perdeu valor cando Sobrado igualou o choque, xa no minuto 90′, para levar un punto importante cara Cerdeiriños.



A Milagrosa asalta a casa do Caldelas (2-3). Dominaron os Máxicos lucenses un duelo moi importante na súa loita pola permanencia. O gol inicial de David —no minuto 3’— deu tranquilidade a un cadro de Madriles que soubo agardar o seu momento e dificultou os avances ofensivos dos seus rivais. Mediado o segundo tempo, Alberte e Juan fixeron dous tantos que levaban o marcador ata o 0-3. A relaxación final case pasa factura aos albivermellos, que viron como o Caldelas anotaba o 1-3 e o 2-3 para apretar aos seus rivais ata o final.

O Lourenzá faise forte na casa a costa do Meira (2-0). O duelo mantívose igualado na primeira metade, e aínda que o Meira puxo as máis claras —mentres que o Lourenzá a posesión do balón— foi un balón parado preto do 70′ a que adiantou no electrónico aos Máxicos locais grazas ao remate de Miguel. Xa na recta final, Paulo sentenciou o duelo cunha gran acción individual para garantir que os puntos quedaban na casa, 2-0.

máxicos

O mal inicio condena ao Chantada Atlético co Xove (2-3). Os mariñáns comezaron o duelo máis intensos, e Cora aproveitou unha perda local en saída de balón para poñer o 0-1 no 7′. Javier Vázquez empatou no 27′, pero a precipitación chantadina e un exercicio de transicións soberbio por parte do Xove provocaron que o resultado fose de 1-3 no tempo de lecer. Na segunda metade, aínda que os Máxicos de Corredoira melloraron e xogaron con máis cabeza, non houbo apenas ocasións claras a excepción do gol de Dani Delgado xusto á volta dos vestiarios.

O Burela da outro golpe sobre a mesa diante do Castro (1-0). As baixas mermaban —sobre o papel— a un Castro no que participaban catro xuvenís. Porén, os Máxicos de Dumi contaron con claras ocasións (especialmente unha de Marino) diante dun Burela que se sentiu atenazado polo impresionante ambiente da bancada —medio millar de persoas na Marosa—. Os mariñáns medraron co paso dos minutos e, na recta final, apretaron moito aos chairegos ata que David Ben puxo un gran centro para que Yago furase a rede no 95′ e desatase a tolemia no feudo burelao.

O Oural asalta a casa do Santaballés (2-3). Un córner a prol do Santaballés traduciuse no 1-0 no minuto 2′, pero os Máxicos sarriáns igualaron poucos despois. Os chairegos volveron adiantarse cun centro lateral que rematou cun remate en propia porta pero, xa na segunda metade, a necesidade aliouse cun Oural que remontou a contenda. O 2-2 chegou nun roubo de Porral e posterior tiro desde fóra, e o 2-3 nun remate de Diego logo dun centro de Mario.



Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *