Os Máxicos Salvatierra Abogados chegan á última xornada do ano 2024 coas posicións definidas e con cadanseu obxectivo marcado.
O Foz e a SD Chantada asinan táboas nun duelo igualado (0-0). O dominio posicional da SD Chantada no primeiro tempo tan só se manifestou nun tiro cruzado de Damián, mentres que o Foz puido anotar por medio de Anxo. Na segunda metade cambiou o guión: os Máxicos mariñáns tiveron máis presenza en área rival e os chantadinos transitaban con perigo. Porén, a igualdade foi a protagonista e o marcador non se moveu.
O Monterroso asalta A Ponte (1-5). Aínda que o gol inicial de Lucas foi neutralizado pouco despois por Borja Candal, a intensidade e o bo entendemento do xogo por parte dos Máxicos de Fernandito permitíalles chegar ao descanso co resultado de 1-3. O San Lázaro, pola súa banda, non estivo cómodo en ningún momento e, pese a tratar de igualar o marcador na segunda metade, os visitantes fixeron dous goles máis para pechar unha contundente victoria.
O Outeiro de Rei supera a un Meira que estreará técnico a próxima semana (2-0). Rubén Bergantiños farase cargo dun Meira que se viu dominado polo Outeiro de Rei na primeira metade, pero que facía dano en transicións. Aínda que os locais estrelaron un balón no pau antes do descanso, non foi ata o segundo tempo que Navia aproveitou un rexeite a tiro de Seijas para facer o 1-0. Na recta final, o propio Navia faría o definitivo 2-0 para erixirse como un dos Máxicos da semana.
O Taboada sofre a boa xeira do Pastoricense (3-2). Un Pastoricense que se adaptou mellor ao terreo de xogo fixo o 1-0 nun remate de Dani logo de centro de Iago e, xa na segunda metade, o 2-0 cun disparo de Cristian desde a frontal. Pouco despois chegou o 3-0 nun centro lateral, pero o Taboada non se rendiu e conseguiu recurtar diferenzas por partida dobre en dúas accións a balón parado, pero non lles chegou para puntuar, 3-2 no Acebreiro.
O Xove Lago asalta o Ladairo (0-3). Pese á igualdade do primeiro tempo, o gol de Higo na recta final inclinou o choque a prol dun Xove que manexou os ritmos do xogo na segunda metade: Cora puxo o segundo e Steven sentenciou co definitivo 0-3 para levar tres puntos moi importantes cara o Municipal.
O Castro imponse ao Lourenzá na Santa Cruz (1-2). Aínda que o gol de Buide no comezo condicionaba o plan de partido do Lourenzá, o rápido empate acadado por Lucas permitiu aos de José Ángel Castro manter o seu repregamento e transitar con perigo. Porén, o bo fútbol dos Máxicos visitantes traduciuse en numerosas ocasións: Marco fixo o 1-2 antes do descanso e tan só a falta de efectividade do Castro evitou que chegasen máis goles do cadro de Dumi, aínda que os locais tamén estiveron a piques de empatar por medio de contragolpes.
O Burela caeu por primeira vez nos máxicos da primeira
A Residencia domina e supera ao Oural (2-0). Róber puxo o 1-0 nun primeiro tempo no que os Máxicos branquiazuis tiveron que facer fronte a un bo tecido defensivo dos sarriáns. Os de Rafa Casanova dispuxeron dalgunha oportunidade máis, mentres que os de Negrete igualaron a intensidade local na segunda metade e puideron facer o empate. Porén, un novo desaxuste da zaga visitante traduciuse no definitivo 2-0, que anotou Pereira, para deixar 3 puntos na Cheda.
O Chantada Atlético sí conseguiu goles ante o Santaballés (3-0). Os chantadinos —cos que redebutou Dani Delgado— superaron ao Santaballés nunha primeira parte na que incomodaron moito aos chairegos. O primeiro gol chegou nun balón parado e, pouco despois, un erro nun disparo do visitante Paredes desencadenou un ataque rápido dos locais que supuxo o 2-0. Antes do descanso, os Máxicos de Edu fixeron o 3-0. Na segunda metade, os de Freire se repuxeron dos golpes e foron dominadores do choque, pero a falta de efectividade e a boa defensa do Chantada Atlético evitaron o gol chairego.
O filial do Racing vence ao líder no engadido (2-1). Partido igualado e gris de ambos conxuntos. O Burela puxo o primeiro xusto á volta do descanso, pero os Máxicos chairegos empataron cun centro desde banda dereita e culminaron a remontada nun rexeite logo dun balón parado no tempo engadido, que fixo xustiza ao visto sobre o céspede do Estadio Roca, 2-1 a prol dos de Iván Lamas.
A Milagrosa non está ao nivel no campo do Erizana (5-2). As dimensións do campo condicionaron un choque no que os locais superaron en intensidade aos albivermellos e mandaban por 3-0 no tempo de lecer. O 3-1 de David aupou á Milagrosa, que puxo o 3-2 á volta dos vestiarios, pero os locais deron outro paso adiante e fixeron dous tantos máis para pechar o resultado diante dunha cadro lucense mermado polas baixas.