O PM Friol faise co derbi feminino ante o CD Lugo

Friol e Lugo enfrontábanse nun encontro envolto pola polémica dende os despachos

Derbi da elite do fútbol feminino lugués que quedou cos tres puntos para as locais, as friolesas (1-0).

Un partido que pese á polémica que o arrodeaba fóra do céspede, dentro del reinara a deportividade por parte de ambos conxuntos. Aínda que houbo xogo con tintes de ataque, sobre todo pola parte do cadro friolés, que tentaba aproximarse á área albivermella, as locais fallaban nos últimos intres das xogadas, nos últimos pases que lles permitiran chegar con perigosidade á área.

Así, o gol fíxose agardar grazas tamén ó bo partido da gardameta luguesa, Edurne, con varias paradas de mérito que mantiñan todas as posibilidades abertas no derbi.

A precipitación non foi erro tan só das friolesas, as xogadoras do CD Lugo pecaban tamén diso mesmo, dunha especie de ansiedade por anotar rápidamente, quizabes por tratarse dun derbi e, á vez, dando como resultado o xogo propio deste tipo de partidos onde semella que se xogan máis que tres puntos.



Once inicial do CD Lugo. Foto cedida

No tramo final do encontro o Friol medrou, apertou máis arriba, arriscando xa que deixaba máis espazos abertos aínda que isto non soubo aproveitalo o CD Lugo. Porén, foron as locais, PM Friol, que case nos últimos suspiros do partido anotaron por medio de Antía «Balo» que, coa calidade que a caracteriza, daba os tres puntos e a inxección moral de gañar un derbi ó seu equipo.

A comercial faise cos tres puntos do partido aprazado

O domingo, Resmón e Comercial déronse cita para desputar o encontro aprazado da xornada 7. A Comercial fíxose cos tres puntos grazas ó 1-2 final colleitado a domicilio.

O equipo de Vicky fixo un bo encontro, amosando boa triangulación de balón e con moitas ocasións de gol que puideron levar a un resultado moito máis abultado. Aínda que o fútbol non lles sorriu de cara á porta, conseguiron que os dous tantos anotados foran suficientes para levarse os tres puntos da xornada 7.



Once inicial da Comercial. Foto cedida

Katheryn García abriu o marcador para a Comercial no minuto 13′. O 0-2 chegou das botas de Aroa Puente. Pechou o marcador Vanessa Maroñas, recurtando distancias no 65′ para o Resmón (1-2).

Tarde de goles e táboas no encontro aprazado do carballedo

As de Sementa colleitaron un valioso punto no Vista Alegre de Ordes nunha tarde con 6 goles repartidos por igual entre ambos conxuntos.

As guerreiras de Carballedo chegaban a este encontro aprazado (xornada 7) con moitas baixas «pero o dobre de compromiso de todas as dispoñibles», comentaba Sementa logo do partido.

O Carballedo comezou partido moi concentradas, coas ideas moi claras e cunha defensa moi ben asentada. Así, xa no minuto 20 chegou o primeiro gol da man de Ana Lamas (1-0). Aínda que co resultado a favor, as xogadoras do equipo rosa ían a por máis.

Porén, nunha contra o Órdenes empataba o partido (1-1). O Carballedo non se veu abaixo, seguiu atacando e, nun dos saques dende o curruncho provocados polo asedio á área rival, Ari facía un gol olímpico para chegar ó descanso por diante (1-2).



Á volta dos vestarios, o Carballedo seguía a domijnar o encontro e contando con ocasións para ampliar a vantaxe, pero non as aproveitaron. O que chegou foi precisamente o contrario, o gol que de novo empataba o encontro para o Órdenes (2-2).

As guerreiras, facendo alarde do seu nome, repuxéronse unha (e se fai falta mil) vez máis, anotando o 2-3.

Once inicial do Carballedo. Foto cedida

Porén o partido non acababa aí. O esforzo físico despregado durante todo o encontro fixo mella nos instantes finais, que se fixeron demasiado longo para as de Sementa. No 93′ chegou o gol do definitivo empate (3-3) de Eva Tacón que salvaba ó Órdenes privando ó Carballedo de tres puntos que, por esforzo e coraxe, probablemente mereceran.

O Carballedo deu a cara con apenas xogadoras e algunha delas tocada, polo que o resultado aínda que quizabes curto, é de orgullo para as do Catro Ventos.

Esta vez saiu cruz para o San Lázaro

Fáisenos raro contalo, pero perdeu o San Lázaro, primeira derrota o curso para as de Rubén (2-1) ante a UD Santiso FC.

A UD Santiso presionou en todo momento ó San Lázaro, moi intensas nas liñas altas de presión dificultando a saída e circulación de balón do San Lázaro. Aínda así, foi o San Lázaro quen se adiantou no encontro por medio de Douaa.

Once inicial do San Lázaro. Foto cedida

Mais á volta dos vestiarios, a UD Santiso empataba o encontro por medio de Elvira Mazas. A partires de aí o encontro converteuse nun continuo golpeo de ambos equipos con idas e vidas e ocasións para ambos conxuntos que, nos intres finais, caeu do lado do Santiso cun gol no 89′ de Rocío Carreira para pór o 2-1 final.

Derrota para o Monte Forte no Cepelo

De pouco lle serviu xogar o partido aprazado ó Monte Forte no Cepelo, Negreira, xa que as monfortinas volveron á casa sen puntos logo de perder 4-1.

Unha primeira parte moi igualada levou ás táboas a manterse no marcador ata o minuto 70′, cando Xiana Blanco abria o luminoso para as locais (1-0). Tan só uns segundos despois, chegaba o segundo para as do Nicrariense por medio de Daniela Barbazán (2-0). Sería a propia Daniela quen, oito minutos despois, poría un 3-0 xa moi doroso no marcador.

A falta de dous minutos para o final, Ainhoa López anotaba (3-1) para maquillar o resultado do partido e sen marxe de maniobra para nada máis. Porén, Daniela atopou de novo porta para colocar o seu hat-trick particular e o 4-1 no resultado final do encontro.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *