#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O partido da xornada . . . Polvorín – Viveiro: o ascenso e a permanencia en xogo no derbi

A derradeira xornada de Terceira non pode chegar con máis emoción. O devir da competición quixo agasallarnos cun derbi provincial no que se decidirá o futuro inmediato dos dous conxuntos. O Polvorín e o Viveiro enfrontaranse o domingo ás 18 horas no Municipal de Pol co ascenso e a permanencia en xogo. Arbitrará o colexiado santiagués Martínez Barral.

O filial do Club Deportivo Lugo afronta o encontro desde o máis alto da clasificación logo do vital triunfo da pasada xornada en Noia e o empate do Ourense CF diante do Rápido de Bouzas. Os de Álex Ortiz dependen de si mesmos para acadar o que sería un acenso histórico a Segunda RFEF. Un triunfo diante do Viveiro garante o pase á nova categoría, e en todo caso, un marcador igual ao que acade o Ourense no seu compromiso diante doutro dos nosos, un Racing Vilalbés que busca a clasificación para a promoción de ascenso. O Polvorín contará coa importante baixa do sancionado Leandro.

Enfronte estará un Viveiro ao que os últimos dous meses de competición lle presaxiaban unha última xornada do máis tranquila. Xa libres dos postos de descenso directo ou condicionado, os mariñáns tentarán nesta derradeira xornada evitar unha décimoterceira praza que pode conducir a Preferente ao seu ocupante ante un eventual descenso galego desde a Segunda RFEF. Un triunfo dos de David Páez en Pol, ademáis de evitar a citada posición, faríalles subir un posto na clasificación e mesmo superarían ao Silva se este non é quen de vencer ao Xuvenil de Ponteareas. Un empate tamén lle serviría aos celestes para non caer un posto ao ter o golaverage particular favorable co Choco, actual 13º clasfiicado.

O último enfrontamento entre Polvorín e Viveiro tivo lugar o 1 de novembro de 2020, daquela no campo da Cheda. O encontro rematou con triunfo local por catro goles a un. Christian cun póker de goles sentenciou aos mariñáns, polos que anotou Xaime.



Falamos do encontro do domingo con dous xogadores que están a completar unha temporada sobresaínte, os gardametas Julen (Polvorín) e Manu Cedrón (Viveiro).

que opinan os protagonistas?

JULEN (POLVORÍN)

  • Coa maior motivación posible. «Afrontamos o encontro con moitísimas ganas. Todo o traballo do ano vai resumirse nestes noventa minutos. Será un encontro moi bonito no que todos nos xogamos moito, ademáis un derbi no que xogaremos ante ex compañeiros e amigos. Será duro e competido por ambas partes, pero todos firmaríamos ao comezo de liga chegar á derradeira xornada nesta situación. O acontecido nas últimas semanas, nas que pasamos de ter o ascenso no peto e complicarse pouco despois fai que cheguemos máis motivados se cabe».
  • O rival. «É un equipo veterano, moi rocoso e ben traballado. Imaxino que levaremos o peso do partido, polo que sería importante que algunha das ocasións fructificara para facer que eles deixen máis espazos. De tódolos xeitos, os encontros nos que hai tanto en xogo son máis pechados, polo que non será nada doado».
  • Valorar o acadado. «Como en calquer filial soe haber moitos cambios cada temporada. Xogadores que saíron por idade e outros que chegaron desde xuvenís fixeron que a plantilla fose moi renovada. Os que subiron este ano teñen moita calidade, e os que xa estabamos aportamos ese gran da pouca experiencia que temos, e fixemos que o equipo fose como unha familia. Creo que en parte é unha das bases do éxito desta temporada. Agardemos que a este temporada de dez lle podamos poñer a guinda co ascenso».

MANU CEDRÓN (VIVEIRO)



Foto: Damián Aviés
  • Moito en xogo. «Sabemos da importancia deste partido para os dous equipos e creo que será un choque no que teremos que facer as cousas moi ben para poder puntuar. Ao final cando xogas ao fútbol, este tipo de encontros son os que sempre queres disputar».
  • O encontro. «Agardo un partido disputado no que calquer mínimo detalle marcará a diferencia. Temos que ser conscientes que debemos puntuar para salvarnos dos arrastres e estar concentrados durante os noventa minutos. Eles teñen unha idea de xogo moi clara e xogadores moi bos en tódalas liñas, por iso van líderes. Pero nós levamos trece xornadas sen perder e tentaremos sumar outra máis para acadar o obxectivo».
  • Unha gran racha sen o premio da tranquilidade nesta xornada. «Non é algo no que pensemos. Creo que despois do mal inicio de temporada todos firmabamos depender de nós mesmos na última xornada estar fóra dos postos de descenso. Só pensamos en obter un bo resultado o domingo».

Foto de portada: Facebook Viveiro CF

a axenda

PRIMEIRA GALEGA FEMININA – FASE DE ASCENSO

  • CD Lugo – Sárdoma B (Domingo ás 12:30 horas na Cheda): o cadro lucense buscará tres puntos que as acheguen a un primeiro posto que aínda queda lonxe. Cun triunfo superan ao conxunto vigués.

PRIMEIRA GALEGA FEMININA – FASE DE PERMANENCIA

  • PM Friol B – Tordoia (Sábado ás 18:30 horas na Reigosa): o filial friolés, co permanencia virtual asegurada, tentará sumar tres novos puntos ante un rival co só tres puntos de vantaxe sobre o descenso.

SEGUNDA GALEGA FEMININA – ELIMINATORIAS POLO ASCENSO

  • Chantada – Umia B (Domingo ás 12 horas no Sangoñedo): o conxunto chantadino comeza o seu camiño na procura do ascenso no seu feudo. Enfronte o conxunto de Barrantes que foi terceiro no seu grupo e que rematou a primeira fase nunha boa xeira de resultados.

TERCEIRA DIVISIÓN



  • Ourense CF – Racing Vilalbés (Domingo ás 18 horas no Couto): encontro dos grandes no Couto. O cadro chairego debe gañar e agardar o tropezo de Barco ou Rápido para entrar na promoción de ascenso. Enfronte os de Rubén Domínguez que tentarán sacar os tres puntos e agardar un tropezo do Polvorín para acadar o ascenso a Segunda RFEF.

PREFERENTE – FASE DE PERMANENCIA

  • Santaballés – Xallas (Domingo ás 18:30 horas na Liga): encontro marcado en vermello no calendario dos de Juan Rodríguez. Un triunfo serviríalles aos chairegos para saír dos postos de descenso e deixaría moi tocado ao rival máis directo pola permanencia.

PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO

  • Pol – Chantada (Domingo ás 12:30 horas no Municipal): o conxunto local tentará refrendar o liderado coa que sería a súa cuarta vitoria consecutiva. Non o terán doado diante dun Chantada que afronta unha final logo de tres xornadas sen sumar os tres puntos.

PRIMEIRA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA

  • Alfoz – Xove Lago (Domingo ás 17 horas no Municipal): encontro no que debutarán no banquiño local Oke e Bebo logo da saída de Pichi. O novo corpo técnico buscará un triunfo, logo de catro empates consecutivos, que os alonxe do perigo. Enfronte, o cadro adestrado por Bruno Gómez, daría un paso case que definitivo para a salvación se logra a vitoria.

SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO GRUPO 1A1

  • San Ciprián – Cospeito (Domingo ás 17 horas na Veiga): primeiro contra segundo. Un encontro que pode marcar o devir da pelexa por xogar o vindeiro ano en Primeira. Un triunfo dos de Jaime serviríalles para abrir brecha no liderado.

SEGUNDA AUTONÓMICA – FASE DE PERMANENCIA GRUPO 1D1

  • Mondoñedo – Goiriz (Domingo ás 17 horas no Viñas da Veiga): non vai máis para o conxunto mindoniense. Debe gañar os tres encontros para ter opcións de acadar a permanencia. O primeiro diante dun Goiriz que daría un paso importantísimo se vence no Viñas da Veiga.
  • O Incio – Palas (Sábado ás 17 horas no Carboeiro): encontro decisivo para evitar caer ao derradeiro posto do grupo. Os visitantes tentarán aproveitar a mala xeira dun Incio que caeu derrotado nos últimos tres encontros.

TERCEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO C1

  • Castro B – Cazás (Sábado ás 18:30 horas no Anexo ao Arturo Pereiro): o filial pode ser novo equipo de Segunda Autonómica se é quen de derrotar a un Cazás que só sumou un punto nesta fase. No caso de non gañar podería ascender si o Rioaveso non gaña ao Nuevo Nausti.

TERCEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO C2

  • Celeiro – Catro Roldas (Sábado ás 17 horas en Trasvías): o cadro viveirense buscará un triunfo que o manteña vivo no soño do ascenso. Se o triunfo viaxe cara Román, o Catro Roldas podería ser equipo de Segunda, sempre que o Comercial non gañara o seu encontro.

TERCEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO C3

  • Monterroso B – Lemos B (Sábado ás 19 horas no Anexo a Cerdeiriños): segundo contra primeiro. Un triunfo do filial monfortino outorgaríalle o ascenso. Pola contra se é o cadro local o que acada o triunfo, os monterrosinos chegarían á derradeira xornada dependendo de si mesmos para xogar o vindeiro ano en Segunda.

TERCEIRA AUTONÓMICA – FASE DE ASCENSO C4

  • Carballedo – Taboada B (Sábado ás 17:50 horas no Catro Ventos): pode ser un día histórico para o conxunto local. Un triunfo diante do filial do Taboada, que non foi quen de sumar nesta segunda fase, outorgaría o ascenso ao Carballedo.

O partido da xornada . . . Polvorín – Viveiro: o ascenso e a permanencia en xogo no derbi

Os filiais, os mellor posicionados para o

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *