Once dos cuartos da Copa de Preferente e Primeira

Na antepenúltima rolda da Copa de Preferente e Primeira dámoslle o premio de saír no once a aqueles xogadores dos equipos que saíron vitoriosos nas súas eliminatorias. Non quere dicir que o resto dos clubs derrotados non sexan merecedores tamén desta pequena distinción, pero optamos por recompensar a aqueles que seguen adiante e que a vindeira fin de semana loitarán por estar na gran final.

A maior sopresa produciuse en Cerdeiriños onde o Monterroso derrotou por 1-0 ao Ribadeo da Preferente. O porteiro Roi, Alberto del Río e Óscar Méndez foron tres dos xogadores máis destacados do partido. O conxunto da Ulloa que quedou ás portas do ascenso á Preferente, loitará agora por meterse na final da Copa. O seu rival nas semifinais que se desputaran en Cerdeiriños será o Riotorto, dous conxuntos que se coñecen xa da competición regular. O equipo da comarca de Meira derrotou por 1-0 ao Chantada B con Play, autor do gol, e David Silva como futbolistas máis sobranceiros do encontro. Tamén tivo un papel crucial Diego López que parou un penalti nos instantes finais do choque. Queda sen representación no once polo alto nivel mostrado por varios porteiros nesta rolda.

Roi é a cabeza visible na portería, pero Diego López no Riotorto ou Santi no Lemos tamén tiveron papeis moi destacados

Quen non deron marxe á sorpresa foron os outros dous finalistas que superaron as súas eliminatorias con solvencia, cando menos, no que ao marcador se refire. O Lugo B venceu a domicilio ao Outeiro por 0-3 cunha gran actuación en todas as liñas con protagonismo para Julio Camba, Óscar Rivas, Luis e Dani Renda. Os pupilos adestrados por José Durán mediranse ao Lemos nas semifinais, un equipo ao que tamén xa coñecen despois de enfrontarse na competición ligueira. O Lemos deixou sentenciado o partido xa na primeira parte na Medela e gañou por 0-3 a un Taboada que o intentou pero non tivo fortuna de cara a portería rival. Diego Arias e Petrovich foron do máis destacado do equipo lemista, xunto co porteiro Santi que non puido entrar no once pola gran competencia que houbo esta xornada baixo paus.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario