Unha vez máis os derbis marcaron a xornada na Preferente. Catro equipos da provincia efrontáronse entre si esta pasada fin de semana e convértense nos grandes protagonistas do once ideal. O Ribadeo remontou o seu partido ante a Sarriana na Ribela e sumou a súa terceira vitoria consecutiva que o coloca a tres puntos da promoción de ascenso. Yoel e Mauro Poratti aparecen como os máis sobranceiros do conxunto da Mariña Oriental. Pola súa banda, a Sarriana segue en zona de descenso a seis puntos da salvación.
No duelo do sur enfrontáronse o Lemos e o Escairón na Pinguela. Os do Saviñao leváronse o encontro pola mínima cunha gran actuación do porteiro Javi López, así como de Iago e Anxo. O conxunto de Alberto López segue sen descartar a promoción de ascenso da que se atopa a cinco puntos na clasificación. O equipo local tentouno pero non foi quen de cortar a mala xeira de catro derrotas consecutivas e queda tres puntos por riba do descenso. Á beira do perigo tamén anda o Chantada despois da súa derrota por 3-0 ante o Mugardos que o deixa tan só con dous puntos de marxe e sen ningún xogador no once ideal.
O Lugo B perdeu unha boa oportunidade de asentarse na promoción de ascenso ao perder no Ceao ante o líder indiscutible da categoría, o Noia por 1-2. Os pupilos de José Durán quedan empatados coa zona de play-off pero sextos clasificados. Asier foi un destacados dun partido que se lles escapou aos lucenses nos últimos minutos. Tampouco foi quen de recurtar puntos o Viveiro que empatou na casa ante o Betanzos e está a dous puntos da promoción. Unha vez máis, por segunda semana consecutiva, Diego Chis repite no once ideal acompañado por Alberto.