O Burela está a ser o equipo a seguir neste inicio de competición na Primeira Galicia. Invicto neste primeiro cuarto de liga, no que só cedeu un empate; na Marosa soñan ao grande. Un dos grandes protagonistas do bo facer do cadro mariñán é o seu adestrador José Manuel Arca ‘Oke’.
Oke pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo e respostou ás preguntas de Álex Gato, presentador deste espazo radiofónico, e Diego Díaz, redactor de Futbolinlugo.
Aquí podes escoitar a entrevista completa:
Valoración do inicio da competición. «A valoración é positiva. Eu estoume adaptando aos xogadores e comezando unha nova etapa. Pero dando continuidade á anterior, o equipo estaba ben traballada. Houbo unha soa baixa e algunha que outra incorporación que axudaron a mellorar a calidade de adestramentos e partidos. Estou contento, de momento».
Os rivais polo ascenso. «Igual é un pouco rápido para falar de rivais. Están os recén descendidos de Preferente como Castro e Residencia, os dous Chantadas, o Racing Villalbés B, o Santaballés. E algunha sorpresa máis haberá. Gustoume bastante o Guntín, un equipo novo e con xogadores con calidade que tratan de xogar. Por aí van os tiros».
A aposta do Burela pola base pode chegar a Preferente? «Iso hai que demostralo despois, o movemento demóstrase andando como dixo o outro. O problema máis importante que vexo é a dispoñibilidade de cara aos adestramentos. Temos xente nova e o problema dos estudos e o traballo na Mariña. A maioría da xente nova estuda ou traballa fóra e só poden adestrar o venres con nós. E iso é un hándicap importante. Por calidade se podería facer pero aparecería este problema para competir nunha categoría superior».
O paso de Luchi a Oke. «Os cambios non foron notables con respecto ao anterior adestrador. Había unha base de xogadores e un modelo de xogo un pouco marcado. Os cambios a nivel de fútbol ofensivo foron poucos. Apostamos un pouco máis pola verticalidade, as transicións e incidir en ter boas vixilancias e encaixar poucos goles. Así como chegar arriba un pouco máis rápido».
O alcume de ‘Oke’. «Oke é un apodo familiar. Vén da casa, todo o o mundo me coñece así. Chámanmo en toda a miña familia. De feito algún familiar próximo non sabe o meu nome seguro. Puxéronme o nome composto e debéronse arrepentir».