#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O Viveiro suma os primeiros tres puntos da temporada

Retornou a Terceiro e fíxoo co gran triunfo do Viveiro no campo do Barco e co empate do Racing Vilalbés na Madalena fronte ao Gran Peña. Na Preferente, a Sarriana gañoulle ao Fisterra, mentres que o Ribadeo empatou na súa visita ao Pino e a Residencia fixo o propio na Cheda co Sofán. Derrotas do Lemos no campo do Dubra e do Portomarín en Noia.

Segundo empate consecutivo na Madalena do Racing Vilalbés (1-1)

O cadro chairego comezou ben e non tardou en xerar perigo por medio de Marcos Álvarez, pero o Gran Peña deseguido se fixo co control do balón e foi quen de poñerse por diante no marcador cun gol de Martín Rafael. Co marcador en contra, o Racing Vilalbés deu un paso adiante e puido empatar cun remate de cabeza de Vérez que logrou sacar un defensor.

A segunda metade foi racinguista por completo. Marcos Álvarez gozou dunha das ocasións máis claras, pero atopouse coa gran resposta do gardameta César. O tanto do empate chegou no rexeite dun lanzamento de penalti que errou en primeira instancia Pablo Rey, pero o propio futbolista ferrolán anotou en segunda instancia. Cuadrado, en dúas ocasións, Javi Rey e Rares tiveron ocasións para darlle a volta ao encontro.



O Viveiro logrou o primeiro triunfo do curso no campo do Barco (1-3)

Moi superior o conxunto mariñán ao longo de todo o partido. Os celestes, que alternaron presión alta cun bloque baixo que lle fixo moito dano ao rival, con rápidas contras dos celestes que eran quen de finalizar. Nunha delas Rolle puxo por diante ao Viveiro. O propio Rolle, Sane ou Iker Hurtado tiveron claras ocasións de gol que desbaratou Aitor Arias, o xogador máis destacado do cadro de Valdeorras. Antes do descanso, Javi Pazos igualou o marcador ao rematar un bo centro de Josué.

Na segunda metade, o Barco comezou mellor nos primeiros minutos, pero non tardou o Viveiro e facerse co control do encontro. Á contra chegou o segundo, obra de Sane, e Iker Hurtado e Arturo voltaron a poñer a proba a un Aitor Arias en estado de gracia, pero nada puido facer ante o disparo de Rolle, que sentenciou co terceiro. Preto do final, Ayoub, que debutou na portería viveirense interviu con éxito en dúas chegadas do cadro local.



A Sarriana segue a estela do líder logo de desfacerse do Fisterra (3-1)

Os de Edu Rodríguez sumaron tres puntos que os manteñen na segunda praza, por detrás dun Betanzos que conta por triunfos os seus encontros. Encontro previsible o visto na Ribela, cun Fisterra agazapado atrás que cedeu o balón á Sarriana, que tivo paciencia e soubo perforar a poboada zaga visitante. Herrero e Adri Díaz puxeron e vantaxe ao cadro local, que mesmo gozou de máis ocasións para marchar ao descanso cunha renta máis ampla.

Non foi do mesmo nivel a segunda parte. O Fisterra logrou recurtar diferencias nunha acción a balón parado mal defendida, pero só cinco minutos máis tarde Santín fixo o terceiro. Un gol que lle deu máis tranquilidade á Sarriana nuns segundos corenta e cinco minutos de moito descontrol.

A Residencia suma un punto fronte ao Sofán e encadea tres xornadas sen perder (0-0)

Sete puntos dos últimos nove en xogo para os de Dani Galán, que se sitúan na zona cómoda da clasificación. O encontro estivo moi condicionado pola continua choiva que caeu sobre a cidade amurallada ao longo dos noventa minutos. Co campo impracticable resultou difícil mover o balón e apenas se viron ocasións en todo o partido. Tan só nos primeiros intres Iago Buján cun bo disparo puxo a proba ao gardameta Brais.



O Ribadeo deixa fuxir unha vantaxe de dous goles e empata no campo do Pino (2-2)

Encontro con dúas metades ben diferenciadas no sempre complexo campo de Reboredo. A primeira foi dominada por completo polo Ribadeo, que neutralizou con solvencia o xogo directo do conxunto local. No minuto 25, unha falta botada por Xaime rematouna Boada ao fondo da portería. Preto do descanso, un bo centro de Xairo rematouno Criss lonxe do alcance do gardameta.

Na segunda metade cambiou o guión e o Pino asumiu riscos na procura dun resultado positivo. O Ribadeo resistiu ata o minuto 70, pero en dous minutos os de Juan Vidal igualaron o partido con goles de Jhony e Figurín. No último cuarto de hora o encontro estivo aberto e calquera dos dous puido levar os tres puntos. As ocasións máis claras foron do Ribadeo e estiveron nas botas de Iván García. Unha detívoa o gardameta e outra, no minuto 93, rematou no longueiro.

Derrota do Lemos na súa visita ao Dubra (2-0)

Non comezou ben o encontro para os monfortinos, que non saíron ben ao campo. Malia todo, o Dubra non foi quen de xerar excesivo perigo e co paso dos minutos o Lemos fíxose co dominio do encontro. Precisamente cando mellor estaban os pupilos de Óscar Moure chegou o tanto local nunha xogada a balón parado que Brais mandou o balón ao fondo da portería. Carrasco tivo a máis clara para o Lemos.

O conxunto monfortino tivo o dominio da segunda parte fronte a un Dubra que xogou replegado e que non sentenciou o encontro ata o último minuto, xa con dez os visitantes por dobre cartón de Carrasco. Reclamaron dous penaltis no Lemos que o colexiado non sinalou.

O Portomarín caeu goleado na súa visita ao campo do Noia (5-1)

O marcador deixa ás claras o dominio local, nun encontro que os de Iván Carril deixaron sentenciado na primeira media hora de xogo. O Portomarín comezou inquedando a portería rival con tres córners consecutivos, pero nun erro defensivo Marcos Piñeiro abriu o marcador. Anxo fixo os dous seguintes, o primeiro en fóra de xogo e o segundo de falta directa.

Na segunda metade, o ritmo baixou e non se viron demasiadas ocasións de gol. Sobrepasado o ecuador, Marcos Piñeiro nunha boa xogada colectiva anotou o cuarto e poucos minutos despois Fernandito fixo o tanto da honra cun lanzamento de falta á escadra. Co tempo cumplido, outro bo lanzamento de falta de Juan García supuxo o quinto tanto.

O Viveiro suma os primeiros tres puntos da temporada

O partido en imaxes: Ferreira – Sporting

O Viveiro suma os primeiros tres puntos da temporada

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 6

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *