O Viveiro fai os deberes en Cantarrana e o Polvorín golea no Candocia

Xornada moi positiva para os nosos representantes na Terceira División. O Polvorín deu un golpe enriba da mesa e goleou ao líder no seu feudo e xa é terceiro na táboa clasificatoria, mentres que o Viveiro gañou diante do Paiosaco en Cantarrana e abandona os postos de promoción de permanencia. O Racing Vilalbés adiou o encontro diante do Fabril por mor dun positivo en Covid-19, do que agardamos a súa pronta recuperación.

O mellor partido da temporada do Polvorín remata con goleada ao líder (1-4).

Sen obxeción algunha. O Polvorín saiuse no Manuel Candocia. Goleou ao Somozas no seu campo e remata a xornada no terceiro posto.

O filial albivermello realizou posiblemente o mellor encontro da temporada. Controlou o partido durante boa parte dos noventa minutos diante dun equipo acostumado a mandar. Os de Álex Ortiz tiveron o balón e mediante posesións longas xeraron perigo ante un conxunto que intentou saír á contra, pero a defensa lucense amosouse intratable.

Aos vinte minutos de partido, Manu Núñez recuperou un balón que filtrou para Antón Escobar. Este conectou con Cristian que definiu ante a media saída de David Gómez. O Polvorín seguiu o mesmo guión e meteu no seu campo a un Somozas que tan só inquedou cun lanzamento de falta de Pablo Rey ao borde do descanso.

A segunda metade comezou da mellor maneira. Unha boa xogada de Antón Escobar por banda rematou co lanzamento deste ao pao. O rexeite colleuno Iago Novo que empurrou o balón ao fondo das mallas. O Somozas moveu o banquiño e deulle entrada ao ex racinguista Iago Blanco e ao viveirense Aldán Naval. O cadro local tivo os seus mellores minutos. A falta de vinte  para o final o colexiado sinalou penalti por man de Dani Vidal. Luis Nuño non errou desde os once metros. A reacción rematou pouco despois ao ver Josito o segundo cartón amarelo.

Cun home máis o Polvorín atopou ocos á contra e soubo aproveitalos á perfección. Unha boa xogada do recén incorporado Torrado rematou co pase da morte deste para Iago Novo que fixo a sentencia a falta de dez minutos para o final. Pouco despois mesmo asistente e distinto rematador. Torrado sirviu e o pichichi da Terceira, Cristian fixo o cuarto. Décimoprimeiro tanto para o lucense.

O Viveiro logra unha importante vitoria diante do Paiosaco en Cantarrana (2-1).

Triunfo vital do cadro mariñán en Cantarrana. Visitaba o campo viveirense un Paiosaco que, malia ser o pechacancelas do grupo A de Terceira sen coñecer a vitoria no que vai de temporada, sempre é un conxunto perigoso. Sen ir máis lonxe, o pasado mércores foi quen de empatar no campo do Bergantiños. O encontro serviu ademáis para o debut das dúas incorporacións do Viveiro no mercado invernal: Nico e Criss. O primeiro ocupou o centro da zaga xunto a Edgar, que formaron parella de centrais no canto dos sancionados Uriol e Dani Montes. Chusky deulle entrada tamén a Iván e Facu, que ocuparon o sitio de Asier e Rolle, con respecto ao último encontro diante do Somozas.

O Viveiro foi superior no comezo do encontro. Soubo adaptarse mellor ás malas condicións do céspede e foi quen de chegar con perigo á área rival. Álex Meitín foi o primeiro en avisar, pero Rama solventou o man a man co capitán dos mariñáns, e logo Facu estrelou o balón no pao. Á terceira foi a vencida. Nunha internada pola dereita de Facu, logo de roubarlle a carteira a Juanma, este colocou un balón medido a Javi Rey que conectou un bo testarazo que se colou na portería visitante.  Dez minutos despois Xaime botou unha falta lateral e o debutante Nico, no segundo pao cabeceou lonxe do alcance de Rama. O central anotou diante do seu ex equipo. Do Paiosaco en ataque poucas novas na primeira metade. Tan só un lanzamento de Eiroa que desde fóra da área que saiu preto do pao.

O encontro cambiou na segunda metade. O Paiosaco recurtou diferencias na primeira ocasión. Uunha falta lateral foi rematada por Otero ao longueiro, pero o rexeite caeulle a Edu Dias que empurrou o balón para dentro da portería de Manu Cedrón. Os de Juan Riveiro creron nas súas posibilidades e acurralaron ao Viveiro por momentos. Otero tivo a máis clara para empatar, pero Agus sacou o seu disparo preto da liña de gol. Pouco despois, o recén incorporado De la Puente disparou alto tras un pase de Ventola e Iván Amor tamén se atopou cun defensor cando o balón xa superara a Manu Cedrón.

O Viveiro logrou capear o temporal e tivo as súas opcións de matar o encontro á contra. A máis clara levou a sinatura de Tichu, pero o seu lanzamento saiu desviado. Con este triunfo o Viveiro sae dos postos de promoción do descenso superando ao Arzúa, aínda que este ten un encontro por disputar.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 408

Deja un comentario