#Fútbol afeccionado #Con F de Futbolista #Feminino

O vento, protagonista da xornada, non pode co San Lázaro

Demasiado castigo para o PM Friol na coruña

Un 4-0 no marcador como o que indicaba o luminoso ao finalizar o partido RC Deportivo de La Coruña ‘B’ ante o PM Friol podería levar a pensar que foi un auténtico paseo e partido de «apisonadora» das coruñesas, pero nada máis lonxe da realidade.

Probablemente as friolesas xogaron o seu mellor encontro da tempada xunto ao desputado precisamente contra «As Celtas», pero tampouco nesta ocasión se viu recompensado. Se o marcador non fai xustiza, faina máis os datos dos saques dende o curruncho, que amosan o poderío no partido e nas accións de ataque das friolesas, con 8 córners frente ós 2 botados polas coruñesas.

Porén, os goles caeron do lado branquiazul. Na primeira parte, os dous primeiros goles, que chegan tras erros claros da defensa friolesa máis que por mérito coruñés. Os dous seguintes, xa na segunda parte, son bastante «polémicos», como tamén os cartóns no partido, con tres amarelas para o PM Friol por tres agarróns e partido en branco no eido das tarxetas para as coruñesas, que se afianzan na segunda praza da táboa. Pola súa banda, o PM Friol continúa sexto grazas a que a Bovedana tamén pinchou esta xornada.

Táboas para o CD Lugo e o Victoria

Aínda que no apartado da posesión o dominio foi visitante – para o Victoria – as ocasións non foron claras para ningún dos dous combinados que se deron cita en Lugo. As poucas ocasións de perigo que se deron no partido chegaron tan só dende o balón parado e nalgunha contra, que daban algo de tensión a un encontro bastante insulso.



O xogo concentrábase arredor do círculo central. As boas defensas por parte de ambos combinados impuxéronse ós ataques, evitando que nin locais nin visitantes foran quen de superar con claridade á defensa rival e conseguir anotar o ansiado gol, que nunca chegou.

Once inicial do CD Lugo. Foto cedida

O resultado foi o xusto: 0-0, e con el o CD Lugo cae á 12ª praza da clasificación, superado polo Real Oviedo nun punto logo de que estas gañaran o seu encontro desta xornada.

O fútbol non foi xusto co PM Friol ‘B’

O fútbol non sempre é xusto, e esta é unha das ocasións nas que se demostra. O empate do filial friolés (1-1) ante o UDJ Almeiras non fai xustiza ó partido das de Quiroga, que dominaron o partido tendo a posesión, propoñendo un xogo combinativo e asociativo de calidade.



Aínda que o Almeiras apenas tivo ocasións nos 90′ do encontro, sacaron un valioso punto da súa visita a Friol.

O gol das friolesas chegou despois dunha boa xogada combinativa e finalizada por Lidia na primeira parte. Na segunda parte, os primeiros minutos foron máis de dúbidas, pero de seguida se repuxeron co seu mellor xogo as friolesas.

Mais, nunha suma de mala sorte, na última xogada un balón rebota nunha xogadora friolesa para acabar entrando en propia porta e arrebatarlles os máis que merecidos tres puntos ó PM Friol B dunha maneira bastante dorosa e pouco xusta.

Once inicial do PM Friol B. Foto cedida

A próxima fin de semana agárdalles todo un derbi: ante o filial do CD Lugo nas Gándaras. «É un partido que todas as xogadoras de ambos os equipos están desexando xogar», aseguraba Quiroga na súa conversa con FutbolinLugo logo do encontro.

O filial lugués perde ao «waterpolo»

Once inicial do CD Lugo ‘B’. Foto cedida

As bolsas de auga formadas no campo de fútbol do Elviña convertíano máis nun deporte acuático que en fútbol, ao que dende logo non se podía xogar a nada máis que os clásicos «punteirolos», típicos dos patios de colexio cheos de lama.



Pese a que na primeira metade as luguesas tiveron dúas ocasións claras de man a man coa porteira nas que Ánxela se plantou na área rival, non conseguiron convertilas en goles que subiran ó marcador e que lle terían permitido ó CD Lugo B pórse por diante cando o estado do campo aínda era aceptable.

Quitando esas dúas ocasións, a primeira parte non tivo máis aproximacións de perigo para ningún dos dous equipos, agás a do gol do equipo local que, tras un tiro de falta, pega no pau longo e o balón queda morto na área pequena ata que é cazado polo Elviña para anotar o único tanto do encontro.

Foi na segunda parte cando o campo de fútbol se converteu en piscina grazas á tromba de auga que estaba a caer. No «waterpolo» a base de punteirazos, o CD Lugo ‘B’ non foi quen de facer nada con éxito e sorte para empatar ou remontar o partido.

Os tres puntos quédanse no Sangoñedo

Malia comezar perdendo, a SD Chantada conseguiu repoñerse e remontar o encontro para sumar 3 necesarios puntos na súa casa.

Unha primeira parte igualada, con moito xogo no medio campo pero con poucas chegadas á área por ámbolos combinados. Foi entón cando o Porriño tomou a iniciativa do balón, con máis posesión pero sen ser quen de superar á liña defensiva da SD Chantada. Foi precisamente un erro das locais, que permitiron un balón ó espazo no que a central e a porteira chantadesa non se entenderon e a dianteira porriñesa anticipouse para anotar cun golpeo raso de punteira.

A SD Chantada non baixou os brazos. Movía o balón pero o equipo, coas liñas demasiado separadas, non era quen de apoiar os apoios nas xogadas que lles permitiran articular chegada con perigo.

Xa na segunda metade, as chantadesas conseguiron avanzar en bloque, chegando á área rival con perigo e provocando varios saques de esquina. Foron en dous deles cando chegaron os dous goles de Saray. Primeiro, un bo centro de Eva fixo que o balón acabara no segundo pau dende onde Saray anotaría cun disparo co interior.

Co empate no luminoso, o Porriño volveu dar o seu mellor nivel, pero non era quen de chegar a tirar á portería de Andrea. O segundo do Chantada chegaría noutro saque dende o curruncho.

Once inicial da SD Chantada. Foto cedida

Xa por diante no marcador, foi Noelia quen anotou un golazo grazas a un bo caneo no borda da área. Pese ao dominio claro das vermellas, un erro defensivo e unha falta de Nati provocou un penalti a falta de 5′ do encontro. Nese momento a porteira chantadesa, Andrea, tirou de coraxe para deter o penalti e manter o marcador tal e como estaba: 3-1 co que chegou o encontro ó seu pitido final e co que a SD Chantada suma 3 importantes puntos.

A SD Antas non dá opción á Xuventú Aguiño

O equipo do Castro Seoane saiu coas ideas moi claras e non deu opción a un Xuventú Aguiño inferior.

As locais buscaban os 3 puntos para poñerse nos postos altos da táboa, e xa ó descanso sumaban 3 goles no seu casilleiro.

Un Aguiño coa liña defensiva moi adiantada sufría ás costas a profundidade das locais. Nuria asistiría a Iria con moita elegancia para anotar o primeiro nun man a man.

Jenny aproveitaría outro bo pase de Nuria para anotar o segundo diante da porteira. E Belén de novo enviaríalle o balón a Jenny que volvería marcar de novo.

Once inicial da SD Antas. Foto cedida

Na segunda metade o Antas puido golear pero as boas paradas da porteira a Elisa e Jenny, un balón de Iria o travesaño e un disparo de Ania rozando o gol non moveron o marcador.

Julene debutou na portería con moita seguridade e confianza para a xogadora da base celeste.

O vento tampouco para a un san lázaro que volve gañar

Para sorpresa de ninguén: tres puntos máis para o San Lázaro dirixido por Rubén Candal.

Aínda que o vento condicionou o encontro, o San Lázaro tratou de xogar máis, con máis posesión e creando perigo encarando á súa liña defensiva con vantaxe. Pola contra, as xogadoras do Cruces buscaban a marcaxe individual para apertar e saír á contra.

Pero nesa desputa de xogo, gañou o San Lázaro. Un moi bo partido de Euke e Morgan, fixeron que o seu equipo se adiantara moi rápido no marcador. Isto fixo que o Cruces saíra con todo a morder. Porén, logo de axustar liñas, o San Lázaro comezou a sentirse máis cómodo. Aínda que o Cruces apertaba, non era quen de anotar.

As xogadoras do San Lázaro celebran os tres puntos ó final do encontro. Foto cedida

Xa na segunda metade, o Cruces distanciou moito as liñas e iso era unha arma de dobre fío: moi perigosas á contra pero doadas de atacar. Foi entón cando se recurtaban diferenzas no partido. A primeira metade rematara cun 2-0 favorable ás locais, San Lázaro, grazas ós goles de Douaa e Mireia.

Sería no 54′ cando o Cruces recurta distancias cun gol de Claudia Novoa (2-1) pero o partido non correu en ningún momento demasiado perigo de escapárselle ó San Lázaro que xa no 90′ e por medio das botas novamente de Mireia, sentenciaba o encontro: 3-1 final e un San Lázaro que segue sumando para continuar amosándolle o alento na caluga ó Santiso, líder con dous puntos máis que o San Lázaro.

Partido igualado no Luis Gorgoso

A SCD Milagrosa levou os tres puntos dun partido máis igualado do que indica o resultado final (3-1). Foron as xogadoras do Negreira quenes ó pouco de comezar o partido (minuto 4′) abriron o marcador grazas a un gol de Sara Verde Rial. Mais a reacción das locais foi inmediata. Tan só un minuto despois Leire volvía a meter ao seu equipo de cheo no partido.

Foi ela mesma, Leire, quen no 18′ poría por diante ás locais. Ese sería o resultado co que continuaría a meirande parte dun encontro con moita igualdade entre ambos combinados. Porén, no 90′, Daniela Castro anotaría o terceiro para a Milagrosa, tanto co que se pechaba o marcador no Luis Gorgoso.

Con estes tres puntos a Milagrosa suma 9, colocándose na sétima posición.

O vento lévase varios encontros da xornada

As alertas por vento e choivas obrigaron ó Monte Forte e á Comercial a adiar os seus encontros esta fin de semana. O Carballedo tamén aprazou o seu partido para o vindeiro 15 de decembro.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *