O Ribadeo xa pensa no debut ligueiro do vindeiro fin de semana diante da Residencia no Pepe Barrera logo de caer derrotado nas semifinais da I Supercopa Galicia que disputou diante do Portonovo no Carballal de Boimorto (1-2).
Os mariñáns saíron ben ao partido e antes dos cinco minutos de xogo xa estaba por diante no marcador. O colexiado sinalou penalti por man dun defensor do Portonovo e Xaime transformou o lanzamento desde os once metros. Os de Dani Moirón gozaron co marcador a favor dos seus mellores minutos no encontro. O propio Xaime, Criss e Aitor tiveron claras ocasións para poñer terra de por medio no marcador. Din que o que perdoa paga e así foi. Xusto antes do descanso, Charlie logrou a igualada.
Logo do paso polos vestiarios o Ribadeo amosouse de novo superior ao rival, pero no minuto 54 un tanto novamente de Charlie ao aproveitar un rexeite dentro da área puxo por diante ao Portonovo. O técnico mariñán moveu pezas na procura do empate. Diego Ferreiro e Santi entraron no canto de Iván e Guntín nunha mostra clara de intencións dos ribadenses.
O encontro entrou nun ida e volta con ocasións para ámbolos conxuntos e a falta de quince minutos para o final o Ribadeo dispuxo dun novo penalti, que desta volta errou Xaime. Nos últimos intres, con máis corazón que cabeza os mariñáns tentárono sen éxito.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)