O Racing Vilalbés volve a zona de promoción de ascenso logo de golear ao Silva

A xornada dos nosos de Terceira déixanos a derrota do Polvorín diante do Somozas, a goleada do Racing Vilalbés na Madalena fronte ao Silva e o empate in extremis do Viveiro co Arzúa. Na Preferente a Sarriana rematou goleando ao As Pontes, mentres que o Lemos non puido sumar diante do Betanzos. O derbi mariñán caeu do lado do Ribadeo diante do Foz e a Residencia gañou pola mínima tamén ao Santaballés. O Escairón caeu na súa visita ao San Tirso.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

O Polvorín cede o liderato no enfrontamento directo co Somozas (0-1).

O filial do CD Lugo non puido manter o liderato no enfrontamento directo co Somozas. O conxunto ferrolterrán comezou mellor e non tardou en facerse co dominio do encontro. O froito non se fixo agardar. Aos 17 minutos, Marcos Álvares puxo un bo centro que rematou Bruno Bellas desde a frontal da área. O Polvorín tentou recuperar o control do balón, para facer o seu habitual fútbol, pero non logrou en ningún momento sentirse cómodo sobre o Municipal de Pol. As únicas ocasións chegaron en tiros exteriores sen demasiado perigo.

Deportes Élide

Na segunda metade, os de Álex Ortiz adiantaron liñas e o Somozas aproveitou os espazos e Rubo puido sentenciar nun man a man diante de Julen que resolveu ben o gardameta lucense. Na área contraria Fidalgo puxo a proba a Marcos Souto e Rojo cun testarazo tamén estivo a piques de marcar, pero o marcador foi inamovible.

O Racing Vilalbés entra en postos de promoción logo de golear ao Silva na Madalena (4-0).

Encontro máis cómodo do previsto para o conxunto chairego diante dun sempre correoso Silva. Malia o cómodo resultado, o equipo dirixido por Bardanca inquitou nos primeiros compases por medio de Dembelé en dúas ocasións. Co paso dos minutos o Racing meteuse no encontro e aos vinte minutos chegou o primeiro tanto á saída dun córner obra de Jose Varela. Antes do descanso Otero puxo terra de por medio logo dun bo pase de Javi Rey. O Silva non se deu por vencido e meredeou a área rival con certo perigo.

Na segunda metade, sobre todo a partir dos trocos realizados por Simón Lamas, o Racing atopouse moito máis cómodo. No minuto 61 un tiro de Jose Varela foi rexeitado polo gardameta de Javi Rey, atento ao rexeito sentenciou o encontro. Pouco despois un bo servizo de Pedrosa finalizou co segundo tanto na conta de Javi Rey, desta volta no un contra un ante Damián.

Con este triunfo o Racing Vilalbés é quinto na clasificación e segue sen coñecer a derrota en 2022.

Arturo salva un punto de ouro para o Viveiro diante do Arzúa (1-1).

Prosegue a boa xeira do Viveiro, que xa suma cinco xornadas sen coñecer a derrota. Desta volta acadou un meritorio e traballado punto diante do Arzúa, rival directo por evitar o descenso. Na primeira metade non se viron excesivas ocasións. Os visitantes inquedaron cun lanzamento de Diego Enjamio que a piques estivo de colarse na portería de Manu Cedrón e a máis clara tívoa Chiño, que estrelou o balón no longueiro. O cadro local inquedou a balón parado nun bo testarazo de Álex Meitín.

A segunda metade perdeu o ritmo que tivo a primeira e apenas se puideron presenciar ocasións de gol, ata que a falta de dez minutos para o final Óscar Lorenzo aproveitou un erro defensivo para adiantar ao Arzúa. Cando parecía que o «queixo mecánico» ía levar os tres puntos de Cantarrana emerxeu a figura de Arturo para marcar cun bo tiro cruzado desde dentro da área. Era o minuto 94.

Un encontro igualado rematou en goleada do Sarriana diante do As Pontes (5-2).

A enorme pegada do cadro sarriao sentenciou un encontro moi igualado no que o As Pontes puxo en moitas complicacións aos de Edu Rodríguez. Os visitantes presionaron moi arriba tratando de impedir a circulación do balón da Sarriana. Malia todo o conxunto local foi quen de marchar ao descanso con dous goles de vantaxe con tantos de Gerardo, de penalti e de Omar.

Os primeiros quince minutos da segunda metade foron de dominio pontés, nos que foron superiores ao seu rival. Os de Rafa Casanova amosaron ter as ideas moi claras e lograron empatar por medio de Dani Bellas e David Pájaro. O técnico local moveu o banquiño e a Sarriana recuperou de novo o dominio do partido. E en menos dun cuarto de hora foron quen de anotar tres tantos, dous deles de Gerardo e o último de Diego Rey, xa en tempo de desconto.

O Lemos realizou un bo encontro pero non puido cun Betanzos en estado de gracia (0-1).

Encontro moi aberto, sobre todo nunha primeira metade marcada polo único tanto do encontro. Foi de penalti anotado por Juan de Dora. O Lemos non se veu abaixo e gozou de claras ocasións para facer o empate nas botas de Castro e Mauro. Pero o Betanzos aproveitou os espazos e puido deixar sentenciado o choque. Juan de Dora estrelou un balón no pao e Anthony puxo a proba a Losada.

Na segunda metade os dous conxuntos libraron unha igualada contenda no medio do campo e as ocasións brilaron pola súa ausencia. Alberto López modificou o sistema de xogo en varias ocasións buscando superar a ordenada defensa betanceira, pero os monfortinos non foron quen de igualar o encontro.

Un solitario tanto de Criss dalle o triunfo ao Ribadeo no derbi mariñán de Preferente (1-0).

Encontro trascendental para o Ribadeo, que chega as dúas últimas xornadas con opcións de evitar a fase de permanencia. O Foz non llo puxo doado, pero amosou as súas enormes carencias de cara a portería rival. No primeiro tempo os de Gayol presionaron con moito orde a un Ribadeo que non logrou atopar o camiño de cara a portería de Alonso. Tan só a falta de dous minutos para o descanso foi quen de marcar. Foron precisamente dous focenses os verdugos. Diego Hermida centrou desde o perfil dereito do ataque e Criss lonxe do alcance do porteiro.

Na segunda metade o Ribadeo atopouse máis cómodo diante dun Foz que buscou o empate, aínda que sen moitas ideas. Tan só Diego Chao foi quen de disparar entre os tres paos. Os de Dani Moirón puideron sentenciar en dúas claras ocasións de Matelo e Xairo.

A Residencia vence no Cheda ao Santaballés e evita a segunda vitoria consecutiva dos chairegos (1-0).

Comezou mellor o conxunto local, que dominou con claridade os primeiros vintecinco minutos de encontro, onde o colexiado lles anulou un tanto por fóra de xogo. Os de Dani Galán non dispuxeron de grandes ocasións nese periodo de partido, pero anularon por completo ao seu rival. Sobrepasada a media hora de encontro chegou o único tanto do encontro. Nun saque desde o curruncho o gardameta chairego non acertou no despexe e o balón rematou dentro da portería. Xusto antes do intermedio Xabi puido facer o segundo logo dun bo pase de Rois, pero rematou alto.

No comezo da segunda metade Dani Renda estrelou o balón no longueiro e o rexeite detívoo ben Ivo. Pouco despois chegou a mellor ocasión do Santaballés cun bo testarazo de Nito á saída dun córner que saiu fóra por moi pouco. Co paso dos minutos os de Juan Rodríguez fixéronse máis co dominio do partido, aínda que sen xerar excesivas ocasións. A falta de cinco minutos para o remate, Cancio nunha doble ocasión puido sentenciar o choque.

O Escairón non foi quen de sumar na súa visita ao San Tirso (2-0).

Os de Jorge Rodríguez amosan unha mellor imaxe encontro tras encontro, pero desta volta non foi dabondo para lograr sumar no campo dun San Tirso que aproveitou unha das únicas ocasións da primeira metade. Foi o veterán César quen anotou o primeiro tanto para o conxunto coruñés. O Escairón chegou á área rival con certo perigo e Moha e Quiroguita tiveron ocasións para acadar o empate.

Na segunda metade, os do Saviñao volcáronse na procura do empate, pero sen moito acerto preto da ára rival. A falta de vinte minutos para o final Etham marcou en propia porta e o encontro quedou sentenciado.

Imagen por defecto
Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Artículos: 499

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.