Derrota pola mínima do Racing Vilalbés na Madalena fronte ao Rápido de Bouzas no encontro de ida das semifinais do play off de ascenso a Segunda RFEF. O conxunto de Simón Lamas terá que vencer no Baltasar Pujales para avanzar á seguinte rolda.
Na Preferente importante vitoria da Sarriana no campo do Pino, con remontada incluida. Triunfo da Residencia diante do Dubra, que lles fai avanzar aos lucenses varios postos na clasificación. O Portomarín foi quen de sumar os tres puntos seis meses despois da súa última vitoria. Foi no Chao da Poza diante do Fisterra. Derrotas dos dous conxuntos lucenses que pelexan por seguir na Preferente. O Ribadeo caeu no Pepe Barrera diante do poderoso Boiro e dolorosa derrota do Lemos no campo dun Unión que supera aos monfortinos na clasificación.
O Racing Vilalbés viaxará con desvantaxe ao Baltasar Pujales (0-1)
Encontro moi vistoso para o espectador o que disputaron ambos equipos na Madalena, sobre todo no primeiro tempo. O partido comezou sen un dominador claro porque ningún se facía valer no medio do campo. A primeira oportunidade foi para o Racing cun perigoso disparo de Marcos Álvarez en xogada individual. Xusto antes do ecuador do primeiro tempo o Rápido de Bouzas púxose por diante. Nun mal despexe de Álex Pérez o balón caeulle a Yago Pérez e o seu disparo superou a Álex Santomé. Malia todo o atacante do Racing foi do máis destacado do seu equipo. Sentoulle ben o gol ao conxunto vigués, que dispuxo de varias ocasións, a máis clara nas botas de Cellerino que o gardameta chairego enviou a córner. O Racing inquedou nos últimos intres do primeiro tempo cunha boa xogada por banda equerda entre Buyo e Álex Pérez que rematou cun remate forzado de Make. Rares tivo a última antes do intermedio. O seu disparo desde dentro da área saiu alto.


A segunda metade comezou como rematou a primeira. Co Racing asomándose con perigo na área do Rápido. Rares, cun disparo desde fóra da área, e Álex Pérez cun man a man co porteiro logo dun servizo de Santi Gegunde, contaron con dúas boas ocasións de gol. Co paso dos minutos foi habendo menos fútbol. O cadro vigués buscou ampliar as diferencias e os de Simón Lamas buscaron un empate que tampouco chegou. Vérez e Jose Varela tiveron as mellores opcións no tramo final.
Dous goles nos últimos minutos supoñen un triunfo vital para as aspiracións da Sarriana (1-2)
A Sarriana abre oco no liderato. Distancia ao Noia a catro puntos, pero segue con cinco de marxe sobre o terceiro clasificado, o Betanzos. Encontro moi sufrido no campo do Pino, no que a Sarriana foi quen de ter o balón e xerar numerosas ocasións, pero sen acerto nos metros finais. Santín contou con dúas claras opcións de gol nos primeiros minutos e Herrero desperdiciou un man a man diante do porteiro. O conxunto de Brais Prados encaixou o gol xusto antes do descanso. Nunha perda de balón, o Pino logrou adiantarse no marcador cunha rápida transición que culmina Rubén Ferreiro.

Na segunda parte a Sarriana pasou a xogar con dous dianteiros, pero non mellorou a definición ata os últimos dez minutos. No 80 un centro de Pablo Rey controlouno na área Echavarri e batiu ao porteiro local. A falta de catro para o final outro bo servizo de Pablo Rey foi rematado no primeiro pao por Santín anticipándose ao seu marcador.
A Residencia vence ao Dubra na Cheda e xa é sétimo (3-2)
Primeira metade igualada en con escasas ocasións de gol. Cumprida a media hora de xogo a Residencia inagurou o marcador. Funcionou a pizarra de Dani Galán. Un córner moi aberto sacado por Dani Renda rematouno desde fóra da área Sergio cun gran disparo ante o que nada pode facer Iván Baña. Pouco despois, noutro córner o Dubra igualou o encontro por medio de Brais.
Na segunda metade a Residencia foi superior e puido adiantarse por medio de Adrián que rematou fóra un bo servizo de Dani Renda. Precisamente foi Dani Renda o que volveu poñer por diante á Resi, cun bo tiro cruzado. O Dubra, malia todo, non lle perdeu a cara ao encontro e logrou igualar o marcador por segunda vez cun fermoso tanto de vaselina de Cristian. Iago Buján puido facer o terceiro nun man a man diante do gardameta rival. Quen non errou foi Yeray que rematou ao fondo da portería un bo centro de Dani Renda. Preto do final, Poratti rozou o cuarto cun bo remate que enviou a córner Iván Baña.
O Ribadeo sucumbe ante a efectividade do Boiro (0-3)

Non puido sumar o Ribadeo diante dun Boiro que amosou no Pepe Barrera o por qué da súa condición de favorito ao ascenso, sobre todo a nivel de efectividade cara a gol. Comezou mellor o conxunto visitante nos primeiros dez minutos e foi quen de manexar o balón e chegar ás inmediacións da área ribadense con perigo, sobre todo pola banda esquerda. Dos Santos solventou ben un disparo de Gregor, xusto antes de que o colexiado sinalara penalti por man de Roi cando o zagueiro tentaba despexar o balón. Pedro Beda non errou desde os once metros. A partir de aí o Ribadeo fíxose co control do partido e Álex Meitín rozou o empate cun potente disparo desde fóra da área que saiu moi preto da escadra. Nun balón á área do Boiro o balón golpeou na man de Javi Domingo, pero o colexiado non sinalou penalti. A acción foi moi protestada polo cadro local. O dominio dos pupilos de Dani Moirón viuse sacudido en cinco minutos fatídicos. Primeiro Pedro Beda fabricou unha xogada que él mesmo culminou cun gran disparo desde fóra da área e que rematou no fondo da portería, amosando que é un xogador doutra categoría. Pouco despois unha gran xogada combinativa entre Saro, Pedro Beda e Gregor, rematou co gol deste último. Antes do intermedio, Asier contou cunha clara ocasión para recurtar diferencias.
Na segunda metade as mellores ocasións do Ribadeo chegaron a balón parado, case todas con Álex Meitín como protagonista, poderoso no xogo aéreo, pero sen acerto cara o gol. O Boiro só chegou á área ribadense nos últimos intres e contou cunha boa ocasión para ampliar a renda por medio de Viturro, que rematou fóra logo dunha indecisión da defensa e o gardameta.
O Lemos da un paso atrás na pelexa pola permanencia ao perder no campo do Unión (1-0)
Derrota do conxunto monfortino diante dun rival directo, un Unión que chega en racha ao tramo decisivo da competición e sumou a súa cuarta vitoria consecutiva coa que se mete de cheo na pelexa por evitar o descenso. O Lemos queda en postos de descenso directo. Costoulle aos de Óscar Moure entrar no encontro diante dun equipo moi intenso. O conxunto local contou con varias ocasións claras de gol ata que sobrepasado o ecuador da primeira metade o Lemos colleulle o pulso ao encontro. Diego Torres e Álvaro contaron con claras opcións de gol.
Logo do paso por vestiarios o Lemos tivo o encontro controlado e o Unión apenas chegou con perigo á portería defendida por Losada. Ben é certo que aos monfortinos costoulles xerar situacións de gol e a falta de quince minutos para o final, nunha perda de balón, o Unión castigou co único tanto do encontro obra de Saviola. O Lemos volcouse na procura do empate e contou con boas ocasións para acadalo, incluido un gol anulado por un fóra de xogo moi discutido.
O Portomarín logra a súa segunda vitoria da temporada (2-0)
Foi diante do Fisterra. Encontro no que o conxunto local foi moi superior ao longo de todo o encontro, con ocasións claras para contar cun marcador máis amplo. Pardo, nada máis comezar, puido abrir a lata, Mario estrelou o balón no pao e Troulo á saída dun córner, tamén puido adiantar aos miñotos. Noutro córner botado por Javicho, Barrio cun bo testarazo adiantou ao Portomarín cando se ía cumplir a media hora de xogo.
Na segunda metade, o Fisterra seguiu sen inquedar a portería de Chumi. Martín e Troulo estrelaron dous balóns no pao. Xa no tramo final, Fente sentenciou un encontro no que o Portomarín foi moi superior ao seu rival.
