Viñamos dicindo nas últimas xornadas que estaban a espera dos rivais. E foi a pasada fin de semana cando o Ferreira fallou e o Portomarín aproveitou. Tamén fallou o Sanci no grupo norte, pero non lle chegou ao Sporting Pontenova para asaltar o segundo posto. Ambos equipos están igualados a puntos. Sabemos máis detalles nos Onces Futbolinlugo da 21ª xornada da Segunda Rexional.
No grupo norte, ningún dos dous equipos que ocupan praza de ascenso gañaron. Os dous empataron. Dixo o Alfoz que fora un encontro a cara de can. Poucas ocasións nun Municpal de Xermade que non viu goles dos seus nin dos visitantes. Os locais seguen pagando cara a súa escaseza goleadora. E dato a destacar: primeiro encontro do curso no que o Alfoz non marca gol. A pesar de todo mantense na cabeza. Sete puntos de marxe sobre os seus dous perseguidores máis próximos. E 27 puntos son os que quedan en xogo. O Sanci mantén a segunda praza no limbo. Empatou a un gol no seu duelo ante a Candelaria. O partido coa Pontenova na Mina dentro de catro xornadas pode resultar decisivo para desfacela igualada. Polo momento, o equipo de Leiro ten a partida gañada no tocante ao gol average co 4-0 da primeira volta. E que o conxunto da Pontenova continúa medrando na clasificación. Terceira vitoria seguida logo de derrotar con claridade ao Muimenta.


Da parte alta o único equipo que tamén saíu beneficiado foi o Meira. Ademais venceu na Lomba a un rival directo como é o Celta Barreiros. O cadro meirego sitúase a cinco puntos dos postos de ascenso. Con duelos co Sanci e co Sporting Pontenova aínda pendentes. Na zona media, o Guitiriz e o Cospeito aínda poden soñar cunha arroutada final. Os dous suman 30 puntos despois dos seus respectivos triunfos. O equipo guitiricense volveu ao camiño da vitoria na súa visita a Goiriz. O cadro local queda con só un punto de diferenza con respecto ao descenso directo. Pola súa banda, o Cospeito derrotou a un dos de arriba, o Cabreiros. Foi pola mínima vantaxe pero no encontro houbo cinco goles. O Cospeito marcou os seus na primeira e o conxunto xermadino na segunda. Tamén se consolida na zona media o Mondoñedo. Venceu cun gol ao Abadín no Municipal. As oito vitorias que leva o club mindoniense no que vai de competición foron conseguidas nos últimos 12 partidos. Quen pode presumir dos últimos doce encontros tamén é o Roupar. Porque é exactamente o número de encontros que levan sen perder os xogadores adestrados por Borja Bouza. Nesta última xornada empataron nas Valgas ante un necesitado Iberia. Foi o único que puntou da zona baixa.
No grupo sur, o San Lázaro amplía a súa distancia co terceiro clasificado. Once puntos de vantaxe logo de superar ao Corgo. O que cambiou foi a súa compañía na zona de ascenso. O Portomarín aproveitou a derrota do Ferreira para colocarse no segundo posto. Os pupilos preparados por Fernandito venceron a domicilio ao Chantada B. A xeira de nove encontros sen perder levounos a regresar a un posto no que non estaba dende a cuarta xornada de liga. O Ferreira levaba en posicións de ascenso de xeito ininterrumpido dende a xornada 5.

A seis puntos do segundo clasificado queda agora o Río Sil. Isma remontou cun dobrete o tanto inicial do Oural. Houbo catro goles máis no encontro para rematar 5-2. Na próxima xornada asoma no almanaque un Portomarín – Río Sil que pode traer consecuencias clasificatorias. Volveu ao camiño da vitoria o Becerreá nun dos seus mellores partidos do curso. Superaron no Municipal ao Paradela. Marcharon por diante ao descanso e sentenciaron no segundo acto. 10 puntos separan o conxunto adestrado por Antón da zona de ascenso. Un máis é a distancia que ten o Incio. O cadro amarelo venceu ao Bóveda nun encontro no que lles costou máis do agardado. Os locais non entraron ben no partido. A chispa coa que saíron no segundo tempo serviulles para marcar tres goles. Dobrete de Hugo. Practicamente no único tiro a porta do Bóveda, o cadro adestrado por Sergio Cabanelas marcou o gol da honra. O Páramo, tamén situado na zona media, foi quen derrotou ao Ferreira. Na zona baixa, o Palas e o Brollón igualaron a tres goles. Un punto que significa tamén un punto máis de diferenza cos postos de descenso directo. De aí saíu nesta xornada o Quiroga. A súa vitoria en Santa Comba permítelle coller aire e meter ao seu rival en problemas.