#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Polvorín vence e recupera o primeiro posto de Terceira

O triunfo do Polvorín diante do Arnoia e a derrota do Somozas diante do Ourense fixeron que o filial albivermello volva ao primeiro posto de Terceira. O Racing Vilalbés continúa na sexta praza logo de empatar sen goles co Rápido de Bouzas e o Viveiro sumou outro punto en Cantarrana diante do Silva. Na Preferente, o Ribadeo non puido clasificarse para a fase de ascenso ao empatar sen goles diante do Betanzos. Non tería opción debido ao triunfo do Mugardos na Pinguela diante do Lemos. A Sarriana gañou na Ribela ao Victoria e a Residencia empatou na Cheda co As Pontes e o Santaballés na Grela diante do Montañeros. O Foz caeu goleado no campo do San Tirso.

O Polvorín recupera o liderado de Terceira logo de derrotar ao Atlético Arnoia (2-0).

Encontro difícil para o Polvorín diante dun Arnoia que defendeu coas liñas moi xuntas que dificultaba o xogo combinativo do filial lucense. Os visitantes buscaron xerar perigo en rápidas saídas á contra e tamén en xogadas a balón parado.

Ata a segunda metade non se viron goles no Municipal de Pol. Un bo centro de Expo rematouno Idrissa de cabeza superando ao gardameta ourensán. Co marcador a favor o encontro abriuse e os de Álex Ortiz atoparon máis espazos para chegar con perigo á área rival. Moi preto do final chegou a sentencia cun pase atrás de Leandro que rematou Rojo ao fondo da portería.



Co triunfo lucense e a derrota do Somozas no Couto, o filial albivermello recupera o primeiro posto de Terceira.

O Racing Vilalbés igualou sen goles diante do Rápido de Bouzas, rival directo na pelexa pola quinta praza (0-0).

O conxunto chairego non puido superar ao Rápido de Bouzas na Madalena nun encontro moi parello e pechado no que o xogo non resultou fluido. Na primeira metade o Racing só chegou nunha ocasión con perigo á portería contraria nun remate de Otero que despexou Álex Vila a córner. O cadro vigués gozou de dúas ocasións moi claras. Adrián e Álex Rey atopáronse con dúas intervencións de mérito de Ángel Fraga.



Na segunda metade os dous equipos trataron de non cometer erros para non perder o encontro, pero foron os de Simón Lamas quen gozaron das ocasións máis claras, sobre todo despois da entrada no rectángulo de xogo de Rares. O canteirán con dous disparos preto do pao estivo a piques de desnivelar o marcador.

O Viveiro suma un punto diante do Silva e pon outra pedra para acadar a permanencia (1-1).

Sexta xornada consecutiva sen perder para un Viveiro que punto a punto ten a permanencia máis preto. Non comezou ben o encontro para o Viveiro. Aos cinco minutos adiantouse o Silva cun gol de Álvaro Rey. Poucas ocasións se viron nunha primeira metada na que o conxunto coruñés impuxo a súa solidez defensiva. Tan só Tichu foi quen de rachar a ordeada zaga dos de Bardanca cun lanzamento que se estrelou no longueiro.

Na segunda metade David Páez moveu o banquiño coa entrada de Asier, Pablo Rey e Rolle e o equipo mellorou e volcouse na procura do empate. Berrocal contou cunha boa ocasión, pero houbo que esperar ao minuto 85 para que os celestes igualaran o choque cun bo tanto de Dani Fernández.

A Sarriana venceu na Ribela a un combativo Victoria (3-1).



A primeira metade tivo clara cor visitante. O conxunto coruñés saiu moito máis metido no encontro que a Sarriana e contou con varias ocasións claras para marcar ante as que respostou ben Parapar, que volveu á titularidade do conxunto sarriao. Malia todo os primeiros corenta e cinco minutos remataron sen goles.

Logo do paso por vestiarios os de Edu Rodríguez melloraron, sobre todo en actitude e en dez minutos encarrilou o encontro con goles do xuvenil Hamza e Omar. O Victoria non se rendiu e recurtou diferencias cun golazo de falta de Raña. Xa co tempo cumprido outro xuvenil Rubén Mourelo, que debutaba co primeiro equipo, sentenciou o encontro.

As baixas pasaron factura ao Lemos que cedeu na Pinguela diante do Mugardos (2-3).

Con dez baixas afrontou o cadro monfortino o último encontro da primeira fase. Sen nada en xogo clasificatoriamente falando, os de Alberto López foron superiores na primeira metade a un Mugardos que poñía en xogo o seu pase á fase de ascenso. Aos vinte minutos de xogo, Mauro, o mellor dos locales, fixo o primeiro e xusto antes do intermedio a piques estivo de poñer terra de por medio.

Na segunda metade o técnico visitante moveu o banquiño e os de ferrolterra melloraron de xeito considerable e antes dos dez minutos de xogo remontaron o choque con goles de Sergio e Quique. O Lemos foi quen de volver a meterse no partido e logrou o empate por medio de Sidibé que tería que abandonar o encontro con molestias pouco despois. Nun erro de concentración da zaga monfortina Permuy logrou o terceiro gol que clasificou ao Mugardos para a fase de ascenso.

O Ribadeo empatou sen goles co Betanzos e xogará a fase de permanencia (0-0).

Once xornadas sen coñecer a derrota e catro sen encaixar un gol non foron dabondo para que o Ribadeo lograra a permanencia pola vía rápida. Era obrigado o triunfo diante do Betanzos e que o Mugardos pinchara na Pinguela. Nin unha cousa nin outra e os de Dani Moirón, con 37 puntos terán que pelexar por manter a categoría na compricadísima fase de permanencia.

A primeira parte foi de completo dominio local. Nada máis comezar o encontro Santi inventou un pase maxistral para Matelo que regateou ao porteiro pero a rapidez do zagueiro impediu o remate do ribadense cando tiña a portería para él. Pouco despois invertíronse os papeles e o centro de Matelo rematouno de cabeza Santi preto do pao. O propio Matelo disparou preto da escadra logo dun rexeite da defensa visitante e pouco despois os ribadenses reclamaron penalti sobre Santi que o colexiado non sinalou. O Betanzos apenas inquedou a portería defendida por Dos Santos.

Na segunda metade o Ribadeo acusou a precipitación e estivo moito máis impreciso co balón e ata os últimos compases apenas creou situacións de gol. O cadro visitante mellorou cos trocos e aínda que non tivo ocasións para adiantarse no marcador, a entrada de Óscar Martínez deulle moita máis presencia en área rival. Nos últimos intres, coa entrada do xuvenil Diego o Ribadeo buscou o tanto do triunfo. A ocasión máis clara tívoa Iván, pero o seu disparo despexouno Antón nunha boa intervención.

O bo encontro da Residencia rematou en empate diante do As Pontes (2-2).

Gran actuación do cadro adestardo por Dani Galán para rematar a primeira fase. Aos vinte minutos do partido Yeray aproveitou un bo centro de Iván e cun bo testarazo inaugurou o marcador. Co marcador a favor chegaron os peores minutos do conxunt lucenses. Dous erros defensivos da Resi castigounos Lucky con dous tantos cos que o As Pontes se marchou ao descanso con vantaxe no marcador.

Na segunda metade o conxunto local gozou de numerosas ocasións de gol. Unha vaselina de Borja Rasilla que sacou un defensa preto da liña foi a primeira e o xuvenil Javi Calderón, no día do seu debut, tivo tres claras ocasións que non foi quen de aproveitar. O empate chegou no minuto 68 nun balón ao espazo de Dani Renda que Borja Rasilla controlou e definiu ben diante do gardameta visitante.

O Santaballés sobreponse ás innumerables baixas e empate no campo do Montañeros (2-2).

O conxunto coruñés tivo o dominio do balón durante a primeira metade, pero sen xerarlle perigo a un conxunto chairego que logrou adiantarse preto da media hora de xogo nun lanzamento de falta de Palomo. Puido facer o segundo Miguel, pero o seu tiro rematou no longueiro. O Montañeros logrou o empate na última xogada do primeiro tempo cun golazo de Rubén Rivera.

A segunda metade comezou da mellor maneira para os de Juan Rodríguez. De novo Palomo viu porta logo de superar ao gardameta cunha vaselina. Ata os últimos quince minutos o encontro seguiu o mesmo guión. O conxunto local tiña o balón, pero sen inquietar a área chairega. Sen embargo no tramo final, o Montañeros aproveitou o baixón físico dun Santaballés no que as incontables baixas fixeron que o gardameta suplente Adrián tivera que entrar como xogador de campo en sustitución de Soto. No minuto 85 André igualou cun certeiro testarazo ante o que Ivo nada puido facer.

O Foz caeu goleado diante dun San Tirso con máis en xogo (4-1).

O cadro mariñán non puido sacar nada positivo da súa visita a O Monte. O San Tirso, aínda con opcións de evitar a fase de permanencia, amosou que tiña máis en xogo que un Foz que voltou a amosar a súa falta de pegada. Na primeira metade tan só se viu un gol, o anotado por Xian desde fóra da área que se colou pola escadra de Rubén.

Na segunda metade Segade anotou o segundo ao sorprender á zaga focense e Denis, ex do Racing Vilalbés e Polvorín sentenciou o encontro aínda con vinte minutos por diante. A falta de cinco minutos para o final o veterán César fixo o cuarto. Co tempo cumprido Diego Vicente aproveitou a relaxación local para anotar o tanto da honra.

O Polvorín vence e recupera o primeiro posto de Terceira

A segunda fase da preferente xa ten

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *